Dende o comezo da crise do coronavirus foron varios os episodios de descoordinación entre as dúas áreas do Goberno galego máis atinxidas por ela: as consellerías de Sanidade e de Política Social. Así, por exemplo, nas primeiras semanas nas que a covid-19 impactou en Galicia e ata a contorna do que ata agora foi o pico da pandemia, estes departamentos da Xunta ofreceron versións contrapostas sobre o cómputo de falecementos nas residencias de maiores e persoas con dependencia ata que, días despois, ficou aclarado que a primeira versión de Política Social era a que se correspondía coa realidade.
O protocolo enviado por Sanidade hai dúas semanas coas indicacións para a reapertura incluía un amplo capítulo para os centros de día; tras o anuncio de Feijóo sobre o peche ata setembro, Política Social remíteos a unha versión diferente do documento que non inclúe mención ningunha a estes centros
Alén dos aspectos informativos, diversos servizos tanto públicos como privados que son competencia de Política Social recibiron nas últimas semanas indicacións diferentes ou mesmo contraditorias entre ambas consellerías. Centros de maiores, de persoas con discapacidade ou sen fogar foron remitidos por Sanidade a Política Social e viceversa para saberen como aplicar medidas fronte a pandemia ou, agora, sobre o levantamento das restricións.
En boa parte destes centros o guieiro para o desconfinamento é o Plan de reactivación no ámbito sociosanitario en relación coa infección polo virus SARS-CoV-2, un documento datado no 12 de maio que o Consello da Xunta abordou como informe o día 13 e que moitos dos devanditos centros recibiron como "definitivo" na fin de semana dos días 16 e 17. Como informou Praza.gal, o documento foi enviado dende Sanidade, tiña 47 páxinas e debullaba o xeito en que debían realizar o desconfinamento as residencias de maiores -iniciado o pasado día 25, co comezo da fase 2-, pero tamén os centros de día para persoas maiores e con discapacidade. As 10 páxinas do documento referentes aos centros de día veñen de desaparecer da súa versión pública e a Xunta vén de confirmar que non autoriza a súa reapertura ata setembro.
O 13 de maio Feijóo admitiu que a Xunta non tiña aínda data para reabrir os centros de día, pero asegurou que a pactaría "nos vindeiros días". Este 29 de maio anunciou que seguirán pechados "ata o curso que vén"
Aquel mesmo 13 de maio o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, indicou que o Goberno galego decidira non reactivar polo momento os centros de día malia teren autorización do Ministerio de Sanidade para facelo. "Nos vindeiros días pactaremos unha data de consenso para abrir os centros de día para maiores e para discapacitados", anunciou entre críticas ao Goberno central por considerar "improvisada" a autorización.
Este venres, 29 de maio, Feijóo volveu abordar o tema, pero para anunciar que "as escolas infantís e os centros de día e ocupacionais non retoman a súa actividade ata o curso que vén". A causa é a "imposibilidade de garantir a distancia física necesaria" para evitar contaxios da covid-19, di.
Desconcerto nos centros tras o anuncio de Feijóo
Asegura o presidente que a medida foi adoptada "unha vez escoitadas as opinións dos traballadores e do sector e unha vez avaliada coa comunidade médica". Pero en moitos destes centros estendeuse o desconcerto este venres e algúns deles confirman que souberon da noticia "pola televisión". Así o explica por exemplo Chelo Ferreiro, directora do centro de día Raiola de Verín, que nos últimos días ultimaba os detalles da reapertura empregando como guieiro o devandito protocolo do 12 de maio. O centro verinés decidira reabrir o 1 de xuño co visto e prace do Concello, responsable da instalación, que non vira atrancos para retomar o servizo dado que está permitido no plan de desconfinamento do Goberno de España.
Centros de día como o de Verín afirman que souberon polos medios de comunicación da decisión de non reabrir ata setembro; Sanidade atribúe a decisión a Política Social, que se remite á versión do protocolo que xa non menciona os centros de día
Unha vez escoitado o anuncio de Feijóo, o centro procurou confirmalo con Política Social, que se desvinculou do protocolo datado no 12 de maio e atribuíu o seu envío ao Sanidade -que, efectivamente, foi a Consellería que o remitiu-. O documento válido, indicaron dende o departamento que dirixe Fabiola García, é o actualmente publicado no sitio web habilitado pola Xunta para informar sobre o coronavirus. A publicada agora é unha versión diferente, aínda que tamén datada no 12 de maio, sen referencia ningunha aos centros de día.
Mentres, dende a Consellería de Sanidade aseguran a este centro que a eventual reapertura é unha decisión en mans de Política Social. Ao tempo, no sitio web do departamento social da Xunta permanecía este venres publicada unha terceira versión do protocolo, esta con data do 16 de maio, pero tamén sen referencia aos centros de día. Este e outros centros consultados por Praza.gal manteñen que ningunha das dúas consellerías os advertiu de novas versións do protocolo despois do envío da primeira.
Anuncio de axudas
Feijóo asegura que a Xunta se dispón a lanzar liñas de axudas de ata 500 euros mensuais para que as familias "cubran" os coidados que "contratasen dende a declaración do estado de alarma" e para que os centros afronten "os custos fixos durante a suspensión da actividade"
Segundo anunciou o propio Feijóo tras o Consello, a Xunta prevé compensar a cancelación da reapertura dos centros de día e tamén o adiamento da reactivación das escolas infantís ata setembro co que o Goberno galego denomina un "paquete extraordinario de medidas de conciliación". No que atinxe aos centros de día, di a Xunta, a intención é lanzar un "bono coidado extraordinario" de "500 euros ao mes" para que as familias poidan "cubrir" a atención e coidados a domicilio das persoas que "contratasen dende a declaración da emerxencia sanitaria" para as persoas que acoden aos centros de día e que se prolongará "ata que reabran os centros".
Ao tempo, di a Xunta, "aquelas persoas dependentes que precisen de atención terapéutica poderán acollerse a unha liña de axudas específica" para "colaborar no pagamento de sesións de terapias de estimulación e rehabilitación por un prazo máximo de dúas semanas". Adicionalmente, as "empresas que atendían ás familias a través das súas escolas infantís e centros de día" poderán "beneficiarse dunha liña de axudas" que, no caso específico dos centros de día, serán para "facer fronte aos seus custos fixos durante a suspensión da actividade".
Indica Feijóo que este plan "será trasladado á Mesa de Diálogo Social para a súa análise e aprobación definitiva", sen que existan polo momento máis detalles. Os centros consultados por este diario afirman que, polo momento, tampouco recibiron información ao respecto. Nalgúns deles, tanto de maiores como de atención á discapacidade, doenzas mentais ou autismo, esténdese tamén a incerteza a respecto do que sucederá coas persoas que teñen concedidos servizos de atención nestes centros ao abeiro da lei da dependencia e que, dende o seu peche, non poden acceder a eles pero tampouco a outras alternativas de axudas económicas.