"Que quede ben claro que, por moito que digan, nada disto se tería conseguido sen a mobilización social". Quen fala é Aurora Sola, voceira da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei e un dos rostros da mobilización que, initerrompidamente durante dous meses, se opuxo ao peche da sala de partos do hospital comarcal de Verín, o mesmo que Alberto Núñez Feijóo inaugurara en 1994 como máximo responsable do Servizo Galego de Saúde ás ordes do daquela conselleiro de Sanidade, Jose Manuel Romay Beccaría.
Ante conflitos coma o de Verín, Feijóo apela recorrentemente á súa experiencia como xestor sanitario, etapa na que impulsou o nacemento deste centro sanitario como fundación que acabou quebrada
Ambos, Feijóo e Romay, ensaiaran neste hospital comarcal o modelo de fundacións sanitarias que despois exportarían a outros puntos do Estado dende o Goberno de Aznar. O mesmo modelo que acabou quebrando comezando precisamente por Verín, onde o Consello de Contas detectou diversas "irregularidades" contables e de xestión.
A esa experiencia como xestor sanitario, primeiro no Sergas e despois no desaparecido Insalud, apela recorrentemente Feijóo para desacreditar as críticas da oposición, sindicatos ou plataformas veciñais nos diversas protestas que veñen agromando na sanidade pública galega nos últimos anos. "Hai xente que leva vinte anos deteriorando a imaxe da sanidade pública e dicindo que hai recortes, eu tento levar vinte anos protexendo a sanidade pública", afirmaba ante as críticas por uns conflitos que, non obstante, o propio Goberno galego está a tentar aplacar a base de rectificacións antes das eleccións galegas máis incertas na última década . Rectificacións que teñen precisamente en Verín o seu caso máis paradigmático.
Da falta de "pericia" á busca acelerada de pediatras
A finais de novembro de 2019 o propio Feijóo e outros cargos do Goberno presentaron como practicamente inevitable a fin da atención aos partos en Verín. A caída da natalidade na contorna provocara unha perda de "pericia" ao persoal que tornara dar a luz en Verín nunha práctica de "risco". Para avalalo, aludían a guías clínicas que non recomendan atender partos en hospitais con menos de 600 nacementos ao ano, volume que nunca se rexistrou no hospital de Verín nin en ningún outro centro sanitario comarcal de Galicia.
"Un parto non é un infarto", xustificou o titular de Sanidade poucos días antes de que o propio Feijóo comezase a recuar no peche do paridoiro de Verín
"Un parto non é un infarto", defendeu o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, para restar importancia a que as nais de Monterrei pasasen a ser atendidas en Ourense para dar a luz, unha "incomodidade" en verbas de Feijóo. Ambos puxeron o foco pouco despois, non obstante, na falta de pediatras como causa do peche. A mediados de decembro e coas protestas a bater na porta dende fóra do PP, pero tamén dende dentro do propio partido, o presidente da Xunta xa se abría a "reabrir" o paridoiro se aparecían pediatras, busca que pouco despois foi encomendada á doutora xubilada recuperada como xerente do hospital tras a dimisión do anterior responsable.
Foi así como, mesmo fóra do prazo do proceso selectivo inicialmente aberto, acabou aparecendo unha pediatra que ata o momento exercía en Cee. A marcha da profesional para apagar o incendio de Verín avivou as denuncias de carencia de pediatras na Costa da Morte, pero dous meses e moitas versións despois, serviu para reabrir a instalación ourensá, onde xa naceron dous bebés sen que a Xunta aplique, polo menos de momento, o "consentimento informado reforzado" que anunciou.
Atención a infartos vinte e catro horas unha década despois
A rectificación en Verín foi paralela a outra, tamén na sanidade e tamén na provincia de Ourense. A finais de xaneiro Feijóo citaba á prensa no hospital da capital ourensá para unha xuntanza co equipo de Cardioloxía. Alí anunciou a apertura da sala de hemodinámica do complexo con horario ininterrompido. Isto é, que a atención a infartos e outras doenzas semellantes neste hospital pasará a ser ofrecida durante as vinte e catro horas do día.
A apertura vinte e catro horas da sala de hemodinámica no hospital de Lugo tras oito anos de protestas reactivou a demanda ourensá, que vén de ser atendida
Culminaba así a rectificación ante unha demanda que databa dende unha década antes, cando o ex-presidente socialista Emilio Pérez Touriño inaugurara o servizo admitindo que se trataba só dun primeiro paso por abrir só en horario de oficina. Ese mesmo horario, de 8 a 3 e de luns a venres, foi o implantado na hemodinámica do hospital de Lugo, aberta en 2014 malia ser anunciada por Feijóo para 2011. Tras oito anos de protestas, en febreiro de 2019 comezaba a atención vinte e catro horas aos infartos en Lugo, reavivando unha reivindicación ourensá que finalmente foi atendida neste 2020.
Enfermeiras, centros de saúde, promesas de obras
Malia a rectificacións coma estas e outras a nivel local de menor impacto, o Sergas segue inflamado. Sucede en colectivos como o das Enfermeiras Eventuais en Loita, a piques de facer un ano de mobilizacións, ou entre persoal dos centros de Atención Primaria, cuxo malestar a Consellería de Sanidade quixo acalmar formulando ata tres plans distintos.
Plans coma estes e a construción de novas instalacións -dende o novo hospital de Vigo ata a ampliación do da Coruña, anunciada recentemente- son presentadas por Feijóo como mostra evidente de que Galicia goza de "máis" e "mellor" sanidade pública ca "nunca" e do maior orzamento dedicado a esta área na historia da autonomía. Mentres, plataformas como SOS Sanidade Pública advirten de que o recorte acumulado nos anos da crise está a estoupar agora e por iso agardan un seguimento masivo da manifestación convocada para este domingo en Santiago.