Seguen a medrar as voces entre as entidades que atenden persoas con discapacidade ou diversidade funcional para instaren a Xunta a "reconsiderar" ou "rectificar" a decisión de non permitir ata setembro a reapertura dos centros de día e ocupacionais pechados por mor do coronavirus. A medida afecta tanto aos centros públicos como privados e de iniciativa social, tanto de maiores como do resto de poboación que acode a eles.
As entidades de Autismo Galicia tamén traballaban na reapertura baseándose no protocolo elaborado no Sergas, do que agora desapareceron as dez páxinas dedicadas aos centros de día
Tras os pronunciamentos públicos da Plataforma dos Centros de Día, ASPACE Galicia, FEGADACE Galicia ou o Colexio de Educadoras Sociais, chega tamén a reivindicación formal ante a Consellería de Política Social por parte da Federación Autismo Galicia, que representa máis de 8.000 persoas agrupadas en 16 entidades que traballan con persoas con trastornos do espectro autista. O malestar na entidade débese sobre todo ao fondo da decisión, pero tamén á forma, toda vez que souberon da prolongación do peche cando Alberto Núñez Feijóo a anunciou en rolda de prensa, o pasado 29 de maio.
Como os centros de día para maiores, tamén as instalacións que dependen das entidades agrupadas na Federación Autismo Galicia estiveran a "traballar nun calendario protocolizado para a reapertura" baseándose no Plan de Reactivación "facilitado pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria" o 12 de maio. Trátase do documento do que despois desapareceron as dez páxinas relativas ao desconfinamento dos centros de día. Facíano, advirten, porque a situación de moitas familias afectadas está a virar "insostible".
"As características das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) atendidas nos centros de atención diúrna precisan de apoios especializados" para desenvolveren a súa vida diaria e "melloraren as súas habilidades para a autonomía persoal". Por ese motivo, "a perda da intervención terapéutica" que reciben nos centros "supón un atraso grave das súas capacidades e aprendizaxe, que nalgúns casos pode resultar moi prexudicial", derivando en "agravantes e retrocesos do seu desenvolvemento".
Autismo Galicia alerta de "agravantes e retrocesos no desenvolvemento" das persoas con TEA se están seis meses sen "apoio especializado", pero tamén do "grave prexuízo" para as familias pola "sobrecarga de coidados sen recursos de atención"
Como o resto de entidades, Autismo Galicia alerta tamén do "grave prexuízo" que ata seis meses e peche dos centros de día supón para as familias, "que estes meses asumiron a sobrecarga de coidados, sen recursos de atención para os seus fillos e familiares", coa consecuente repercusión "no ámbito emocional, laboral e físico". "Temos que incidir -agregan- na importancia da especialización do noso persoal de referencia para o tratamento do TEA e a necesidade da intervención en contextos fóra do domicilio e o respiro das familias".
Por todo isto, Autismo Galicia advirte á Xunta de que "a situación das persoas con TEA e as súas familias e a precisa especialización dos profesionais que atenden o noso colectivo" torna en "insostible a perda de servizos terapéuticos ata setembro". "Solicitamos que se articulen criterios e posibles alternativas" para "poder dar continuidade á atención das persoas con TEA con necesidades urxentes" se é que finalmente, a Xunta non rectifica, conclúen.