A Xunta convoca o posto de dirección do Distrito Sanitario de Verín tras a marcha do último responsable do hospital, ao que o persoal criticaba a súa ausencia en plena polémica polo peche do paridoiro
Un mes despois de iniciarse a crise sanitaria e política provocada pola decisión do Sergas de pechar o paridoiro de Verín, o seu remate está aínda lonxe de producirse: o Goberno galego vén de convocar un proceso de selección para o posto de “director/a do Distrito Sanitario de Verín”. O posto permitirá substituír o último xerente do hospital de Verín, Miguel Abad, anteriormente concelleiro do PP en Ourense.
Abad deixa o cargo ao que chegou hai dous anos e medio aducindo motivos persoais despois de que os traballadores e traballadoras do centro criticasen a súa ausencia desde antes mesmo de coñecerse a decisión do Sergas de eliminar o servizo de partos.
O posto que agora convoca o Sergas é de “alta dirección”, isto é, que pode ser elixido a dedo cun tipo de proceso de selección no que a Xunta adoita ter claro previamente o nome do seleccionado
O posto que agora convoca o Sergas é de “alta dirección”, isto é, que pode ser elixido a dedo e non só entre o persoal funcionario, cun tipo de proceso de selección no que a Xunta adoita ter claro o nome do seleccionado malia verse obrigada a convocar formalmente un procedemento público. De feito, os interesados teñen só cinco días hábiles para presentar as súas candidaturas. O único requisito é que a persoa teña unha licenciatura universitaria calquera ou grao equivalente. O seu soldo, ademais, poderá incluír retribucións variables “en función do cumprimento dos obxectivos previamente pactados” co Sergas.