As residencias de maiores e dependentes foron puntos especialmente sensibles durante a crise do coronavirus, con máis de 270 mortes ata agora. Tanto as públicas como as privadas, se ben estas últimas, maioritarias en Galicia, concentraron os principais focos de infeccións e falecementos ligados á covid-19. Moitas residencias públicas lograron manter a cero ou en cifras moi baixas o contador de infeccións mentres, nalgúns casos, parte do seu persoal era trasladado durante a pandemia para atender residentes en centros privados intervidos polo seu alto número de contaxios ou acudiren ás "residencias integradas" á que a Xunta trasladou a parte dos residentes que contraeran a doenza.
O persoal das residencias e outros centros de Política Social interpretou a limitación das vacacións como "a pinga que colma o vaso" tras o "gran esforzo" que están a realizar durante a crise do coronavirus
Neste contexto, entre o persoal das residencias de maiores e doutros centros dependentes da Consellería de Política Social, como os centros de menores e de atención a persoas con discapacidade, medrou o malestar tras coñeceren o bosquexo do documento co que o departamento dirixido por Fabiola García propuña regular as vacacións deste ano. Ese plan indicaba que, debido á "situación de excepcionalidade provocada" pola covid-19, Política Social ía deixar sen efecto parte das normais xerais que rexen para as vacacións do persoal público.
O cambio foi recibido como "a pinga que colma o vaso", en verbas da representación do persoal, que este 28 de maio respondeu masivamente ás concentracións convocadas ás portas dos centros por todas as organizacións sindicais do sector (CIG, CC.OO., CSI-F e UGT). Pouco despois desas mobilizacións, a Xunta daba por retirada a proposta, segundo confirma a Praza.gal unha fonte oficial da Consellería.
Unha das principais mudanzas que ía introducir ese documento implicaba impedir ao persoal acollerse a períodos de descanso inferiores a dúas semanas e impuña que estes comezasen, necesariamente, o día 1 ou o día 16 de cada mes se solicitaban gozalas en xullo, agosto ou setembro. A normativa xeral da Xunta permite que os períodos sexan dun mínimo de 5 días se o servizo o permite.
O borrador das normas para as vacacións foi o desencadeante dunha mobilización que, advirten as centrais sindicais, ten motivos máis amplos e se resume na reclamación dunha "aposta decidida por uns servizos sociais públicos, dignos, de calidade"
O persoal viviu esta limitación como unha resposta "impositiva e autoritaria" da Xunta despois "do gran esforzo que o persoal fixo e fai para manter o servizo e parar a afección da pandemia". O persoal, explica unha traballadora afectada, limitouse a "pedir medidas de protección" para afrontar unha emerxencia sen precedentes durante a que, sinalan os sindicatos, chegaron a existir "quendas longuísimas, de ata 38 horas consecutivas" e "traslados forzosos" para atender os puntos máis fracos do sistema nos peores días da pandemia.
Por todo isto e non só polo período vacacional, detallan, decidiron emprender mobilizacións, con protestas cada xoves ata o 2 de xullo. Entre a táboa reivindicativa que sacaron á rúa este xoves por primeira vez -con todo o persoal a portar máscaras- non figura só a oposición ao documento agora retirado. Tamén -e "sobre todo", resaltan- reclaman "recuperar a negociación das condicións de traballo e os dereitos incluídos no V Convenio Colectivo Único"- e repoñer a "os dereitos perdidos dende 2012". Ou, o que é o mesmo, "unha aposta decidida por uns servizos sociais públicos, dignos e de calidade", resumen.
Incrementar as prazas públicas ou compensar os excesos de horario durante o estado de alarma son outras das reivindicacións do persoal
Entre as principais reivindicacións, as catro organizacións sindicais destacan a petición do "incremento de prazas públicas e de xestión directa", toda vez que no sector das residencias de maiores o 60% son privadas, segundo os datos máis recentes. Tamén "recuperar a compensación por festivos e domingos traballados", a "redución da xornada máxima anual", a "transformación de todos os contratos de semana ou inferiores en xornadas completas" ou "a compensación do exceso horario e o esforzo" durante o estado de alarma con "10 días adicionais de vacacións". [Galicia segue á cola do Estado en prazas de residencias para maiores e o 60% das dispoñibles son privadas]
En síntese, resaltan, "valorar e facer recoñecemento expreso do traballo e o esforzo realizado durante a situación de emerxencia sanitaria" cunha "mellora das condicións laborais e máis persoal".
A Xunta confirma que a retirada do documento se debe á oposición dos sindicatos, que valorarán nos vindeiros días as seguintes accións a realizar
A últimas horas do xoves, a representación sindical valoraba como un éxito a gran resposta á primeira xornada de mobilizacións e sinalaba non ter polo momento confirmación oficial da retirada do documento para limitar o goce das vacacións. Dende a Consellería de Política Social, unha fonte oficial si confirma esa retirada e engade que a intención do documento non era outra que "reducir a rotación" de persoal durante este verán e tamén "facilitar as condicións do persoal substituto", contratándoo por quincenas ou meses e non por períodos máis curtos.
A mesma fonte confirma que a oposición da representación sindical ao borrador é o motivo da retirada. Dende Política Social, subliñan, están "moi agradecidos polo traballo" do persoal das residencias durante a pandemia e optaron pola rectificación. Fontes sindicais valorarán nos vindeiros días o curso das mobilizacións xa que, reiteran, non se deben unicamente á cuestión das vacacións, aínda que este fose o desencadeante, e non desbotan que a súa retirada non sexa máis ca "un intento para desmobilizarnos".