Os problemas da Xunta para cubrir baixas de enfermaría durante as oposicións constatan a escaseza de persoal fixo

Protesta de persoal de enfermaría ante o Hospital Álvaro Cunqueiro CC-BY-NC-SA CIG

O vindeiro 12 de maio terá lugar en Silleda o concurso oposición para persoal de enfermaría do Sergas. Presentaranse en Galicia a estas probas un total de 8.832 enfermeiros e enfermeiras, ademais dalgunhas outras que acudan aos exames que ese mesmo día se celebran en comunidades como Asturias, Canarias, Cantabria, Castilla y León, Castilla-La Mancha, Catalunya, Madrid ou Extremadura. 

Malia cadrar en domingo, o elevado número de asistentes ao exame provoca que a Consellería estea a ter moitas dificultades para cubrir o servizo que ofrecen estes profesionais. Os problemas constatan, como denuncian varias organizacións, a escaseza de traballadores fixos no sistema sanitario público galego, o que levou a Xunta a ter que ofrecer a ese persoal de enfermaría estable a realización dunha xornada voluntaria nese día con retribucións que case dobran as habituais dun festivo. 

O Sergas está a ter problemas para cubrir as baixas do vindeiro domingo 12 de maio pola asistencia da maioría do persoal de enfermaría ás oposicións

Denunciárono xa entidades como o Sindicato de Enfermaría-Satse ou Aensac (Asociación de Enfermaría Sociosanitaria da Coruña). Este último advirte que “malia que o Sergas repite unha e outra vez que a gran maioría do seu persoal ten vínculos estables coa Administración”, as oposicións dese 12 de maio provocan que “se estea atopando con grandes dificultades para cubrir os servizos mínimos que require un sistema de saúde público pagado por todos”

Mobilización de persoal de enfermaría nun hospital galego CC-BY-NC-SA CIG

O caso é que presentarse a estas probas outorga ao persoal o dereito de libranza nesa xornada, ademais da quenda anterior e posterior e a posibilidade de cambiar de quenda se o exame é á tarde e ten xornada a noite de antes. Alén disto, enfermeiros e enfermeiras do Sergas están “obrigados” a presentarse se queren seguir traballando como eventuais, ao supor a cualificación destas probas o 60% da súa nota nas listas de contratacións. Así o explica Susana, unha das profesionais que acudirá ao exame: “De non ir baixaríamos na lista unha barbaridade”. 

Sanidade, segundo advirten traballadores e organizacións, denega ao persoal fixo de enfermaría días libres ese domingo e ofrece xornadas voluntarias con retribucións de 200 euros por quenda

Leva once anos como enfermeira eventual no Sergas e acode a unha proba para 800 prazas, incluíndo as de promoción interna. “É o mínimo do mínimo; sacaremos praza un de cada doce, cando no resto de comunidades adoita ser de unha de cada catro ou cinco”, quéixase quen constata que Sanidade se está “atopando con que non ten xente para cubrir ese domingo, malia que nun día así os hospitais están baixo mínimos, os centros de saúde e as consultas externas pechadas e os quirófanos reservados só a Urxencias”. O persoal esixido, insiste, “é moi pouco”, pero aínda así, non o teñen asegurado. 

“Está claro o que iso significa”, insiste. “Demostra que, en realidade, un tanto por cento moi elevado dos cadros de persoal do Sergas son profesionais eventuais xa que, por mor da crise, non todas as prazas dos profesionais xubilados durante este período foron repostos e agora sufrimos os efectos”, explica Aensac.

“Teñen que cubrir os postos da xente que acode ao exame con xente fixa, pero resulta que non son tantos como dixeron e que aquilo de que o persoal eventual é mínimo é mentira”, insiste Susana, que lembra cando Antonio Fernández-Campa, xerente do Sergas, asegurou en La Sexta que “o 85% dos traballadores do Sergas están en vínculos estables” coa Administración, tal e como se ve no vídeo a continuación. “Consideran estable unha interinidade ou unha comisión de servizo, pero iso non é ter un contrato estable porque se pode perder en calquera momento”, engade. 

"Iso que di o Sergas de que o persoal eventual é mínimo é mentira"

Ante esta situación, e segundo relatan Aensac e profesionais a Praza.gal, provocou que o Sergas estea denegando a enfermeiros e enfermeiras fixas vacacións, días libres ou permisos para ese domingo 12 de maio “escudándose en que non teñen xente para cubrir as substitucións”. Ademais, estableceu unhas retribucións duns 200 euros brutos (199,15 euros para a quenda de mañá ou tarde e 200,23 para a de noite) para aquelas persoas que traballen voluntariamente nesa xornada, unha cifra que case dobra a retribución habitual para un festivo. 

Declaracións do xerente do Sergas a laSexta sobre temporalidade do persoal

Será unha xornada, ademais, “excepcional” que non xera libranza nin se ten en conta no cómputo anual, segundo aclara o sindicato Satse. 

"Se os eventuais fosemos tan poucos, non habería problema para cubrir as ausencias de profesionais durante un domingo e por un exame”

“O gran problema é que o Sergas mente cando di que a porcentaxe de persoal fixo é ampla; se os eventuais fosemos tan poucos, non habería problema ningún para cubrir as ausencias de profesionais durante un domingo e por un exame”, engade Susana, que di que o sistema sanitario público galego “derrúbase sen os eventuais”, un colectivo que en enfermaría suma uns 8.000 profesionais traballando e uns 10.000 inscritos nas listas, aínda que moitos en suspensión de chamamento porque exercen fóra ou na privada. 

Praza.gal dirixiuse á Consellería de Sanidade para coñecer a súa versión deste conflito. Polo momento non obtivo resposta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.