A situación da sanidade pública en Galicia remata coa paciencia de persoal, usuarios, sindicatos, colectivos de traballadores e tamén coa dos colexios médicos. Nesta ocasión, o de Pontevedra acaba de alertar da “escaseza de profesionais” sanitarios no país e carga con dureza contra a Xunta, á que acusa mesmo de “presionar” este persoal “até extremos que sobrepasan calquera límite”, o que provoca que sexan moitos os que “marchan”.
O Colexio pide "incentivos" económicos e laborais mediante "contratos estables" para evitar a "fuga de cerebros" e denuncia "presións ata extremos que sobrepasan calquera límite"
Nun comunicado, o Colexio Oficial de Médicos da provincia pontevedresa reclamou á Xunta “incentivos” que contrarresten esta “escaseza” de profesionais, ademais de alertar das “presións” ás que están sometidos os traballadores sanitarios. Segundo a institución, o Sergas está a “utilizar persoas que non están en posesión da preparación, cualificación e titulación necesarias para a realización de labores asistenciais médicos”, algo que decidiu “denunciar publicamente” por ser “totalmente inaceptable”. “A cobertura asistencial debe estar garantida en todo momento e en todo lugar cos profesionais necesarios”, inisten, aludindo a que en moitos PAC de Pontevedra é unicamente persoal de enfermaría o que atende nalgunhas xornadas.
O Colexio insiste na “escaseza” de profesionais e pide que estes sexan “incentivados tanto económica como laboralmente”, a través de “contratos estables” para evitar a “fuga de cerebros” que denuncian que se está a producir en Galicia.
A entidade vai máis aló e pide que non se “falsee a precariedade da asistencia sanitaria” e denuncin que “non se poñan os medios necesarios para solucionala” e, ao tempo, “se pretenda responsabilizar os profesionais da situación desa precariedade”. “Hai que ser conscientes e sensatos coa situación actual”, explican.
O Colexio apunta claramente “a administración e os seus xestores” como “única responsable” e acúsaa de “presionar os profesionais ata extremos que sobrepasan calquera límite” o que, segundo din, “provoca que marchen a lugares onde si son apreciados e valorados e onde lles ofertan mellores condicións laborais”.
A entidade pide que "non se falsee a precariedade da asistencia sanitaria" e alerta dunha "deterioración próxima ao desastre" na sanidade pública galega
A entidade pide que o Sergas “dimensione o número de profesionais ás necesidades asistenciais”, así como “dotar de tempo suficiente para prestar unha boa calidade de atención médica”. Ao tempo, pide axendas de consulta “perfectamente dimensionadas e regradas” ao horario laboral que “permitan a conciliación familiar e o descando do persoal”, pero tamén que se “estableza o libre acceso a todas as progas diagnósticas que se precisen para un correcto diagnóstico”.
A queixa, aclaran, provén de “todos os profesionais, tanto da Atención Primaria como da Hospitalaria”. “A situación de deterioración, moi próxima ao desastre, estase instaurando en todos os ámbitos da sanidade galega”, advirten.
Sanidade responde ao Colexio Médico
A Consellería de Sanidade non tardou en responder e, a través dunha nota de prensa, retrucou as acusación do Colexio de Pontevedra asegurando que "xa adoptou diversas medidas para paliar o déficit de médicos e para mellorar as condicións de prestación dos servizos sanitarios". Así, fai referencia ás últimas ofertas públicas de emprego e a toma de posesión de varios centos de médicos no Sergas, así como a futuras convocatorias e concursos de traslados.
Sanidade destaca tamén a aprobación do Plan de Atención Primaria ou as "melloras ostensibles das condicións de traballo dos profesionais dos PAC", pero tamén "a prolongación no servizo activo ata os 70 anos", así como "o contrato de continuidade de tres anos de duración" que, segundo dixo, "posibilitou formalizar ao redor de 30 contratos de longa duración para médicos de familia".
Precisamente, o colectivo vigués Enfermeiras Sen Cadeas denunciou este xoves en rolda de prensa as “condicións de escravitude” dese contrato de continuidade e anunciou unha concentración de protesta para o vindeiro 16 de setembro, ante a dirección provincial de Sanidade na cidade.
Enfermeiras Sen Cadeas critica a "escravitude" que supón o contrato de continuidade e anuncian mobilizacións para o vindeiro mes de setembro
Apoiadas polos sindicatos CIG, Prosagap e CCOO, o contrato non só non ofrece estabilidade senón que "precariza aínda máis” as condicións das enfermeiras eventuais que, aseguran, son “moitas máis” das que admite a Xunta. Segundo denuncian, ese tipo de contratación proposta polo Sergas supón unha constante mobilidade das profesionais, pasar a ter 48 horas de traballo á semana; e ter un 40% do seu horario mensual sen fixar previamente, para que sexa decidido de forma “discrecional” por parte da área sanitaria en función das necesidades do servizo.
"Non queremos ser cómplices da precarización do sistema público de saúde”, aclararon, tras asegurar que "o nivel de tensión é inhumano". "Estamos a pór en perigo o modelo asistencial", destacaron.
O Sergas saíu tamén a defender este contra de estabilidade para asegurar que permite a "estabilidade" e favorece a "conciliación", ademais de destacar que foi aceptado polos sindicatos Satase, CSIF, CESM-O'Mega e UGT.