As traballadoras da residencia de Celanova con 24 casos de coronavirus reclaman a axuda urxente das administracións

Residencia San Carlos, en Celanova ©

Este domingo coñecíase que 24 persoas -13 internas e 11 traballadoras- deran positivo por coronavirus da residencia de maiores San Carlos de Celanova. Era unha situación que se viña temendo dende que a mediadoes se detectara o positivo dunha muller de 89 anos que habitaba na residencia e que, tras ser trasladada ao hospital de Ourense, faleceu. De inmediato adoptáronse medidas de precaución e fixéronse probas a todo o persoal e aos residentes, atopando estes 24 casos.

Este domingo e luns as únicas catro traballadoras non contaxiadas tiveron de facerse cargo de 54 residentes

A situación preocupa, obviamente, pola idade avanzada das persoas internas, tendo en conta a elevada letalidade desta enfermidade entre os e as maiores de 80 anos. Ademais, a isto uniuse a precaria situación na que quedou o centro despois de que as traballadoras que foran contaxiadas fosen postas en corentena nos seus domicilios. En consecuencia, as catro traballadoras restantes, as únicas que non forasn contaxiadas, tiveron que facerse cargo este domingo e luns, de 54 persoas internas. Todo, ademais, nun ambiente moi tenso e coas continuas chamadas dos familiares dos residentes, preocupándose pola súa situación.

Instalacións da residencia © Residencia San Carlos

"Estamos sinceramente moi agradecidas por todo o apoio e aplausos recibidos que nos chegan ata o fondo do corazón e nos enchen de enerxía para seguir loitando nun momento tan complicado", sinalaba o persoal do centro a través do centro. Porén, tamén reclamaba a axuda das distintas administracións, comezando pola Xunta de Galicia e o Estado central.

"Levamos días facendo quendas de 14 horas, pero necesitamos descansar. Se non nos axudan, vai morrer moita xente"

"Non damos abasto, non temos persoal suficiente. Só quedamos traballando as que demos negativo, que moi pronto daremos positivo, porque seguimos soportando unha carga viral moi importante", dicían esta mañá as traballadoras do centro en conversa con La Región. "Eu sei que dende os despachos se está traballando moito, pero pídolles que non pidan tanta burocracia e tantos escritos, porque eu non teño tempo para facer eses papeleos. O papeleo fírmollo a semana que vén se queren. Necesito mans que veñan axudar hoxe aquí", engadía. 

"Necesitamos persoal cualificado. Non temos médico, non temos enferemeiros, só temos auxiliares e traballadores sociais", sinalaba. "Necesitamos axuda, estamos dando o callo para que esta xente estea atendida. Levamos días facendo quendas de 14 horas, pero necesitamos descansar. Se non nos axudan, vai morrer moita xente", concluían.

Este luns a Unidade Militar de Emerxencia do Exército estivo traballando no centro, desinfectando todas as instalacións, tanto no interior coma no exterior do edificio. Porén, non está confirmado que a UME continúe traballando no lugar a partir destes martes. Aínda que nas últimas horas se valorou a posibilidade de trasladar ás peersoas internas, aínda non se adoptou decisión ningunha ao respecto. 

O propio Concello de Celanova estivo a realizar xestións perante a administración central e autonómica para solicitar a axuda necesaria, achegando ademais os medios humanos e materiais dos que dispón o Concello. Tamén nas últimas o BNG esixiu da Xunta e do Estado "un esforzo extra ante a situación de alarma pola que atravesa o centro". A formación demanda unha maior colaboración entre as administracións e unh intervención que “non pode limitarse a chamadas telefónicas desde as áreas sanitarias”.

Aos 13 casos da residencia San Carlos hai que engadir os 18 que se detectaron en Vigo, os 5 de Santiago e mais outro positivo en Caldas de Reis

Outros casos en Galicia

Aínda que a situación de Celanova é a que máis preocupa, nos últimos días detectáronse positivos por coronavirus noutras residencias de maiores en Galicia. Aos 13 casos da residencia San Carlos hai que engadir os 18 que se detectaron en Barreiros (Vigo), os 5 de Santiago de Compostela e mais outro positivo en Caldas de Reis. Ademais, dúas traballadoras do centro vigués tamén están infectadas.

O persoal das residencias leva días alertando da falta de medidas de protección e está traballando "con moito medo pero, sobre todo, indignación", segundo denuncia a presidenta do comité de empresa nun centro compostelán. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.