As residencias de maiores e os servizos de atención domiciliaria continúan funcionando durante o estado de alarma. O persoal advirte das condicións nas que traballa: con medios de protección insuficientes, dedicado a persoas que están nun maior risco polo coronavirus e desempeñando labores que imposibilitan manter a distancia de metro e medio que se recomenda para evitar contaxios.
En Galicia están confirmados nove casos de contaxios de coronavirus de maiores en residencias. Cinco dos afectados son residentes do centro privado DomusVi do barrio compostelán de San Lázaro, no que unha planta con 60 persoas permanece illada. Un dos afectados foi trasladado ao Hospital Clínico da capital galega e os outros catro seguen na residencia.
Hai dez casos de coronavirus confirmados en residencias de maiores galegas e nun centro de Santiago están illadas 60 persoas
Hai outros dous contaxios na DomusVi Barreiro de Vigo, onde tamén deu positivo un médico. Súmanse un caso rexistrado no centro Hermanitas de Caldas de Reis e outro na residencia San Carlos de Celanova, segundo os datos da Consellería de Política Social, que indicou que todos estes centros son privados e nos públicos non consta, polo momento, ningún positivo.
En Galicia o número total de prazas é de 19.491 en 223 residencias da terceira idade. Só nas públicas traballan arredor de 2.100 persoas, indica a Xunta. Una delas é Mar Peteira, traballadora do centro de Volta do Castro, en Santiago, e presidenta do comité de empresa, que cre que as medidas para detectar a enfermidade Covid-19 e para evitar a súa transmisión son insuficientes.
En Galicia hai máis de 19.000 prazas en residencias de maiores e nos centros públicos traballan unhas 2.100 persoas
Nos diferentes centros de Galicia, agrega, "hai diversidade" nas situacións. Na de Volta do Castro empezouse a controlar a temperatura do persoal ao entrar e está comezando a haber material de protección, asegura, ao igual que na residencia de Oleiros. No Centro de Atención a Persoas con Discapacidades da Coruña "se lles dixo que levaran o material da casa", afirma. O problema que alegan as direccións das instalacións é que non hai subministración.
"Nas residencias non podes estar a metro e medio. Tes que lavar aos residentes, levantalos, sentalos. Hai cousas que normalmente se fan entre dúas persoas", explica Peteira, que sinala que os residentes están en contacto co persoal que traballa a diario con eles pero tamén con profesionais sanitarios se teñen que saír a unha consulta médica. "Se non tes máscara nin nada podes contaxiar ao resto", subliña.
"A xente está traballando con moito medo pero, sobre todo, indignada. Vas ao supermercado e teñen máscara e guantes e a ti, que estás traballando con xente con patoloxías e en risco, non che dan nada", protesta e cuestiona que non se estean facendo probas aos residentes para comprobar se hai algún positivo e actuar rápido.
O persoal das residencias está traballando "con moito medo pero, sobre todo, indignación", di a presidenta do comité de empresa nun centro compostelán
Con respecto ás familias dos internos, indica que co estado de alarma están prohibidas as visitas e a vía para falar cos seus familiares ou para que estes estean ao tanto do estado dos seus maiores é a telefónica. Informan a traballadora social ou os médicos e "o día que non están, non hai información", expón. Os centros están estes días, ademais, saturados de chamadas.
As coidadoras que asisten a persoas dependentes no seu fogar tamén continúan coas súas tarefas a diario. "Se os EPI -equipos de protección individual- faltan nos hospitais, que non nos vai falta a nós, que somos as últimas esquecidas", di Margarita Castro, unha das traballadoras do servizo de axuda no fogar da cidade de Lugo.
A situación, afirma, "é complicada para todo o mundo" e os materiais de protección "escasean". "A empresa non é que non os queira dar, é que non os ten", expón. Elas estes días estaban traballando con luvas, batas de tea e máscaras e deixando un conxunto destes materiais en cada un dos domicilios aos que tiñan que ir. Desde o venres contan con batas desbotables. Tamén teñen xel desinfectante.
As traballadoras de axuda no fogar tamén contan con medios escasos e avisan de que algúns usuarios se están a dar de baixa por medo
"Estamos preocupadas? Si, pola nosa saúde e porque non sabemos que vai ser de nós", asegura e refírese a que un dos problemas que teñen é que "moitos usuarios estanse a dar de baixa porque teñen medo" e non queren que tampouco as coidadoras entren na súa casa. Algúns deles, engade, son persoas dependentes que viven coa súa parella, xa maior, e que precisan axuda para o aseo.
As coidadoras temen agora que a caída da carga de traballo poña en perigo o seu posto. Polo momento, non hai cambios anunciados na empresa, que lle ofreceu a algunha das persoas que viu máis reducido o número de usuarios aos atende que colla vacacións para seguir cobrando.
Polo momento, indica Castro, non coñece ningún caso de contaxio entre os usuarios deste servizo en Lugo, aos que lles toman a temperatura, e traballa "tranquilamente, pero con todas as proteccións". "Teño as mans queimadas de tanto lavalas", di e considera que é máis preocupante a situación nas residencias de maiores.
A Sociedade Galega de Xerontoloxía propón habilitar residencias intermedias comarcais con cuartos individuais para os contaxiados dos centros de maiores
A Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría destacou nun comunicado que a enfermidade que provoca o coronavirus é máis perigosa para a xente de máis idade e en Galicia o 25,8 por cento da poboación é maior. Nas provincias de Lugo e Ourense hai máis dun seis por cento de persoas que superan os 85 anos. Propón crear centros residenciais intermedios nas comarcas ou provincias, con cuartos individuais e recursos médicos e de enfermaría as 24 horas, para trasladar as persoas que teñan coronavirus ou sexan sospeitosas de terse contaxiado nas residencias de maiores.