As enfermeiras eventuais do Sergas levan desde o pasado mes de maio liderando unha vaga moblizacións intensa e asentada. Desde que os exames de oposición celebrados en Silleda fixeron agromar e consolidar a plataforma Enfermeiras Eventuais en Loita para poñer cifras e rostros á protesta contra a precariedade laboral do colectivo, o conflito entrou no debate político, sobre todo despois de que a Xunta tentase amortecer o impacto das súas denuncias. E agora, doutra volta.
As enfermeiras eventuais clamaron polo dereito á conciliación o pasado luns e o Sergas retrucou que a situación era peor hai dez anos
Naceu 12 meses, 12 loitas, unha cita mensual coa mobilización das enfermeiras que este 12 de agosto se centrou na reivindicación do dereito á conciliación da vida laboral e persoal, imposible coa concatenación de contratos duns poucos días e a necesaria dispoñibilidade "permanente" para o Sergas, segundo denuncian. A Consellería de Sanidade volveu responder alegando, como noutros conflitos sanitarios, que hai unha década a situación era peor ou achegando datos que son contestados polo colectivo de eventuais con cifras de organismos oficiais e tirados da súa propia experiencia persoal.
O Sergas asegurou desta vez que conta na actualidade con "preto de 11.000 profesionais e enfermaría, o que supón 700 máis dos que había no 2008" e que, "ademais, o 88% é persoal estable". O eventual, agrega, é "necesario para reforzar" os cadros de persoal "en momentos de maior carga asistencial ou cubrir as ausencias" do persoal estable, agrega.
O Sergas insiste en que o 88% do persoal de enfermaría é estable; Eventuais en Loita lembra que o Consello de Contas cifra a temporalidade entre o 40% e o 28%
É a pelexa constante e o argumentario habitual da Administración, que nega a versión dos profesionais. A Xunta insiste na estabilidade maioritaria na enfermaría en contra duns testemuños e datos do persoal que a desmenten. "Os datos que dá Sanidade non se asemellan á realidade vivida polos profesionais", di Eventuais en Loita, que lembra que os presentados hai unhas semanas polo Consello de Contas cifraron a temporalidade "nun 40% en Atención Especializada e nun 28,1% en Atención Primaria", no seu Informe de fiscalización da Conta Xeral do Sergas.
"Os datos coinciden co estudo de campo realizado pola organización e que constatan que a temporalidade na enfermería aseméllase máis aos datos ofrecidos polo Consello de Contas que aos do propio Sergas", insisten. Segundo unha enquisa realizada polo colectivo, tan só un 19,2% das profesionais ten unha vacante ou comisión.
En todo caso, lembra Eventuais en Loita, ese teórico e suposto 12% de temporalidade do que presume a Xunta estaría "moi afastado ao acordo chegado entre Administración e os sindicatos CESM-O'Mega, CSIF e Satse, que asinaban un Plan de estabilidade do emprego e provisión de prazas de persoal (2017-2018), no que se comprometían a diminuír desde o 8 % actual ata o 5 %, a porcentaxe que segundo eles, representaba ao persoal eventual".
Para Eventuais en Loita, a resposta da Xunta a través do comunicado que agora analizan "indica a falta de interese real en solucionar a problemática sufrida polos profesionais e confirma unha vez máis que a Consellería de Sanidade ten como única pretensión publicitar como datos reais unhas cifras terxiversadas e edulcoradas co único obxectivo de sacar rédito político".
Eventuais en Loita acusa o Sergas de publicitar como datos reais unhas cifras "terxiversadas e edulcoradas co único obxectivo de sacar rédito político"
Ademais, a Xunta tamén preusme de datos sobre o cociente enfermeira-paciente de “4 por cada 1.000 habitantes”, cifra superior á media de España. Eventuais en Loita responde asegurando que o problema vén "da orixe dos datos", que son "de elaboración propia e antagónicos aos que presentou hai poucos meses o INE", que "bota por terra os datos da Xunta", situando Galicia como a terceira peor autonomía.
"Facemos nosos os datos ofrecidos polo Consello de Contas, INE e organizacións sindicais, que deslexitiman os do Sergas, uns datos cheos de maquillaxe contable e política", insiste o colectivo, que asegura que "non aceptará" ningún dato da Xunta "ata que a Administración cumpra coa súa obriga legal de transparencia e se comprometa a poñer en funcionamento un sistema de rexistro de persoal que permita cuantificar e definir con exactitude e actualizado en tempo real o estado da totalidade do persoal de enfermería do Sergas".
Eventuais en Loita tamén retruca o anuncio da Xunta de que ofertou máis de 1.500 prazas en enfermería desde 2013: "Esquécense resaltar que desde o ano 2006 ata o 2015 non houbo convocatoria ningunha de OPE, que no ano 2015 as prazas foron 205 e en 2016, 830, un número máis que insuficiente para as liquidar as necesidades reais do colectivo".
En canto ao "contrato de estabilización" do que presume o Sergas e que di que acollerá arredor de 100 enfermeiros, o colectivo destaca que ese tipo de contratación "xa foi ofertado, con nulo éxito, a médicos de familia e pediatras".
"A Administración leva moito tempo recorrendo a formas alegais para cubrir ausencias do persoal fixo"
"A Administración leva moito tempo recorrendo a formas alegais para cubrir ausencias do persoal fixo: non se cobren moitas das incapacidades temporais dos traballadores fixos, refórzanse os persoais das plantas con contratos de acumulación de tarefas tamén usados para cubrir ocos estruturais, impedindo e alongando a súa conversión a vacante". Desde o colectivo de eventuais advírtese de que este novo contrato seguirá "permitindo a contratación fraudulenta" e acabará por "alongar máis a precariedade".
Para Eventuais en Loita, o "camiño" é "xerar todas aquelas prazas que se perderon durante a crise e non se cubriron debido á taxa de reposición, aumentar o número de enfermeiras contratadas e coñecer os datos reais da situación dos profesionais para que unha situación como a actual non volva ocorrer". "Volven ofrecer migallas, pero a enfermaría xa está cansa de esperar; o tempo de estar caladas xa finalizou", rematan.