"Cando deixas o benestar dos maiores en mans de empresas ás que só lles importa gañar cartos, pasa o que pasa"

Unha residencia de maiores de DomusVi © DomusVi

O número de casos activos de coronavirus nas residencias da terceira idade en Galicia chegou este luns a máis 400, máis do 10% do total de casos no país (3.476). Deles, a maior parte corresponden a residentes e case un cento a persoal destes centros. Ademais, nas últimas dúas semanas rexistráronse 17 falecementos de internos, unha cifra terrible pero moi lonxe da que ten a Comunidade de Madrid, que hai días que superou o milleiro de mortes. 

Hai máis de 400 casos activos de coronavirus nas residencias de maiores galegas, nas que se rexistraron ata o momento 17 falecementos

O domingo a cifra era de 314 e a situación é moi preocupante, dada a avanzada idade da maior parte dos enfermos e enfermas, que podería traducirse nun incremento das mortes nos vindeiros días. 

Os maiores focos están na residencia DomusVi Barreiro de Vigo, con 74 infectados, e na DomusVi de Aldán, en Cangas, que este luns pasou de 6 a 105 casos confirmados, o que motivou a decisión da Xunta de intervir ambos os dous centros, dependentes da mesma empresa. Ademais, hai un gran número de positivos na San Carlos de Celanova (45), na residencia compostelá de San Lázaro (25), a do Portazgo na Coruña (19), a de Crecente (17), a da Esperanza de Ourense (15) e a de Fátima no Barco de Valdeorras (13). Hai, igualmente, casos en Castro Caldelas, Arteixo, Fisterra, Pontedeume, Monforte, Viveiro ou Caldas de Reis.

Dende hai dúas semanas o persoal das residencias, sindicatos e colectivos de usuarios e usuarias veñen denunciando a "situación límite" que sofren por mor da epidemia. Porén, lembran que as carencias de persoal, a sobrecarga de traballo e a falta de medios e atención para os residentes xa se daban de forma habitual en moitas residencias antes da chegada do coronavirus. E sinalan que as limitacións coas que conta o persoal puido favorecer a propagación da enfermidade en varias delas.

"Tras varios casos de infeccións en diversas residencias, DomusVi decidiu aforrar cartos. Isto levou a poñer en risco aos residentes ao non reforzar o seu cadro de persoal nin contratar servizos externos", denuncia REDE

Xa a pasada semana, cando se detectaron os primeiros positivos en Celanova ou na residencia DomusVi de Vigo, a Federación REDE (composta por asociacións de usuarios e familiares de residencias e dependencia) esixiu "a inmediata intervención" das residencias galegas afectadas por coronavirus "ante a inacción e falla de medios de prevención e de protección do persoal". Tamén reclamaba "a inspección inmediata das demais residencias" para verificar o cumprimento das medidas de prevención establecidas, "intervindo as que non estean facendo para garantir a aplicación das mesmas". "O persoal está de xeito crónico baixo mínimos e con sobrecarga de traballo, con falta de medios básicos e nas residencias existía unha situación de maltrato diario e masivo por neglixencia e abandono", advertía a entidade, que xa o denunciara en anteriores ocasións.

REDE poñía o foco, especialmente, sobre as residencias do Grupo DomusVi, que conta cunha trintena de residencias en toda Galicia, e decidiu denunciar a situación ante a Fiscalía, responsabilizando á empresa da "situación neglixente e de abandono" que se vive nos seus centros. "Non se realizaron desinfeccións, nin limpezas axeitadas, nin se aplicaron medidas adicionais recomendadas por Sanidade, escusándose sempre na escaseza de persoal", sinalaba REDE, que engadía que "tras varios casos de infeccións en diversas residencias, DomusVi decidiu aforrar cartos. Isto levou a poñer en risco aos residentes ao non reforzar o seu cadro de persoal nin contratar servizos externos".

Instalacións de DomusVi en Vigo © DomusVi

Intervención de dúas residencias de DomusVi

Este luns pola tarde a Xunta anunciou a intervención dos centros DomusVi Barreiro e DomusVi Cangas

Precisamente este luns pola tarde a Xunta anunciaba a intervención dos centros DomusVi Barreiro e DomusVi Cangas polo "elevado número de positivos por coronavirus entre as persoas usuarias e traballadoras". Serán, sinala a Xunta, convertidas temporalmente en "residencias integradas" para persoas anciás residentes e contaxiadas pola covid-19, ao xeito das habilitadas en Santiago e Baños de Molgas. A Xunta designará un empregado público para "dirixir e coordinar a actividade asistencial destas dúas residencias privadas e garantir así a correcta aplicación dos protocolos e a supervisión médica de todas as persoas maiores que residen nestes centros".

Pola súa banda, as persoas maiores que deron negativo nas probas, unha vez que este resultado sexa confirmado, serán trasladadas a outros centros en función das características de cada residente. Un deles será a residencia de tempo libre de Panxón, en Nigrán, que é da titularidade da Xunta e nestes momentos se atopa sen actividade.

 

Unha situación que "vén de atrás"

Bernárdez acusa á Xunta de "mirar para outro lado" ante a situación de falta de persoal e a conseguinte falta de atención das persoas maiores que alí viven

Francisco Xose Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna e secretario de REDE, destaca que a grave situación que se vive nas residencias de DomusVi "vén de atrás". "Nós levamos moito tempo denunciando que situacións como a ausencia de enfermeiros pola noite, cando as residencias de máis de 40 prazas están obrigados a ter cobertura as 24 horas", sinala, engadindo que "a realidade é que polas noites estaban quedando ao coidado de 150 residentes só dúas persoas, e ás veces unha".

Bernárdez acusa á Xunta de "mirar para outro lado" ante a situación de falta de persoal e a conseguinte falta de atención das persoas maiores que alí viven. "As ratios de persoal son irrisorias, están feitas pensando en que as residencias se lucren, pero non en prestar unha boa atención. Pero cando aínda por riba as empresas están por debaixo destas ratios, sen que a Xunta faga nada, os coidados non son nin os mínimos", di.

A precariedade facilitou os contaxios

"Con esta situación, aparece o tema do coronavirus. Neste momento debería terse incrementado o persoal por riba das ratios, para poder dar a atención extra que se necesita nestes momentos", continúa. "Había que ter reforzado a limpeza e a desinfección, hai que facer varias limpezas ao día de superficies de alta tocabilidade, como os pasamáns. Tiñan que ter dividido as residencias por seccións e que cada sección tivese o seu persoal, e que este non rotase, para non propagar a enfermidade por toda a residencia", explica.

"Non só non se traballou por riba das ratios, senón que se seguiu traballando por debaixo e nestas circunstancias non se garantiu o cumprimento das medidas preventivas"

"Porén, para iso hai que contratar máis persoal. Non só non se traballou por riba das ratios, senón que se seguiu traballando por debaixo e nestas circunstancias non se garantiu o cumprimento das medidas preventivas", critica. "As residencias xa eran o lugar máis sensible, porque son un espazo de concentración do principal grupo de risco da enfermidade. Pero a situación empeorou cando o persoal (por non ter equipos de protección) comezou a enfermar e a poñerse de baixa. Agora mesmo estamos en mínimos históricos de persoal nas residencias", alerta.

Bernárdez acusa á dirección da empresa: "Decidiu non contratar máis xente contaxiara quen se contaxiara. Emperráronse en que iso se tiña que facer cos cartos de todos e así se está facendo: a UME, os Concellos, as brigadas de incendios... están dedicándose a desinfectar as residencias, porque esta empresa non gasta niso". Así mesmo, rexeita que non haxa persoal dispoñible: "Eles xa tiñan enfermeiros, pero retorceron tanto as condicións laborais que acabaron marchando. Hai xente para traballar, o que non hai é xente que queira traballar nas súas condicións, pero si traballarían cunhas condicións mellores".

Actividades nunha residencia de maiores en Panxón, durante unha visita da conselleira de Política Social en xaneiro de 2020 CC-BY-SA Xunta

Residencias "públicas e de calidade"

"A situación noutras residencias privadas é bastante semellante á de DomusVi, pero sen chegar a ese nivel de gravidade"

O presidente de Vellez Digna comenta que "a situación noutras residencias privadas é bastante semellante á de DomusVi, pero sen chegar a ese nivel de gravidade. Moitas residencias non están reforzando o persoal e os traballadores non teñen medios de protección". E aclara que "as nosas críticas son todas para as empresas, non para os traballadores, que están a facer un esforzo enorme e están a arriscar a súa saúde, dobrando quendas, porque a empresa non quere contratar máis persoal. Contan co noso apoio e a nosa admiración".

"Cando deixas o benestar dos maiores, coa fraxilidade que teñen, en mans dunhas empresas ás que o único que lles importa é gañar cartos, pasa o que pasa"

Como se soluciona esta situación? "As ratios de traballadores por número de residentes hai que subilas moito, para dar un toque de atención ás empresas, pero non chega con iso: habería que conseguir que os cumprisen", di. "Pero sobre todo nós o que pedimos é que ten que haber uns servizos sociais que sexan públicos, de calidade, diversificados, nun número suficiente, de proximidade e ao alcance de todos", engade. "Sobre todo que sexan públicos, porque cando deixas o benestar dos maiores, coa fraxilidade que teñen, en mans dunhas empresas ás que o único que lles importa é gañar cartos, pasa o que pasa. Cada ano hai menos persoal, a comida é peor, e a atención que se presta é máis nefasta", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.