Como hai un ano, Santiago volveuse encher na defensa da sanidade pública. Milleiros de persoas --mesmo máis que hai doce meses-- ateigaron as rúas compostelás acudindo á chamada de SOS Sanidade Pública nunha marcha "contra a deterioración" de sistema sanitario galego. Fixérono nunha mobilización apoiada por toda a oposición, que volveu fiar un discurso unánime contra a xestión de Núñez Feijóo, a quen o conflito sanitario volvéuselle botar masivamente á rúa a pouco dunhas eleccións autonómicas.
"Feijóo dimisión" ou "Feijóo, ruín, non volvas por Verín" foron algunhas das consignas máis repetidas nunha marcha marcada polo conflito do paridoiro
Co peche do paridoiro de Verín --e a súa posterior reapertura-- aínda moi vixente, foi ese conflito un dos protagonistas nas pancartas e proclamas. "Rubial dimision", en referencia ao xerente do Sergas na área ourensá, "Feijóo dimisión" ou "Feijóo, ruín, non volvas por Verín" foron algunhas das consignas nunha marcha que amosou unha indignación pola deterioración da atención sanitaria nos últimos anos, común en moitas comarcas de Galicia. "Zas sen recortes en pediatría", "En defensa da sanidade pública da Mariña" ou carteis pola atención no Piornedo víronse polas rúas de Santiago, onde se xuntaron xente nova, avós e rapazada.
"Contra o desmantelamento da sanidade pública galega", rezaba a pancarta tras a que se colocaron líderes ou figuras relevantes dos partidos da oposición e dos principais sindicatos galegos nunha marcha apoiada por moreas de colectivos sociais, cidadáns e en defensa do sistema sanitario. Todo marcado por un conflito permanente, coas denuncias das eivas na atención pediátrica, da precariedade do persoal, da falta de recursos ou da saturación das Urxencias máis vivas que nunca e, sobre todo, aguilloado polo peche do paridoiro de Verín, con alusións constantes en toda a manifestación, e a desatención acentuada fóra das áreas urbanas. "A xente do rural tamén temos dereitos", berrouse varias veces.
Nunha praza da Quintana rebordada malia a chuvia, na lectura do manifesto final, os organizadores advertiron de que a "gran manifestación" deste domingo "debe ser o comezo dunha mobilización continuada que conduza a un cambio de goberno, sen o cal a sanidade pública galega está condenada á deterioración e posterior desaparición".
"Isto debe ser o comezo dunha mobilización continuada que conduza a un cambio de goberno, sen o cal a sanidade pública galega está condenada"
Lido por Quico Cadaval, Lucía Aldao, María Lado e a portavoz da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Monterrei, Aurora Sola, que participou no peche do hospital de Verín, o manifesto destaca que a sanidade pública galega "segue en perigo". "Están a soltar todas as alarmas", dixeron, tras lembrar que hai un ano a mesma praza encheuse tamén polos mesmos motivos e contra a Lei de Saúde.
"A Xunta de Feijóo segue facendo ouvidos xordos a este clamor e segue empeñada en transformar o sistema sanitario nunha oportunidade de negocio para as empresas multinacionais e os fondos de investimento", advertiron, tras sinalar que "a universalidade, a equidade, a accesibilidade, e a eficiencia deben ser os sinais de identidade do noso sistema sanitario público".
Para os organizadores, son varios os motivos que sacaron a rúa mileiros de persoas outra vez. Entre elas, a decisión da Xunta de "supeditar a Atención Primaria ás xerencias hospitalarias, controladas por burócratas ao servizo de Feijóo e do PP" e que supuxeron, din, "importantes recortes de persoal, orzamentos e equipamento, nos centros de saúde, que perderon calidade e capacidade resolutiva, mentres que a poboación enferma debe esperar días ou semanas para ser atendida".
"Chegou o momento de poñer no centro do sistema unha Atención Primaria que conte cos equipos de profesionais e dos recursos necesarios"
"A consecuencia lóxica desta deterioración foi a rebelión do persoal da Atención Primaria e o apoio da poboación ás mesmas", explican, tras denunciar "a conxestión das urxencias, a presión irracional sobre as consultas hospitalarias, o crecemento dos seguros privados e unhas listas de agarda que aínda que maquilladas, non deixan de crecer, son a consecuencia lóxica desta situación", engaden.
"Chegou o momento de poñer no centro do sistema unha Atención Primaria que conte cos equipos de profesionais e dos recursos necesarios", piden, tras reclamar tamén que se oferten "urxentemente" todas as prazas de todas as especialidades "que garantan unha Atención Primaria Integral e que responda aos problemas de saúde da poboación galega".
Non faltou, por suposto, a alusión ao peche do paridoiro de Verín. Así, Aurora Sola lembrou que se "suprimiron áreas sanitarias e estanse desmantelando os hospitais comarcais, nos que se seguen pechando servizos e nos que faltan profesionais, situación que está afastando a poboación rural da atención hospitalaria e incrementando a desigualdade, en detrimento das áreas máis pobres, envellecidas e con problemas de comunicacións e desprazamento". Para SOS Sanidade Pública, a supresión durante dous meses da atención aos partos na comarca de Monterrei foi "o exemplo palpable desta política".
"O pobo, cando se une, é capaz de vencer o poder"
"Co subterfuxio de que faltan pediatras e descende o número de nacementos, pretendeuse deixar miles de mulleres da área rural sen un servizo que garantise dar a luz en condicións de seguridade sen ter que desprazarse a quilómetros da súa residencia", explican, tras advertir de que a decisión "puxo en evidencia unha política sanitaria que non ten en conta as desigualdades de xénero". Pero tamén deixou claro, lembran, "que o pobo, cando se une, é capaz de vencer o poder". "Resultan patéticos os cambios de argumento de Núñez Feijóo ao longo do conflito para xustificar o peche. que mostran falta de solidez e de racionalidade da súa política sanitaria, engadiu.
Respecto ás listas de espera, os organizadores da marcha censuran que o Sergas segue sen publicar as "non estruturais" e denuncian que estas listas "serven de xustificación, para enviar, moitas veces contra a súa vontade, miles de pacientes a hospitais privados concertados baixo a cínica Lei de Garantías".
Tamén pon o foco SOS Sanidade Pública na "deterioración" das condicións laborais dos e das profesionais do Sergas ata "acabar nunha contratación que se pode catalogar como lixo".
SOS Sanidade Pública destaca a "a entrega e a profesionalidade" dun persoal do Sergas "maltratado, descontento e frustrado"
Desde a entidade destacan, malia todo, "a entrega e a profesionalidade" dun persoal do Sergas "maltratado, descontento e frustrado" que "suple os problemas asistenciais xerados polos recortes, mala xestión e privatización desta administración do PP". "Galicia necesita dunhas autoridades sanitarias capaces de poñer en práctica unha política de persoal incentivadora, baseada na racionalidade e nunhas condicións laborais xustas", remataron os organizadores, que aclaran que seguirán "negociando" pero tamén "nas mobilizacións".
Alén disto, tamén denunciaron "a manipulación da CRTVG no tema sanitario", antes de "saudar" a Defende A Galega, colectivo do persoal mobilizado nos medios públicos, aos que acusaron de colaborar, por exemplo, no "engano" do conflito do paridoiro e de servir de "voceiro do PP". Todo tras finalizar a marcha ao berro de "sanidade pública e de calidade" e con dúas comitivas, ben diferenciadas, case en solitario cando a praza se baleiraba: as enfermeiras de Eventuais en Loita e a veciñanza de Verín.