“11 anos a dispoñibilidade do Sergas, 557 contratos e 5 anos e medio cotizados. Isto non pode seguir así, a enfermería está farta e non quere ser precaria”. Mónica, unha das milleiros de enfermeiras eventuais da sanidade pública galega, suxeita un folio onde pon cifras á precariedade para acabar rachándoo como mostra de rexeitamento a unha situación tan estendida. É o final dun dos vídeos que o colectivo Eventuais en Loita está a espallar polas redes sociais baixo o cancelo #LegadodoSergas. Unha mobilización máis dun colectivo que saca as cores da situación laboral nos centros de saúde e hospitais galegos e que lle abriu outro importante conflito á Xunta desde que hai máis de dous meses tinguiran de negro as oposicións en Silleda.
Enfermeiras eventuais difunden vídeos onde poñen cifras á súa precariedade laboral: “11 anos no Sergas, 557 contratos e 5 anos e medio cotizados"
Ao vídeo de Mónica e outras enfermeiras uníronse, seguindo unha cadea viral, Mila, Cruz, Beatriz, Catuxa, Marta, Mila... Contan as súas experiencias e poñen (impactantes) números á realidade laboral dun colectivo eventual que, segundo os seus propios datos recollidos a través dunha ampla enquisa de Aensac, ten case o metade do persoal con máis de dez anos nas listas de contratación.
Hai tan só uns meses. Antonio Fernández-Campa, actual Xerente do Sergas, afirmou nunha entrevista en televisión que a precariedade "non é una situación habitual" e que "o 85% dos traballadores está en vínculos estables". Declaracións semellantes ás que nos últimos tempos repetiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que afirmou que o 88% do persoal ten un "nomeamento definitivo". O propio Campa, noutras declaracións das últimas semanas, xustificou o importante número de eventuais en enfermería advertindo de que eran necesarios para cubrir as incidencias do resto de persoal. As palabras, como antes outras, volveron erguer este colectivo mobilizado, que decidiu desta vez plasmar nun vídeo o que aseguran que é “a realidade”.
Os testemuños amosan os escasos anos cotizados polas enfermeiras para o tempo traballado e o elevado número de contratos asinados, "a maioría dun só día ou de media xornada”-
A mesma que amosou aquela enquisa de máis de 700 entrevistas entre o persoal eventual de enfermería: case o 90% en precariedade laboral, máis de oito anos de media nas listas á espera dunha praza ou unha media de 24 contratos asinados nun ano nun colectivo fundamentalmente feminino e cunha media de idade duns 32 anos.
As cifras tórnanse agora en rostros e testemuños como o de Marta, desde Ourense, que di levar 14 anos “vinculada ao Sergas”, nos que asinou 240 contratos, con 10 anos e medio cotizados e só 21 días de vacaciópns desfrutadas. Ou Cruz, con 10 anos de dispoñibilidade, 427 contratos --”a maioría dun só día ou de media xornada”-- e cinco anos e medio cotizados.
"Non fun quen de coller baixa maternal porque non tiña dereito ao ter contratos dun só día; no segundo, si puiden pero tras arriscarme a etar en activo ata a semana 36", conta unha das enfermeiras
Os vídeos, que se están a espallar nas redes sociais e que prevén continuar nos vindeiros meses, mostran tamén situacións como as de Catuxa, desde Pontevedra. Leva desde 2016 vinculada ao Sergas e, nese tempo, tivo dous embarazos. “Non fun quen de coller baixa maternal porque non tiña dereito ao ter contratos dun só día”, dixo sobre o primeiro deles. No segundo, conta, si foi quen de optar á baixa materna logo de se “arriscar” a estar en activo “ata a semana 36, mesmo con gardas de 24 horas”. Logo, cos dous fillos, foi penalizada polo Sergas con nove meses de suspensión de chamamentos ao ter que rexeitar contratos ofrecidos con “tres ou catro horas de antelación” tras non conseguir unha persoa que quedase cos pequenos. Ten 280 días cotizados.
Mila conta que leva 11 anos de dispoñibilidade, que asinou 402 contratos e que suma 6 anos cotizados. María José, 9 anos, 530 contratos (a metade dun só día) e só catro anos cotizados. E así moitos máis, e os que virán.
Desde Eventuais en Loita insisten en denunciar que o Sergas “segue a intentar tapar unha gran ferida con tiritas” e rexeitan as condicións dun contrato de continuidade do que advirten da letra pequena. “Estaremos o 40% das nosas quendas dispoñibles para cando eles precisen e seguiremos movéndonos dun centro a outro, ademais de non poder gozar das vacacións no período vacacional”, aseguran.
O colectivo lamenta que, a cada mobilización, Sanidade “saia desmentir as nosas queixas, pero sen dar datos”. “Claro que non hai persoal dispoñible... Como o vai haber se os eventuais estamos cubrindo as vacacións doutros eventuais!”, din respecto da situación neste verán tras asegurar que manterán as protestas e as súas demandas, que abranguen un persoal dunhas 10.000 traballadoras.