As persoas con transtornos do espectro do autismo (TEA) enfróntanse cada día a diversas barreiras nas súas actividades cotiás. Acontece malia á existencia de normativas autonómicas, estatais e internacionais a prol da súa integración en todos os ámbitos. A necesidade de "romper" esas barreiras é a mensaxe central dos movementos de persoas con autismo e as súas familias neste 2 de abril, Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, no que organizacións como a Federación Autismo Galicia fan un esforzo de visibilización para chamar a atencións obre as tarefas pendentes.
Unha campaña na que rostros coñecidos de ámbitos como a política, o deporte e a cultura fixeron súa esta mensaxe, estas asociacións poñen o foco en que hai xa dez anos que foi asinada a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidades. Esta convención "foi ratificada pola Unión Europea e case todos os seus Estados membros", pero non todas as autoridades, lamentan, adquiriron aínda un "compromiso firme na eliminación de moitas barreiras" que "aínda impiden as persoas con TEA gozar dos seus plenos dereitos".
"Aínda que a concienciación sobre o que é o autismo está medrando", explican no seu manifesto polo día mundial, "moitas persoas con TEA e as súas familias consideran que non se acaba de comprender", por iso "é crucial que os responsables políticos de toda Europa e a sociedade no seu conxunto logremos unha mellor comprensión do autismo e actuemos na eliminación das barreiras que impiden a plena inclusión". Para facelo propoñen unha estratexia con dúas vías: a lexislativa e a social.
O movemento asociativo das persoas con TEA e as súas familias reclama unha lei de accesibilidade "firme e eficaz" e máis implicación do mundo político e empresarial
No eido lexislativo coidan que o máis axeitado sería "unha lei europea de accesibilidade firme e eficaz" que instaure de vez "criterios comúns en accesibilidade" para produtos e servizos no ámbito comunitario. "A lei -bosquexan- debería incluír un amplo conxunto de requisitos en accesibilidade" e a "abordaxe da gama de necesidades cognitivas e sensoriais das persoas con TEA". No ámbito social, din, cómpre que os gobernos "traballen xunto ao movemento asociativo do autismo para identificar e eliminar barreiras".
O cumprimento destas demandas, resaltan, pode lograrse con medidas concretas como "promover o acceso ao mercado de traballo" mediante "axustes para adaptar procedementos de contratación e estruturas de traballo inaccesibles". "Instamos os responsables políticos, os profesionais, os líderes empresariais e a sociedade en xeral a que consulten e colaboren coas persoas con TEA e coas súas entidades representativas para crear unha sociedade máis acolledora en todos os ámbitos da vida", conclúen.
Unha gala en Ponteareas co acompañamento musical de Uxía e Magín Blanco pon, no caso galego, o punto final a un amplo programa de actos que incluíu actividades tan diversas como un obradoiro para persoas con TEA sobre Maruja Mallo no CGAC, actos reivindicativos, proxeccións de filmes ou unha carreira adaptada. Ademais, como xa sucedera outros anos, este domingo serán alumeados coa cor azul, símbolo do movemento a prol da integración das persoas con autismo, numerosos edificios públicos e monumentos como a Torre de Hércules, as torres da Cidade da Cultura, a Muralla de Lugo, ou as fontes da rúa Aragón en Vigo, así como case unha ducia de casas consistoriais.