O alumnado da Facultade de Medicina da USC levou a cabo este martes unha xornada de folga para protestar contra as "pésimas condicións" que denuncian sufrir, comezando por unha "abusiva carga horaria" e "actitudes despectivas e faltas de respecto cara ao alumnado". Ademais, critican "a desinformación e a situación de desvantaxe na obtención de becas ou dunha praza MIR fronte a estudantes doutras facultades.
A Asemblea denuncia que "os defectos do plan do grao en Medicina pola USC levan ao alumnado a considerar o abandono da carreira"
Durante a protesta levouse a cabo unha concentración que encheu o recinto, e que coincidiu cunha xuntanza que a Asemblea Aberta de Medicina, que representa o estudantado, mantivo con representantes do reitorado. Ademais, o alumnado, que vestiu con roupas negras, realizou unha sentada nas escaleiras principais do edificio, e continuou a acción reivindicativa cun peche durante a noite no interior da facultade.
A Asemblea denuncia que "os defectos do plan do grao en Medicina pola USC levan ao alumnado a considerar o abandono da carreira" e critican "o caso omiso ao longo dos anos por parte das autoridades da facultade ante as críticas e peticións do alumnado relacionadas co caótico funcionar da institución".
Denuncian que teñen "unha media de 40 horas de clase semanais"
Entre outras cousas, denuncian que teñen "unha media de 40 horas de clase semanais, atopándose con incompatibilidade para asistir ás leccións das diferentes materias". Sinalan que isto fai que lles sexa "imposible compatibilizar as horas de clase coa realización doutras actividades", tanto formativas (estudo de linguas, asistencia a conferencias, voluntariado...), como deportivas ou familiares e de tipo social.
Asi mesmo, afirman que sofren "actitudes despectivas e faltas de respecto por parte do colectivo docente", así como "a ausencia dos profesores en numerosas clases que logo se ven na obriga de aprazar, e mesmo en exames oficiais".
Afirman sufrir "actitudes despectivas e faltas de respecto por parte do colectivo docente"
Ademais, critican a necesidade de obter un 7 para superar algunhas probas, equivalendo esta puntuación a un 5 no expediente académico. Sinalan que "isto supón un hándicap no momento da adxudicación de prazas da proba MIR, así como para a adquisición dunha beca".
Subliñan, así mesmo, que o número de prácticas é "insuficiente" ou que reciben unha orientación deficiente nestas materias prácticas. Falan tamén de equipamento e materiais non axeitados (enchufes, banco de ósos...) para esas clases. Finalmente, alertan da imposibilidade de realizar os exames en galego en varias das materias.
Segundo unha enquisa realizada pola Asemblea, apenas o 15,7% do estudantado afirma asistir a todas as horas de clase e o 49,5% valorou o abandono da carreira por esgotamento
A Asemblea Aberta realizou unha enquisa anónima entre o alumnado, chegando a 769 persoas. E cualifican os números obtidos como "preocupantes". Segundo esa enquisa, apenas o 15,7% do estudantado afirma asistir a todas as horas de clase programadas no seu horario. Entre os motivos de ausencia destaca o 75,2% que alega sensación de "pouco aproveitamento da docencia". Así mesmo, o 49,5% do alumnado valorou o abandono da carreira por esgotamento e o 68% refire ter sufrido polo menos un ataque de ansiedade desencadeado polos estudos.
O estudantado encheu a Facultade de faixas e carteis nos que se podían ler algunhas das súas demandas e denuncias. E, igualmente, mensaxes como "Loitamos hoxe pola sanidade de mañá", "Un mecánico vale o mesmo ca un médico", "Máis formación en medicina social" ou "Se non miran por nós, como imos coidar da xente?".