Unha concelleira do PP deu a luz no hospital comarcal de Verín malia que a atención aos partos e as urxencias pediátricas están suprimidas desde que a Xunta así o decidise o 1 de decembro. A edil popular no Concello da Gudiña pariu sen pediatra presente --chegou tarde desde o CHUO de Ourense-- e negouse posteriormente a ser trasladada malia que así o indica o protocolo que o Sergas marca tras o peche do paridoiro ordenado polo Goberno galego, que agora busca reabrir "canto antes" o servizo despois dunha importante mobilización cidadá que aínda continúa.
O conflito no hospital comarcal de Verín ergueu tamén os alcaldes da comarca de Monterrei e do interior da provincia de Ourense. Tamén os do PP, como José María Lago, rexedor da Gudiña e compañeiro de grupo municipal da muller que este martes deu a luz o seu quinto fillo nun hospital que, por ordes do Sergas, non debería ter atendido nacemento ningún ante a ausencia de pediatras e a supresión da atención aos partos.
"O parto da nosa compañeira demostra que hai que tomar a decisión urxente de reabrir o paridoiro en canto se consigan os pediatras", di o alcalde da Gudiña
"O parto da nosa compañeira demostra que hai que tomar a decisión urxente de reabrir o paridoiro en canto se consigan os pediatras", di José María Lago en declaracións a Praza.gal. O rexedor, un dos máis críticos coa decisión adoptada polo Sergas, lembra que A Gudiña está a uns 50 minutos en coche de Ourense, pero lembra que "o problema non é o núcleo principal, senón as parroquias e aldeas que están aínda máis lonxe e desde as que se tarda máis dunha hora en chegar e por unhas estradas e cunhas condicións moito peores".
"Hai que reabrilo", insiste Lago, que lembra que os concellos da comarca "sempre estiveron en contra da decisión tomada pola Xunta". "Así o dixemos e por iso protestamos", insiste o rexedor, que cre que a marcha atrás do Goberno galego, que agora aposta por reabrir o paridoiro axiña, ten que ver "coa presión cidadá pero tamén coa dos rexedores".
Lago pide "dotar o hospital de Verín de todos os servizos necesarios para potencialo e atender a poboación"
"O noso labor non é só ir a manifestacións, senón presionar por outros métodos e outras formas. Así o fixemos todos os alcaldes do PP da zona, con reunións tanto con responsables políticos como cos da Consellería de Sanidade, onde amosamos o noso total rexeitamento á supresión dun servizo que é básico e necesario na comarca", explica Lago.
O alcalde da Gudiña insiste en que é "urxente" a reapertura da atención aos partos e a contratación de pediatras, pero tamén "dotar de todos os servizos necesarios para potenciar o hospital e atender a poboación". "Non é só o paridoiro, hai que dotalo de medios", di quen cre que ante os problemas que afronta o rural "hai que buscar solucións e ser creativos". "É obvio que hai actuacións que poden ser deficitarias, pero o básico é solucionar os problemas", remata.