A Consellería de Política Social confirmou o pasado martes a representantes de centros de día para maiores o anuncio que Alberto Núñez Feijóo xa lanzara ante a prensa tras o Consello da Xunta da pasada semana e que despois o propio departamento que dirixe Fabiola García foi comunicando por carta. Estes servizos non van abrir ata setembro nin para maiores nin para persoas dependentes. A razón é a "prudencia" ante o coronavirus, esgrimiu o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, ao que tempo que cifraba en 16 millóns de euros o total de axudas ás que familias e centros, asegura, poderán acceder en vindeiras semanas.
FEGADACE reclama formalmente a Política Social que "rectifique" e alerta dunha situación de "emerxencia terapéutica e social" para as máis de mil persoas con dano cerebral ás que atende
A conversa co alto cargo non acougou os ánimos, máis ben ao contrario. Nin entre os responsables de centros de maiores agrupados na Plataforma Galega de Centros de Día nin tampouco entre as entidades sociais que traballan con persoas con discapacidade e que, confirman a Praza.gal, non foron convocadas polo Goberno galego para obter explicacións ou abrir a posibilidade de negociar, xa fose sobre a base do Plan de Reactivación elaborado pola Consellería de Sanidade, do que agora desapareceu a mención a estes centros, ou sobre calquera outra proposta.[A Xunta negociou cos centros de día a reapertura que agora frea entre alertas de "deterioro" de maiores e dependentes]
A estas voces viñéronse sumando nos últimos días entidades como as que agrupan as persoas con parálise cerebral e este mércores, tamén a Federación Galega de Dano Cerebral Adquirido (FEGADACE) e mais o Colexio de Educadoras Sociais de Galicia (CEESG). Pola banda de FEGADACE, as cinco asociacións que a compoñen remitiron un escrito a Política Social para reclamar que o Goberno galego "reconsidere ou rectifique" o anunciado por Feijóo. Fano, advirten, porque no caso concreto das persoas con dano cerebral e as súas familias, a situación é xa de "emerxencia terapéutica e social".
Oitenta días "sen actividade terapéutica de rehabilitación e inclusión" provocan "un deterioro físico, psicolóxico e cognitivo", "comprometen a autonomía das persoas con dano cerebral" e ten "un altísimo custo físico e emocional" para as familias, advirten
Son xa, evidencian, 80 días "sen actividade terapéutica de rehabilitación e inclusión" que xa fan evidente un "deterioro global, nas dimensións física, psicolóxica e cognitiva" das 1.100 persoas ás que atenden en toda Galicia. O parón ata setembro dos centros de día e ocupacionais, advirten, "compromete de xeito determinante a autonomía e a calidade de vida das persoas con dano cerebral", xa sexa porque ven como "se deteriora a súa situación" ou ben "impide a recuperación de capacidades, é dicir, provocando maior dependencia". Ao mesmo tempo, as familias padecen "altísimo custo físico e emocional" de teren que asumir a atención nos fogares dende o 13 de marzo.
Advirte FEGADACE que a súa petición está tamén baseada na convicción de ter que reabrir con normas de seguridade reforzadas. Por iso "levamos semanas traballando nun plan de continxencia e en protocolos de actuación específicos para a volta segura aos centros", así como "aprovisionándonos de equipos de protección individual e outros materiais de hixiene". Sempre dende a "prudencia", advirten, son as propias familias as que reclaman o regreso dos servizos. "Son conscientes de que non hai un risco cero" e por iso propoñen á Consellería un plan para o retorno con "atención segura".
"Para promover a saúde dos maiores, foméntase o contrario", alertan as educadoras
"Aínda alegando seguridade, é unha medida que agrava a situación vital de centos de persoas con demencias e outras doenzas dexenerativas", advirte o Colexio de Educadoras
Tamén o Colexio de Educadoras Sociais de Galicia, a través do seu Grupo de Estudos e Intervencións Xeragóxicas, manifesta a súa "preocupación" polo peche dos centros de día ata outono e reclama a reapertura. "Aínda alegando a seguridade como máxima motivación, é unha medida que agrava a situación vital de centos de persoas maiores que sofren demencias e outras doenzas dexenerativas". "Para promover a súa saúde -lamentan- adóptase unha decisión que favorece o contrario".
O CEESG reclama á Xunta ter en conta que "a asistencia a un centro de día non se limita a ser unha axuda á conciliación familiar". "Parte de entender a persoa usuaria como persoa de pleno dereito", atendida por "un equipo que a acompaña". "As necesidades de terapias especializadas deben ser atendidas" e manter o peche é tanto como "privar as persoas maiores de recibir unha atención esencial". "Solicitamos a reconsideración da decisión, só dese xeito é posible mellorar a calidade de vida das persoas maiores e retardar os efectos negativos das enfermidades que sofren", pero tamén axudalas a "acadar unha 'nova normalidade' na súa comunidade máis próxima".