A supresión da atención aos partos en Verín volve desencadear a indignación contra o Sergas

Concentración ante o hospital comarcal de Verín © En Marea

A decisión sóubose o pasado venres pero levaba tempo preparándose. O Sergas acordou suprimir a atención ao parto no Hospital de Verín, polo que as mulleres xestantes da comarca terán que desprazarse ao Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU) para dar a luz a partir do vindeiro 1 de decembro. 

Outra decisión cargada de polémica que xa ergueu as protestas de toda a oposición –que acaba de pedir conxuntamente a comparecencia urxente do conselleiro Vázquez Almuiña–, do persoal hospitalario e boa parte da cidadanía da comarca. Todos acusan a Consellería de Sanidade de dar un paso máis no “desmantelamento da sanidade pública”.

O Sergas deciciu suprimir a atención aos partos no Hospital Comarcal de Verín desde o vindeiro 1 de decembro; as mulleres terán que desprazarse a Ourense

A xerencia da área sanitaria de Ourense, O Barco e Verín xustifica a decisión na baixa natalidade da comarca de Monterrei, cuns 60 partos previstos neste ano, e nos criterios das sociedades científicas derivados desa baixa actividade dos servizos de xinecoloxía, obstetricia e pediatría. No lado contrario, as críticas de quen se pregunta como se vai evitar a caída nos nacementos e o despoboamento mentres se seguen a suprimir servizos fundamentais. 

Neste mesmo luns, o xerente da EOXI, Félix Rubial, reuniu as mulleres afectadas para intentar darlles unha explicación. Non puido. Nun auditorio ateigado, cidadanía e persoal do centro pediron a súa "dimisión" a berros e advertiron da "loita" en Verín por un hospital en condicións. Entre moita tensión, viuse obrigado a marchar prometendo atender as dúbidas das embarazadas unha a unha, momento no que algunhas delas o abordaron reclamando respostas e recriminándolle a supresión do paridoiro. 

O recibimento a Rubial foi o contrario ao das matronas, presentadas entre aplausos, que aseguraron que os documentos nos que o Sergas basea a súa decisión refírense á imposibilidade de formación de facultativos no caso de baixar dun número de partos anuais nun centro. Aseguran que esa é a verdadeira razón da supresión deste servizo. "Ao estar en risco esa cifra en Ourense, prefiren derivar alí os nacementos", explican. 

Pero a cousa vai máis alá. Co peche do paridoiro, o Sergas suprimirá tamén a praza de pediatría. Fontes do persoal hospitalario advirten de que a decisión foi ao revés. “Ao ter dificultades para contar cun pediatra de garda en Verín que atenda calquera problema, porque non queren vir nin son incentivados para que veñan, Sanidade opta por que se deixen de atender partos”, din desde a comisión de centro, que amosa a súa indignación ante decisións do Sergas “que non se poden consentir”. 

O xerente da área sanitaria, Félix Rubial, tivo que abandonar o acto onde intentaba explicar a decisión entre berros de "dimisión" de persoal e cidadanía

A xerencia da área sanitaria alude ao “claro consenso en todas as sociedades científicas e profesionais” que indicarían que debe haber “un número mínimo de partos para garantir unha atención segura e de calidade e minimizar os riscos”. Xosé Lois Doval, xefe de Xinecoloxía, asegura que leva anos pasando informes que aseguran que a asistencia non era a axeitada, o que supuxo tamén o enfado do persoal. A pregunta que se fan usuarios e profesionais é se, daquela, o Hospital de Verín estivo anos atendendo sen garantías. “Se o seguro agora é acudir a Ourense, o que se facía antes era inseguro?”, cuestiónanse. 

"Que seguridade hai se unha muller ten que parir no camiño para percorrer os 70 quilómetros ou máis de distancia ata Ourense?", pregúntanse as matronas, que insisten en que o Sergas "poña os medios necesarios en Verín para que os partos se leven a cabo con normalidade e de forma segura". Rubial, pola contra, insistiu este luns en que non permitirá un parto máis no centro de Verín "por calidade e seguridade". 

A cuestión é que, a partir do vindeiro luns, unha muller de parto terá que desprazarse até o CHOU desde esta comarca. Son 50 minutos en coche desde Verín, pero algo máis desde Riós, case unha hora desde Vilardevós ou hora e algo desde Laza. Problemas engadidos para unha zona que leva anos denunciando a escaseza de medios e persoal na súa sanidade pública. 

As mulleres da comarca terán que desprazarse ata Ourense para dar a luz: 50 minutos desde Verín ou unha hora desde Vilardevós

“A baixa natalidade é un fenómeno que se dá en toda Galicia, non só aquí; os partos diminúen, é obvio, pero o que hai que facer é poñer as condicións para que pairan en seguridade, así de claro”, advirten desde a comisión de centro, que espera que o Sergas “dea marcha atrás” nunha decisión “política” e froito dos “recortes que leva a cabo a Xunta”. “O Hospital de Verín ten que dotarse do persoal necesario”, aseguran. 

Todo vén derivado, advirten, da antiga condición de fundación sanitaria do hospital. Aquel primeiro experimento sanitario de Feijóo que acabou quebrado e rescatado. Logo de que o Consello de Contas certificase a súa “grave situación financeira”, as continuas irregularidades nas contratacións e a precariedade laboral “non admisible”, o bipartito acabouno rescatando logo de inxectar 4 millóns de euros para acabar por disolver as fundacións, que pasaron a ser centros plenamente públicos. “Hai máis de dez anos daquela e aínda non contamos cos mesmos medios e persoal que outros centros de titularidade pública”, di a comisión. 

Mobilización en Verín contra os recortes na sanidade pública CC-BY-NC-SA CIG

A oposición únese contra a "inaceptable" decisión do Sergas

Así, a oposición uniuse para cualificar de “inaceptable” a decisión e solicitar que o conselleiro de Sanidade ofreza explicacións na Cámara. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamentou a “falta de compromiso” da Xunta cunha sanidade pública de “calidade”, unha situación que di que “afecta con máis gravidade os concellos pequenos e as zonas do interior”. 

Ademais, lembrou que a decisión chega desde a EOXI que dirixe Félix Rubial, que “durante a súa etapa na área de Vigo fixo que 100.000 persoas saísen á rúa para protestar polas políticas sanitarias de Feijóo”. Pola súa banda, Común da Esquerda considera “inadmisible” o peche. A súa deputada Eva Solla cre que é “a crónica dunha morte anunciada”. “Levan moito tempo denunciándoo os e as profesionais; isto confirma o baleirado dos hospitais comarcais, algo xa denunciando tanto cando se suprimiron as súas áreas sanitarias como cando se modificou a Lei de Saúde de Galicia”. 

Toda a oposición uniuse para pedir conxuntamente a comparecencia do conselleiro Vázquez Almuiña no Parlamento para dar explicacións

Desde o BNG, a deputada ourensá Noa Presas, cualifica de “incomprensible”, unha “tomadura de pelo” e “un disparate” a decisión do Sergas, da que xa advertira o Bloque “malia que o conselleiro o negou”. “En lugar de ter dificultades para ter persoal e decidir enviar as mulleres a parir ao CHOU, por que non se incentiva os traballadores para que traballen alí?”, pregúntase. A formación nacionalista pide unha “rectificación inmediata” á Xunta para que manteña o servizo de atención ao parto e as gardas de pediatría. Así, a súa voceira nacional, Ana Pontón, pregúntase se esta é “unha das medidas estrelas do PP para a dinamización demográfica, recortar os recursos a disposición das mulleres”. 

En Marea, pola súa banda, cualifica a decisión da área sanitaria de “violencia institucional contra as mulleres”. “Isto supón que unha persoa que rompa augas teña que percorrer unha distancia de hora e media ata parir no Hospital de Ourense, xerando riscos para a súa saúde e a dos bebés, xerando o risco de partos non desexados na autovía, nos coches, sen atención sanitaria”, dixo o seu portavoz, Luís Villares. 

As críticas tamén chegaron desde a Asociación Galega pola Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), que lembra que xa denunciara que “a desaparición dás áreas sanitarias para crear os EOXIS estaba dirixida a desmantelar o hospitais comarcais, como demostra o peche dun novo servizos no Hospital de Verín, como xa pasou no Barco de Valdeorras ou en Monforte”. 

A Asociación para a Defensa da Sanidade Pública pide mobilizarse "contra o desmantelamento"; xa o vindeiro sábado unha marcha percorrerá Verín

Por iso, tanto desde a AGDSP como SOS Sanidade Pública consideran “necesario e urxente” convocar unha “nova mobilización contra o desmantelamento destes hospitais que achegaban a atención ás áreas rurais máis afastadas dos grandes centros sanitarios das cidades”. 

Polo momento, para o vindeiro sábado 30 de novembro hai convocada xa unha manifestación “en defensa da sanidade pública na comarca de Monterrei” a partir as 17 horas desde o Hospital de Verín, ao que se lle dará “un abrazo simbólico”. “Non permitas o desmantelamento”, di a convocatoria da Plataforma en Defensa da Sanidade Publica da zona, que teme que a perda do paritorio só sexa o inicio de máis supresións.

Non será a primeira mobilización nin seguramente a última. Hai arredor de ano e medio, unha gran marcha percorría as rúas de Verín denunciando os recortes que agora parecen confirmarse. Daquela, a Xunta negara o "desmantelamento" do hospital e cualificaba de "irresponsables" as críticas

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.