En Verín xa non se nace: guía para non perderse no último gran conflito sanitario

Mobilización ás portas do Hospital de Verín, este luns © Común da Esquerda

A cidadanía de Verín continúa en pé de guerra tras o peche definitivo do paridoiro e do servizo de urxencias pediátricas do seu hospital comarcal. Continúa acoa denuncia que rebordou as rúas da localidade nunha manifestación histórica que implicou toda a comarca. Desde este mes de decembro, as mulleres de calquera localidade de Monterrei terán que ir parir ao Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO) nunha viaxe de arredor dunha hora de duración por estrada no mellor dos casos. 

O Sergas xustifica a polémica medida co baixo número de nacementos; persoal do centro ve un paso máis no "desmantelamento"

O Sergas xustifica a polémica medida no baixo número de nacementos atendidos no hospital, o que derivaría en problemas de “seguridade” para os pequenos e as nais pola falta de “pericia” e “perda de experiencia” dos traballadores, uns argumentos desmentidos por un persoal indignado que leva tempo acusando a Consellería de Sanidade de agochar as verdadeiras motivacións do peche: a deficiente organización, a falta de pediatras derivada desta e unha xestión baseada na rendibilidade económica e nos recortes.

No fondo, advirten do “desmantelamento” dos centros comarcais en beneficio das grandes áreas urbanas mentres se preguntan se é esta “a política do Executivo para evitar o despoboamento no rural”. Fontes profesionais advirten mesmo de toda unha estratexia do Goberno galego, “propaganda incluída”, para intentar convencer dos supostos riscos que tería dar a luz en Verín. 

Que di a Xunta para xustificar o peche da atención ao parto no Hospital Comarcal de Verín?

O Sergas xustifica o peche no baixo número de partos e na falta de "pericia" dos profesionais, que din sentirse "agraviados e ofendidos" e negan as acusacións

A Xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco xustifica o peche no baixo número nacementos no hospital, o que suporía a perda de experiencia e pericia dos profesionais de xinecoloxía e obstetricia e o conseguinte risco para nais e bebés. O Sergas asegura que haberá uns 60 partos ao finalizar este ano, pero persoal do hospital aclara que o número sería moito máis alto de atenderse todos os nacementos previstos e de non derivarse a Ourense casos que non terían por que seren atendidos fóra do centro. A Consellería alude, ademais, ao “consenso” de profesionais e sociedades científicas, que recomendarían “non dotar de maternidade” a aqueles hospitais que non cheguen a 600 partos anuais, unha cifra que non alcanzaría ningún centro comarcal en Galicia. 

“Péchase por unha cuestión de xestión, de recortes, de quitar un dereito a unha zona rural e deprimida polo custo que supón”, di Javier Castrillo, xefe de xinecoloxía do hospital comarcal. “Se argumentasen que o peche é unha cuestión de gasto, de querer aforrar, eu oporíame frontalmente pero non me sentiría agraviado, pero cando aluden a unha cuestión de baixa calidade ou inseguridade, síntome agraviado e ofendido”, engade. 

Que di o documento de expertos co que o Sergas xustifica o peche?

A guía Maternidad Hospitalaria, Estándares y Recomendaciones, elaborada pola Axencia de Calidade do Sistema Nacional de Saúde para o Ministerio de Sanidad en 2009 recolle no capítulo sobre “organización y gestión” un epígrafe sobre a atención hospitalaria ao parto no que di que “parece prudente non dotar de Maternidade Hospitalaria aqueles hospitais que non teñan unha área poboacional de referencia (ou cuxo estudo de mercado non prevea) que xere unha demanda superior aos 600 partos ao ano”, pero engade a continuación que é recomendable “agás por razóns de tempos de desprazamento ou accesibilidade que así o aconsellen”. 

A Xunta alude a un documento que recomenda non dotar de maternidade aos hospitais con menos de 600 partos anuais, cifra que non cumpre ningún centro comarcal

Ademais de que o Sergas evita destacar esa excepción e que non advirte de que esa cifra de 600 partos é tamén inviable en calquera outro hospital comarcal, esquécese de que esa única recomendación que achega é destinada á optimización de recursos e non á seguridade, como destacan varios profesionais e os colexios de Enfermería de Galicia. Alén disto, como destaca persoal do hospital de Verín, obvia tamén que a recomendación é unicamente no caso de “querer abrir” un novo centro, pero en ningún caso para “pechalos”. “Estanse baseando nun parágrafo ambiguo e pouco claro dun documento de 200 páxinas”, lembra Castrillo. 

A Consellería de Sanidade obvia tamén outras recomendacións, do Ministerio de Sanidad ou da OMS, que recomendan ratios de unha muller/unha matrona na atención aos partos, algo que si se cumpre en Verín, ou que advirten do valor engadido para a calidade e seguridade asistencial que supón a proximidade da cidadanía ao hospital onde recibe as atencións. 

Cal é o motivo real segundo o persoal do hospital en Verín?

Advertírono as matronas e outros profesionais: “O Sergas está claudicando á presión dos pediatras de Ourense, que non queren ter que estar desprazándose ata Verín aínda que estean obrigados; a solución máis sinxela que tiñan era pechar o paridoiro”, explica un traballador na atención aos partos de Verín. A obriga á que se refire deriva dunha sentenza xudicial que obriga o persoal a ter que traballar, se así é requirido, nos diferentes centros da área sanitaria. “Como o Sergas non dá incentivo ningún, nin quere gastar en contratacións... Tiraron polo fácil e radical, por moito que supoña deixar sen un servizo fundamental unha zona coma esta”, destaca outro membro do persoal. 

“É unha cuestión de comodidade”, engade Castrillo, que advirte de que Ourense ten “o mesmo problema” que Verín e O Barco ao “ter caído número de partos a máis da metade na última década”. “O servizo de xinecoloxía e de pediatría do CHUO ten moito máis persoal e precisa rabuñar partos e atención pediátrica de onde sexa”, explica. 

Persoal de Verín apunta a criterios de "comodidade" e "económicos" e advirte de que o Sergas "claudicou á presión dos pediatras que non queren desprazarse"

De aí derívase outra cuestión aínda máis complexa e polémica. Segundo din desde o hospital comarca, as derivacións de partos e neonatos á capital provincial nos últimos meses sufriu un espectacular aumento, incluíndo “casos nos que non era preciso”. Todo, denuncian, para xustificar o labor dos que alí traballan e o peche de servizos nos centros comarcais. 

“En Verín teríamos acabado o ano cuns 100 partos se non fose porque os pediatras que aquí viñan fixeron xa o seu labor enviando todo canto podían a Ourense”, explica unha fonte do hospital comarcal. “Ao Sergas non lle compensa manter o paridoiro por unha cuestión puramente económica e non mira máis aló”, insiste outra. 

Persoal acusa o Sergas de usar a TVG para xustificar o peche

A esta acusación engádeselle outra moito máis grave feita tamén por varios profesionais do hospital de Verín. “Usan os medios públicos para intentar xustificar o peche ante a opinión pública”, contan. Refírense, sobre todo, a unha nova do Telexornal do pasado xoves 28 de novembro. “O último bebé nado no hospital de Verín tivo que ser trasladado de urxencia ao CHUO”, comezaba a información, con detalles sobre un leve problema cun neonato que foi trasladado a Ourense malia que, segundo estas mesmas fontes, puido ser atendido sen problemas no centro verinense e despois de que a propia familia quitase importancia ao problema. Xusto despois, outra información trataba a polémica polo peche do paridoiro. “Foi unha cousa bastante fea, porque mesmo responsables do CHUO recoñeceron que lograran o seu obxectivo de xustificar o peche por unha falta de seguridade que non é tal”, din outras fontes. 

Remate da manifestación contra o peche da sala de partos do hospital de Verín, o 30 de novembro CC-BY-NC-SA PSdeG

Profesionais do hospital comarcal alertan do elevado número de derivacións inxustificadas ao servizo de pediatría e xinecoloxía e obstetricia de Ourense

Que o aumento das derivacións produciuse sobre todo nos últimos meses dá conta algún dato, neste caso en referencia ao Hospital do Barco. “Nos últimos cinco anos debeu haber unha quincena de traslados, pero unha ducia deles foron nos últimos seis meses, coincidindo coa chegada dos pediatras de Ourense a esta localidade”, din profesionais comarcais. 

No caso de Verín, nos últimos catro meses, e coincidindo coa xubilación do anterior pediatra titular con praza, as derivacións de neonatos ao CHUO mutiplicouse por sete con respecto ao primeiro semestre. Foi xusto despois de que empezasen a prestar servizo os especialistas que eran enviados desde Ourense. A última polémica chegou co último neno nado no centro comarcal, cando o xefe de Xinecoloxía se negou a un traslado ordenado polo servizo de pediatría da capital. 

O apoio de persoal de Ourense á decisión do Sergas

Unha corentena de facultativos de Ourense asinaron apoiando a decisión do Sergas

Mentres a mobilización da cidadanía e dos profesionais do hospital comarcal aumentaba, uns 40 facultativos dos servizos de pediatría e obstetricia e xinecoloxía de Ourense –todos menos os que non estaban traballando por baixa ou vacacións-- asinaron un escrito apoiando a decisión do Sergas. “Todos os profesionais implicados no asunto”, aclaran desde Verín, onde unha traballadora asegura que mesmo un pediatra quen lle recoñeceu que lle fora moi difícil negarse a firmar un documento “promovido polos xefes”. 

Desde Verín, persoal lembra tamén que, malia os intentos da Xunta, ningunha sociedade profesional amosou o seu apoio á decisión de pechar o paridoiro. “Nin sendo verdade o que argumentan, que non o é, uns compañeiros se atreverían a asinar algo que cargue contra os seus compañeiros e poña en dúbida a súa profesionalidade e capacidade”, destacan. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.