A nova xerente do hospital de Verín nega a "falta de pericia" coa que o Sergas xustificou o peche do paridoiro

Guillermina Agulla, nova xerente do hospital de Verín, nunha reunión con persoal © EOXI Ourense

O Sergas recúa, eméndase e non só asume que busca reabrir "canto antes" o paridoiro que pechou no hospital de Verín hai pouco máis dun mes, senón que renega dos argumentos que deu nun principio para xustificar a súa polémica decisión.

A nova xerente do hospital de Verín renega das xustificacións dadas polo Sergas para pechar o paridoiro, que insiste que se reabrirá "canto antes"

A chegada dunha nova directora ao distrito de Verín, logo da dimisión do anterior xerente en plena protesta cidadá, acabou por confirmar a marcha atrás da Consellería de Sanidade. As súas declaracións, ás poucas horas de incorporarse ao posto no hospital, ratifican unha postura que nada ten que ver coa amosada pola xerencia da área de Ourense. 

Rapazada protesta polo peche do paridoiro no hospital de Verín © Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei

A finais do pasado mes de novembro, o Sergas anunciaba o peche da atención aos partos no Hospital Público de Verín. Entre a indignación da cidadanía e do persoal, a xerencia da área ourensá xustificou a medida no baixo número de nacementos atendidos pola baixa natalidade na zona, o que derivaría en problemas de “seguridade” para os pequenos e as nais pola falta de “pericia” e “perda de experiencia” dos profesionais.

"Falta de pericia dos profesionais? Xamais me atrevería a dicir semellante cousa", di a nova directora do distrito de Verín, en contra do argumento do Sergas

"Falta de pericia dos profesionais? Xamais me atrevería a dicir semellante cousa", di en La Región Guillermina Agulla, nova xerente no distrito da comarca de Monterrei. "No hospital de Verín deuse a luz moitos anos. Non podo falar do pasado nin das circunstancias que motivaron a situación actual e eu non veño aquí facer maxia nin milagres, iso que quede claro", advirte nunha entrevista na que renega dos argumentos dados nun principio polo Sergas e na que asume que chega para "tratar de resolver" o problema creado. 

O seu rexeitamento a acusar o persoal de "falta de pericia" coincide coa crítica dos profesionais do centro verinense, que aínda agora denuncian que foron "sinalados e desprestixiados" en base a uns "criterios técnicos e informes que ninguén ten amosado aínda". 

A tese inicial da Xunta foi defendida polo xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial e polo propio conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. Máis tarde, e logo de que Feijóo virase xa a ollada á falta de pediatras, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, insistía en que o baixo número de partos era "o desencadeante" do peche do paridoiro e achegaba datos que alertan da "redución importante da evolución da natalidade no distrito sanitario". A suposta falta de seguridade nos partos foi a causa esgrimida. 

O Sergas insistiu na baixa natalidade e na "falta de pericia" dos profesionais como o "desencadeante" do peche do paridoiro, motivos que agora nega Agulla

Segundo fontes do persoal do hospital de Verín e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei, a marcha atrás da Xunta ten pouco que ver coas intencións de Félix Rubial que, segundo denuncian, "segue querendo pechar o paridoiro". Médicos do centro aseguran que "a resposta social e o preto que están as eleccións autonómicas" acabaron por convencer o Sergas da reapertura. 

Guillermina Agulla, nova xerente en Verín, non oculta que ese é o seu "obxectivo", para o que busca os pediatras "onde sexa". Neste venres entrevistouse con varios deles e, segundo fontes hospitalarias, é máis que probable que en febreiro haxa polo menos un especialista incorporado que permita reabrir a atención aos partos e despois de que hai só uns días a convocatoria aberta polo Sergas para dúas prazas quedase deserta. 

Por outra banda, este pasado sábado, unha muller foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) desde o hospital de Verín ao comprobar que o parto estaba moi avanzado pero que non sería inmediato, polo que era recomendable que fose atendida na capital provincial. 

Ademais, a parlamentaria socialista Patricia Otero presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta que garanta a continuidade dos paridoiros comarcais, sinaladamente os de Monforte e Burela. A parlamentaria luguesa do PSdeG quere que a Xunta aclare "se estenderá o peche do paridoiro de Verín a outros hospitais comarcais de Galicia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.