Persoal e usuarios de residencias convocan manifestacións en memoria das vítimas e en defensa dos servizos públicos

Residencia de DomusVi en Vigo, un dos centros que rexistrou máis contaxios de coronavirus © DomusVi

As residencias da terceira idade foron un dos principais focos de contaxios de coronavirus en Galicia e, sobre todo, o ámbito no que se rexistrou un maior número de falecementos, sumando 271 mortes de usuarios e usuarias ata o momento, case a metade dos 610 vítimas mortais totais. A situación que se deu nalgúns centros, privados con preto dun cento de contaxios, obrigou ao Goberno galego a intervir estas instalacións e motivou unha serie de críticas por parte dos persoal e tamén das familias das persoas alí residentes.

As catro entidades convocan "marchas cívicas" nas sete cidades galegas para o vindeiro 11 de xuño

Moitas destas críticas incidían na falta de equipos de protección, na falta de medidas de prevención para evitar contaxios e na escaseza de traballadoras, con ratios por debaixo do esixido que obrigaron a un sobreesforzo por parte do persoal existente, favorecendo igualmente os contaxios entre usuarios e empregadas. Así foi denunciado por Trega (Traballador@s de Residencias de Galicia), que nesta entrevista alertaba de que "O problema nas residencias de maiores vén de moi atrás, e levamos tempo denunciando ante a Xunta que os ratios de persoal eran insuficientes".  De igual xeito, Francisco Xose Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna e secretario da asociación de usuarios e familiares REDE sinalaba: "Cando deixas o benestar dos maiores en mans de empresas ás que só lles importa gañar cartos, pasa o que pasa"

Concentración de protesta contra DomusVi, hai uns meses © REDE

Queren reivindicar "uns servizos sociais plenamente públicos, asequibles, de calidade e de proximidade", en contraposición do modelo actual, "ferozmente privatizado"

A Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes, formada pola Federación Galega de Usuarias e Familiares de Usuarias nas Residencias e na Dependencia (REDE), Traballadoras de Residencias de Galicia (Trega) e o Movimento en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN) vén de anunciar a convocatoria de "marchas cívicas" nas sete cidades galegas para o vindeiro 11 de xuño. 

As mobilizacións queren ser unha homenaxe as vítimas da pandemia e, ao tempo, reivindicar "uns servizos sociais plenamente públicos, asequibles, de calidade e de proximidade", en contraposición do modelo actual, "ferozmente privatizado en mans de empresas ou sociedades usureiras, moitas delas fondos de inversión ligados aos paraísos fiscais".

As entidades convocantes denuncian a "opacidade" do Goberno galego na difusión dos datos relativos ao impacto do coronavirus nas residencias e, ademais, "a vulneración de dereitos humanos e laborais, denunciadas dende hai moitos anos por familiares e traballadoras". Unhas denuncias, engaden, "respondidas con desidia, inacción ou connivencia coas directivas das empresas polos órganos de inspección e vixilancia da Xunta".

"Existen claras evidencias ou indicios de que esa privatización xogou un papel determinante na elevada mortalidade ocorrida nas residencias galegas", denuncian

A Alianza lembra que das 24.819 prazas en residenciais existentes en Galicia, tan só un 15,7% son de xestión pública e que case un 40% son propiedade de empresas privadas con ánimo de lucro (DomusVi, Orpea, Ballesol e Sanitas, sobre todo). Para a plataforma, "existen claras evidencias ou indicios de que esa privatización xogou un papel determinante na elevada mortalidade ocorrida nas residencias galegas". E subliñan que á vista dos datos facilitados polo Goberno galego, "a probabilidade de morte das persoas que vivían nas residencias de xestión privada foi 24 veces máis elevada da existente entre as persoas que vivían en residencias de titularidade e xestión plenamente públicas".

Efectivos da UME realizan traballos de desinfección na residencia DomusVi San Lázaro, en Santiago, o 26 de marzo de 2020 © Goberno de España

Os colectivos convocantes explican que as marchas só se realizarán se contan con permisos e que en todo momento se manterá a distancia de seguridade. Ademais, non se permitirá a exhibición de faixas ou bandeiras

As entidades que convocan as manifestacións subliñan o concepto de "marchas cívicas", destacando que "só se realizarán se contan con todos os permisos legais preceptivos nestes tempos da ‘covid19’". Ademais, sinalan que pedirán a todas as persoas participantes "que se organicen en ringleiras mantendo a distancia de seguridade de 2 metros, que leven máscaras de protección, e que sigan as instrucións do servizo de orde". As persoas do servizo de orde irán con chaleques identificativos, levarán máscaras de protección, disporán de solucións hidroalcóholicas para hixiene de mans, e repartirán entre os participantes cintas de 2 metros para axudar a manter a distancia de seguridade.

A marcha irá encabezada por unha única pancarta, na que se lerá “En homenaxe ás vítimas por Covid-19 nas residencias” e “Contra a privatización e por uns servizos sociais plenamente públicos”. Así mesmo, as entidades convocantes solicítanlles a todas e todos os participantes nas Marchas "que non utilicen faixas ou bandeirolas específicos dos colectivos dos que poidan facer parte".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.