“Este día marca un antes e un despois.... E só é o principio”. Esta é a reflexión de varias das enfermeiras que este pasado domingo protestaron contra a eventualidade e precariedade no Sergas durante as probas do concurso oposición celebradas en Silleda. O enorme pavillón para a celebración dos exames quedou tinguido polo negro co que vestiron milleiros dos participantes como forma de visibilizar unha loita contra as “pésimas condicións de traballo” no sistema sanitario público galego que, advirten, “chegou para quedar”.
Eventuais en Loita asegura que o 95% das enfermeiras que se examinaron en Silleda vestiron de negro
Foron, finalmente, 7.675 as persoas que acudiron a unhas probas para optar a 830 prazas, só 372 de quenda libre, no Sergas. A maioría permanecerán nunhas listas de contratación que suman unhas 10.000 profesionais. E a mesma maioría --“non esaxeramos se dicimos que sobre o 95%”, aclaran-- vestiu de negro nun espazo onde “outra cor na vestimenta era anecdótica”.
O colectivo Eventuais en Loita, que logrou unir todas as reivindicacións do sector de enfermaría en Galicia, fai balance dunha xornada de protesta que cualifican de “histórica”. “Foi un éxito rotundo e demos un golpe enriba da mesa”, explica unha das profesionais a Praza.gal só unhas horas despois dunhas probas que remataron con centos de persoas berrando lemas como “conselleiro dimisión”, “coida a quen te coida” ou apelando ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que “escoite” dunha vez as súas demandas.
"A mobilización foi histórica, un éxito rotundo; demos un golpe enriba da mesa", din enfermeiras sobre unha protesta onde se pediu a dimisión do conselleiro Almuíña
Mesmo unha versión d’A Rianxeira resumiu o malestar cun colectivo que dixo basta e coloca ante o Sergas outra fronte de conflito nunha sanidade revirada desde hai tempo nos PAC, na Atención Primaria ou nas Urxencias: “Contratos veñen, contratos veñen, contratos veñen e van; non te vaias enfermeira, que te vas marear”.
“A sensación coa que marchei de alí foi de apoio absoluto, de unión e de éxito da protesta; está toda a enfermaría de Galicia unida para demandar melloras pero tamén para sacar á luz todo o que se oculta da precariedade que sufrimos”, explica outra das presentes. “A mobilización foi case unánime; esperabamos unha boa resposta, pero non tanta... Quedamos pampas ao ver a reacción, non só das implicadas, senón tamén dos familiares e amigos que nos acompañaban. Mesmo xente que non vestía de negro acabou pedíndonos algún símbolo para colocarse e mostrar o seu apoio”, explica outra integrante de Eventuais en Loita. “Sublevámonos”, engade.
Foi a resposta das mulleres novas (o 88% das participantes nos exames foron enfermeiras e o 73% teñen menos de 40 anos) que encadean contratos de días ou semanas, que viven pendentes do teléfono para saber a onde ir traballar, que teñen problemas para planificar a súa vida ou conciliar ou que vén como mingua a súa capacidade para unha axeitada atención aos doentes. Profesionais precarias que, de media, precisan quince anos nesta situación para acadar unha praza definitiva do Sergas.
O conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, asegura que o 90% deste persoal ten “un posto estable”, algo que negan oposicións e profesionais. “Non hai unha relación de empregados, non se sabe cantos son fixos e cantos eventuais, mentres na Xunta inclúen a interinidade dentro do estabilidade”, quéixase outra enfermeira que lembra que en outubro haberá un concurso de traslados internos para o que hai convocadas máis de 2.000 prazas. “Prazas estruturais que existen pero que non teñen unha persoa asignada”, insiste. “Menos mentiras e máis prazas”, berraban á saída da OPE do pasado domingo en Silleda, onde tamén fixeron o exame embarazadas a poucos días de dar a luz e nais que tiveron que buscar un oco para dar o peito a un bebé de poucas semanas.
“A Xunta vai empezar a ternos en conta. Temos claro que nada mudará se non seguimos protestando e presionando, pero agora saben cantas somos e a forza que temos e, como mínimo, estarán expectantes”, din membros de Eventuais en Loita, que advirten ao Sergas de que, malia o que poidan pensar, tamén teñen “o apoio do persoal fixo”.
“Como non o imos ter se eles son tamén prexudicados? A cada mes que pasa e che cambian unha compañeira eventual por outra, tes que volver ensinar a outra persoa e perdes a quen xa estaba estabilizada e asentada nunha área”, explican sobre unha situación moi repetida.
"Nada mudará se non seguimos protestando; a Xunta vai empezar a ternos en conta porque agora saben cantas somos e a forza que temos"
Tanta como as chamadas repentinas e urxentes. Tan só un día despois da proba en Silleda, persoal de enfermaría relataba como nunha área sanitaria galega o Sergas chamaba por teléfono a varias profesionais para intentar cubrir unha compañeira ausente que debía levar traballando xa máis dunha hora. Sen avisar previamente, sen contrato asinado ningún e coa única opción de chegar ao posto indicado moito máis tarde dao inicio da consulta. Nada novo.
“Non pararemos. Trazaremos un plan para seguir protestando e conseguir, de vez, melloras nas nosas condicións laborais, que é o que todas estamos buscando”, rematan as afectadas, tras insistir en que Silleda “foi un punto e aparte”.