O conflito na sanidade non calma e afronta máis mobilizacións e outra folga na Atención Primaria

Mobilización pola Atención Primaria ante un centro de saúde en Galicia © Primaria Digna

O conflito sanitario non só non cesa senón que aumenta de temperatura a menos dun mes da vindeiras eleccións xerais e a menos dun ano das autonómicas. Logo das mobilizacións, folgas e protestas nos PAC, en diferentes servizos de Urxencias, dos usuarios, en subcontratas, nos hospitais, na enfermaría eventual –onde continúan-- ou nas ambulancias, a Atención Primaria segue a erguerse ante a que consideran “insuficientes” medidas por parte da Xunta

A Asemblea de Áreas Sanitarias convoca unha gran mobilización o 26 de outubro en Santiago e unha folga o 27 e 28 de novembro en toda a Atención Primaria

A Asemblea Galega de Área Sanitarias, que une as asembleas das diferentes zonas, acordou esta semana reiniciar as concentracións de cinco minutos diante dos centros de saúde, que se celebrarán desde este mes de outubro cada xoves ao mediodía. Ademais, o colectivo acordou levar a cabo unha gran mobilización o vindeiro sábado 26 de outubro en Compostela, que será tamén ás 12 horas e na que chaman a participar “a todos os colectivos profesionais e á poboación” en protesta pola precaria situación da sanidade pública que denuncian en Galicia. 

Ademais, e logo da exitosa folga do pasado mes de xuño e dos paros de médicos en Vigo en maio, a Asemblea Galega convoca outra folga de dous días, o 27 e 28 de novembro, en toda a Atención Primaria (AP) do Sergas

Manifestación pola dignidade da Atención Primaria © Paula Quinteiro

Prevese outro importante seguimento ante unha convocatoria que reclama a “recuperacion da estrutura de xestión de Atención Primaria en tres meses”, máis tempo para atender aos pacientes e unha limitación de 30 citas por día ante a “sobrecarga asistencial” que levan denunciando os profesionais nos últimos meses. 

Ademais, demandan “estabilidade e non precariedade” e unha oferta e convocatoria de todas as vacantes e de todas as categorías mediante Oferta Pública de Emprego (OPE). Ao tempo, os profesionais organizados da Atención Primaria reclaman a “cobertura do 100% das ausencias de todas as categorías” e un “orzamentos específico e propio” para a AP “ata acadar o 25% a razón dun incremento mínimo anual de tres puntos porcentuais”.

O persoal mobilizado da Atención Primaria reclama máis persoal, máis tempo para atender os pacientes ou menos carga asistencial

Alén disto, a táboa reivindicativa solicita tamén unha “atención homoxénea en todas as áreas sanitarias” que implique “garantir a derivación de presenza física a todos os servizos hospitalarios”, “teleconsulta” en todos eles e “resposta en menos de sete días” e o “acceso a todas as probas diagnósticas”. 

A Asemblea Galega, ademais, propuxo tamén a creación da asociación Foro Galego de Atención Primaria, onde se xunten todos os colectivos profesionais que traballan nela na procura de solucións. 

A folga, prevista nun principio para os días 7 e 8 de novembro, terá lugar finalmente na última semana do mes para evitar coincidir coa toma de posesión de OPE e os traslados e coa período máis intenso da campaña antigripal. Ademais, advirten na Asemblea, o aumento no prazo da convocatoria “dá tempo a que se coñezan os resultados do chamado Consello Técnico” creado polo Sergas, así como para que “a Consellería de Sanidade teña tempo para decidirse a falar e negociar”

As protestas na Atención Primaria únense ás que manteñen desde hai meses as enfermeiras eventuais que loitan por mellores condicións para o seu colectivo

As protestas na Atención Primaria únense ás que a enfermaría leva realizando tamén desde hai meses da man de Enfermeiras Eventuais en Loita, un colectivo que mobiliza máis de 7.000 persoas e representa unhas 10.000 e que busca convocar unha gran manifestación contra a “depreciación da sanidade pública” e pola fin da precariedade, ademais de esixir tamén unha macro oferta de emprego ou acabar coa taxa de reposición.

A loita das enfermeiras eventuais rachou os marcos da protesta sanitaria en Galicia, onde os movementos de protesta na Atención Primaria foron tamén variados e cambiantes.

Concentración ante o hospital comarcal de Verín © En Marea

O conflito sanitario en Galicia non rematou tan sequera coa creación desa ampla mesa de diálogo impulsada polo Sergas para abordar o futuro da Atención Primaria, unha das medidas que sindicatos e colectivos reclamaran para desconvocar a folga de tres días que estaba prevista en abril. O Consello Técnico, a inclusión de cinco puntos “irrenunciables” nas conversas e o cambio no modelo de negociación detiveron aqueles paros, pero non o malestar xeral, que agromou en poucas horas. Tampouco o plan con máis de 100 millóns anunciado por Feijóo en plena campaña electoral

A Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP), que agrupaba sindicatos, sociedades científicas e diferentes entidades profesionais, dividiuse até quedar case sen funcionamento. Profesionais das áreas sanitarias galegas constituíronse nesa nova organización, Asemblea Galega de Áreas Sanitarias, que apoiou os paros dos médicos da área de Vigo do pasado mes de maio e convocou outra exitosa folga en xuño que a Xunta reduciu a un 21% de apoio

As mobillizacións sucédense en diferentes zonas; persoal e cidadanía en Verín volveu protestar contra o "desmantelamento" do hospital comarcal

O malestar chega a diferentes colectivos como a asociación Batas Blancas, que a pasada semana advertía nun comunicado dunha crise sanitaria “moito máis fonda e de moito máis calado que o que transcende á opinión pública”. “É unha crise de valores, de identidade, de respecto, de orgullo...”, di o colectivo, que aposta por un “redeseño total do sistema” que, advirten, “nunca poderá ser levado a cabo polo conselleiro Vázquez Almuiña, “un político que chegou ao seu máximo nivel de incompetencia”. 

As mobilizacións sucédense en diferentes comarcas. O pasado venres, cidadanía e persoal do hospital comarcal de Verín concentráronse, na terceira das convocatorias da comisión delegada, ás portas da entrada para denunciar o “desmantelamento” do centro por mor dos “recortes” levados a cabo pola Xunta de Galicia. Ese mesmo día, tamén fronte aos diferentes complexos hospitalarios de Galicia, Enfermeiras Eventuais en Loita volveu concentrarse contra a “precariedade” do seu colectivo e pola mellora das súas condicións retributivas e de traballo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.