"Hai que valorar o traballo do persoal sanitario todo o ano, non só cando pasan estas catástrofes"

Persoal de enfermaría © Sergas

O persoal sanitario e a sanidade pública están a recibir estes días o recoñecemento unánime da poboación e dos dirixentes políticos, a pesar de que non sempre os e as profesionais recibiron todos os recursos e a atención que esixían, sobre todo os colectivos máis precarios, como o persoal de enfermaría e, dentro deste, as enfermeiras eventuais. As enfermeiras eventuais levan meses de mobilizacións en demanda de mellores condicións laborais que garantisen unha atención sanitaria de calidade á cidadanía. As últimas xornadas están a amosar a importancia do seu traballo, convertidas na "primeira liña de defensa", como citou este mércores Felipe VI.

Quixemos falar con dúas destas enfermeiras, que nestes días están realizando xornadas laborais aínda máis extensas, en condicións aínda máis difíciles, para saber como están enfrontando a situación, cales son as necesidades que están detectando nos centros hospitalarios galegos e cales son as súas recomendacións e demandas, tanto para a administración como para a poboación.

"O número de pacientes está sendo algo inferior ao que había antes da crise, pero a complexidade do traballo é moi superior, tanto pola utilización dos equipos de protección como pola carga psicolóxica"

Catuxa, unha enfermeira de Pontevedra, explica que no hospital se está traballando coa previsión de que suba moito o número de ingresos por coronavirus nos vindeiros días, por iso se están liberando plantas e están preparadas camas baleiras para acoller a eses pacientes. "Nas plantas estamos á metade de traballo, con menos pacientes dos habituais, en espera de que nos vindeiros días haxa esa maior necesidade", di.

"O conto cambia nas Urxencias. Aínda que a comezos desta semana a actividade era inferior ao dunha semana normal, pouco a pouco co paso dos días o nivel de demanda está sendo maior. Hoxe por hoxe o número de pacientes está sendo algo inferior ao que había antes da crise, pero a complexidade do traballo é moi superior, tanto pola utilización dos equipos de protección como pola carga psicolóxica", explica.

 

Equipos de protección limitados e falta de información

"Non é tanto que non haxa equipos de protección, pero o seu número está moi limitado e pídesenos que os reutilicemos o máximo posible"

Ademais, alerta do limitado número de equipos de protección individual (EPIs). "Nas Urxencias de Pontevedra, como non hai suficiente material de protección, para reducir o número de EPIs utilizados o que facemos é que nos vestimos dous médicos/as e dous enfermeiros/as e todos os pacientes respiratorios son vistos por eses equipos. O resto de patoloxías entran por outra vía, que lle chamamos circuíto limpo", relata. "O problema é que hai xente que entra por este circuíto limpo, por non ter problemas respiratorios, pero que polo que conta si que podemos pensar que ten coronavirus; fáiselles a proba e algún xa deu positivo. Esa xente é a perigosa, porque as medidas de protección que tomamos son as mínimas: luvas e unha máscara cirúrxica, que non protexe dun contaxio", di.

"Non é tanto que non haxa equipos de protección, pero o seu número está moi limitado e pídesenos que os reutilicemos o máximo posible. Nós entendemos que é non nos queiran facilitar este material, porque o desabastecemento é xeral e non hai de onde sacalos", sinala.

Enfermeiras en loita © Enfermeiras en loita

En Ourense non hai de momento problema cos equipos de protección, conta Nuria, outra enferemeira, que destaca sobre todo a necesidade de que o persoal conte coa informaciómn axeitada, e tamén con protocolos precisos e non cambiantes. "As traballadoras tentamos manter a calma. É unha situación difícil para todos, comezando polos gobernos e as direccións sanitarias, e estamos dispostas a traballar o número de horas que faga falla. Pero preocúpannos dúas cousas: a posibilidade de que nalgún momento falten os equipos de protección individual, algo que aínda non pasou, e a falta de información", di. "Información hai moita, hai de feito sobreinformación, pero cremos que falta algo máis de información directa cara ás traballadoras e traballadores", engade.

Nuria subliña, así mesmo, que "temos que pensar en todos os pacientes. Agora estamos centrando todo no coronavirus, pero hai outras patoloxías e outro tipo de pacientes que tamén están ingresados e que tamén teñen medo de contaxiarse". "Cando na túa planta tes un posible caso, tes medo de que os pacientes se poñan nerviosos, de que a xente quede sen atender. Por iso é tan importante que nós manteñamos a calma, e por iso é tan importante que nós teñamos boa información", explica. "Preocúpanos que cada día saia un protocolo distinto, cremos que debería haber un protocolo establecido dende o comezo", engade.

"Cando na túa planta tes un posible caso, tes medo de que os pacientes se poñan nerviosos. Por iso é tan importante que nós manteñamos a calma e que nós teñamos boa información"

Nuria fai fincapé na necesidade de que haxa reforzos de persoal. "Nós tentamos traballar aínda máis e mellor do que xa traballamos habitualmente, pero temos a carga física e a carga psíquica. Nós estamos acostumadas, porque é o noso traballo, a traballar con VIH, a traballar con tuberculose... Pero como isto é novo, nós tamén temos medo a facelo mal. E se nós o facemos mal, a consecuencias son gravísimas", di.

"A min pasoume onte mesmo que pedín un reforzo de auxiliar ou celador para que me axudase a facer cambios posturais dunha paciente. Pero non había persoal dispoñible e ao final tivo que axudarme o fillo da muller. É só un exemplo, en xeral os pacientes están ben atendidos, pero necesitamos reforzos, porque de feito xa os necesitabamos antes de que todo isto sucedese", conta.

Reforzos si, pero ben planificados

"Hai persoal que está saltando dos centros de saúde ás plantas onde están os positivos de coronavirus, e que despois van volver aos centros de saúde, onde están moitas persoas que máis risco teñen"

Tanto Nuria como Catuxa coinciden en que estes reforzos deben ser planificados da mellor maneira posible. O colectivo de Enfermeiras en Loita publicou nas últimas horas unha nota de prensa ao respecto, esixindo que non se faga "contratación irresponsable durante a crise". "Hai persoal que está saltando dos centros de saúde ás plantas onde están os positivos de coronavirus, e que despois van volver aos centros de saúde, onde están moitas persoas que máis risco teñen, persoas maiores, paciente crónicos, que teñen que ir ao centro para os seus tratamentos ou facer curas. Estase poñendo en risco a estas persoas, non hai lóxica" denuncia Catuxa.

O mesmo pide Nuria, que reclama "agrupar os contratos" e que "se organizasen mellor as quendas de traballo para evitar riscos de transmisión". Ademais disto, Catuxa incide en que nos últimos días "o servizo de Urxencias si que se reforzou, pero con persoal que non vén formado e que non dá tempo a formalo". "Estase contratando seguindo a orde de lista, pero habería que primar que fose para Urxencias aquel persoal que xa ten experiencia en Urxencias, e que o que non a ten vaia para outros servizos. Porque xestionar unha crise desta magnitude é complicado e moito máis se as contratacións se fan de maneira imprudente", subliña. "Agora xa non estamos pedindo que contraten máis persoas ou por máis tempo, deixamos esa loita aprazada, pero por favor, que organicen as contratacións con lóxica e precaución", conclúe Catuxa.

Consellos de Enfermeiras en loita para o correcto uso das luvas © Enfermeiras en loita

Os aplausos e o recoñecemento, todo o ano

"Hai que valorar o traballo do persoal sanitario todo o ano, non soamente cando pasan estas catástrofes"

As enfermeiras están recibindo con gratitude o aplauso cidadán que nestes días se está dirixindo aos profesionais sanitario. Porén, destacan que "hai que valorar o traballo do persoal sanitario todo o ano, non soamente cando pasan estas catástrofes", como di Nuria.

Nuria estende e traslada a outros colectivos o recoñecemento que o persoal sanitario está recibindo. "Nós estamos super agradecidas polos aplausos e polo apoio da poboación e queremos trasladar estes aplausos a toda a xente que ten que seguir realizando o seu traballo: as caixeiras, as coidadoras, persoal de limpeza, os repartidores..., o aplauso é tamén para todos eses colectivos. E tamén para a xente que queda no paro e ten que apertar o cinto", di. "Agradecemos que o aplauso se centre en nós, pero nós en realidade non facemos nada que non fagamos os 365 días do ano, estamos facendo o noso traballo", engade.

"Nós estamos super agradecidas polos aplausos e polo apoio da poboación e queremos trasladar estes aplausos a toda a xente que ten que seguir realizando o seu traballo"

Catuxa confesa, pola súa banda, que "eu persoalmente estou vendo todo iso con bastante distancia. Emocióname sentirme valorada estes días, pero á vez tamén me decato do pouco valorados que estamos habitualmente". E destaca que "o mesmo pasa coas declaracións políticas e das direccións sanitarias". "Nós transmitimos unha serie de necesidades, porque son as cousas que vemos a diario, porque estamos en contacto cos pacientes, e non obtemos resposta, sentimos que non se nos escoita, vemos que se toman decisións sen atender ao que estamos comunicando que sucede. Ves como as cousas se poden facer mellor, como hai cousas que se poden mellorar, e non se fai nada", di.

O que lle piden á xente

Nuria e Catuxa repiten, sobre todo, unha mensaxe: "Pedimos, sobre todo, que a xente quede na casa, que sexa consciente de que aínda que non teña síntomas, pode contaxiar a enfermidade. E de que pense que se os hospitais se saturan, isto vai ser insostible".

"Pedimos, sobre todo, que a xente quede na casa. Vemos como hai xente maior que segue saíndo á compra, e iso non está ben, porque se están poñendo en risco"

"Vemos como hai xente maior que segue saíndo á compra, e iso non está ben, porque se están poñendo en risco. Os supermercados están todos os días abertos, pero iso non quere dicir que haxa que ir todos os días, porque supoñen un risco de contaxio alto, e non o estamos tendo en conta", alerta Catuxa. "Pedimos que a xente lave moito as mans, porque iso é fundamental. E que non se confíen por levar máscara ou luvas, porque iso non protexe se despois a xente toca a cara ou non lava as mans", engade.

"Pedimos tamén que a xente manteña a empatía e teña paciencia. No noso caso, por exemplo, que se soa o timbre e tardamos un minuto, pois que a xente agarde, porque estamos traballando moito e temos que manter a calma entre todos", sinala Nuria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.