O aplauso ao persoal sanitario e ao sistema público de saúde convértese no símbolo da loita contra o coronavirus

Profesionais do Hospital Juan Canalejo da Coruña agradecendo o apoio da poboación © CHUAC

En todas as crises xorden heroes e heroínas. Lembramos aos mariñeiros que pararon a marea negra do Prestige coas súas mans, ou os voluntarios e voluntarias que limparon as praias. Tamén os bombeiros que cada ano loitan contra o lume nos montes galegos. Ou o persoal de emerxencias que auxiliou ás vítimas do sinistro de Angrois. Moitas veces os heroes e heroínas son persoas e colectivos que están aí todo o ano e que neses momentos non fan outra cousa que o seu traballo habitual, que é máis ou menos recoñecido decotío.

Na actual epidemia de coronavirus o persoal sanitario está a ser cumprimentado polo intenso traballo que está a desenvolver, o mesmo que outros colectivos, coma os caixeiros e caixeiras de supermercado ou as limpadoras. O sábado comezou a circular polas redes sociais e mensaxes un chamamento a saír todos os días ás ventás para aplaudir a eses médicos/as, enfermeiros/as, celadores/as e demais traballadores e traballadoras do sistema sanitario, agradecendo o seu traballo e dedicación nestes días de loita contra a enfermidade. Un agradecemento que xa outras veces expresou a sociedade, por exemplo nas manifestacións en defensa da sanidade pública, coma a do pasado 9 de febreiro.

Así, este sábado ás 22 horas, e de novo este domingo ás 20 horas, milleiros de galegos e galegas confinados e confinadas nos seus domicilios encheron cos seus aplausos o estraño silencio das rúas. Un momento de recoñecemento ao persoal sanitario, pero un momento tamén de comunión entre veciños e veciñas, de apoio mutuo. Unha convocatoria que se repetirá este luns ás 20 horas e todos os días mentres dure o confinamento.

Este acto de apoio foi respondido polo propio persoal sanitario a través das redes sociais a través de mensaxes que se limitaban a dar as grazas, pero que en ocasións tamén lembraban as condicións de precariedade que moitos e moitas profesionais sofren habitualmente. Mensaxes como "primeira garda de illamento superada! Grazas equipo! Grazas a todo o mundo polas infinitas mostras de apoio que recibimos ao longo da garda! Nin imaxinades o subidón que tivemos cos vídeos das 22 horas de toda España! Todos dámosvos as grazas!!! Foi moi duro, moito... Tensión, incerteza, medo, pero sobre todo ganas, vontade e compañeirismo!!! Imos seguir ao pé de canón dando o mellor de nós!", a cargo dun grupo de traballadores e traballadoras da Coruña.

 

Estas mensaxes uníanse a outras lanzadas con anterioridade, nas que os e as profesionais lembraban á cidadanía a necesidade de que seguisen as recomendacións (convertidas despois en lei) de ficar na casa para axudar a frear a propagación da enfermidade e a limitar a saturación do sistema. "É hora de que loitemos todo xuntos para frear esta pandemia. Non vai ser fácil. Nós ocuparémonos de facer o noso traballo do mellor xeito posible, pero necesitamos da vosa colaboración. Queda na casa".

En ocasións, os e as profesionais mesmo difundiron vídeos nos que devolvían o aplauso e o agradecemento á cidadanía, como fixo por exemplo un grupo de traballadores e traballadoras do hospital da Coruña (CHUAC) e moitos outros profesionais sanitarios de todo o Estado.

 

Tamén os e as estudantes de Medicina da USC, que hai uns meses levaron a cabo mobilizacións para a mellora da formación que recibían, publicaron nas últimas horas un vídeo colectivo -gravado dende as súas casas- no que expresan o seu apoio a todo o persoal do Sergas (médicos/as, enfermeiros/as, farmacéuticos/as, celadores/as, auxiliares, persoal de limpeza, persoal administrativo, persoal de limpeza) destacando que "a poboación galega estamos en moi boas mans" e que "temos un gran sistema sanitario, público e universal". "Sodes as nosas heroínas e heroes", conclúen no vídeo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.