A semana pasada, no centro de saúde de Ribadeo, faltaban a metade dos médicos de familia e dúas das seis enfermeiras. A pediatra, tamén ausente ata o vindeiro xoves, só foi cuberta durante un día catro horas. As urxencias dos máis pequenos eran derivadas directamente ao PAC ou ao hospital, á vez que se adiaba ou cancelaba o seguimento habitual de calquera outro cativo.
En Viveiro, O Vicedo e Ourol, 2.000 familias pasaron de ter dous pediatras a só un, ou mesmo ningún no caso de que se ausente. No PAC e no centro de saúde da localidade viveirense, segundo denuncia a súa alcaldesa, as ausencias de facultativos provocan falta de atención e que haxa espera de ata sete días á hora de pedir cita. As mobilizacións continúan.
As repetidas eivas e falta de medios na sanidade pública saca de novo á rúa á cidadanía da Mariña, nunha manifestación en Burela o vindeiro xoves 28
Son dúas mostras máis dos graves problemas que a sanidade pública sofre pola escaseza de profesionais e de medios. Casos repetidos na Mariña, unha comarca que padece coma poucas a deterioración e o conflito sanitario, agravado pola súa situación xeográfica e as demandas dunha importante e diseminada poboación.
O vindeiro xoves desde as 19.30 horas, unha marcha percorrerá de novo as rúas de Burela con xente de toda a Mariña “pola sanidade pública; aquí, agora e sempre”. Un día antes, o mércores, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública convoca tamén a cidadanía ribadense a acudir ao centro de saúde de 11 a 13 horas, á Unidade Móbil de Axuda a Reclamacións (UMAR), unha iniciativa que o colectivo leva a varios puntos da comarca para denunciar as numerosas eivas do Sergas nas diferentes vilas.
“Sabemos que o mal é xeneralizado, non algo específico da Mariña, pero o feito de estar onde estamos, afastados de tantos sitios, fai que teñamos unha necesidade maior de organizarnos para defender a sanidade pública”, di Víctor Vila, voceiro da plataforma, que lembra que o seu hospital de referencia, o de Burela, atópase a tal hora en obras, o que provoca moitas derivacións por falta de servizos ou espazo. “Derivar os pacientes aquí supón mandalos a Lugo, a hora e media; non é como estar en Vilagarcía e ter que ir a Pontevedra”, explica.
A situación non é nova. As deficiencias específicas na pediatría no norte de Galicia fixeron estoupar as protestas nos últimos meses, tamén no Ortegal ou en amplas zonas de Ferrolterra. Na Mariña, con máis de 70.000 habitantes, os problemas continúan e afectan a moitos. Os pediatras seguen sen ser substituídos cando están de baixa ou de vacacións, o que provoca que haxa citas que se demoren ata un mes. Ademais, como denuncia a plataforma, no caso de ter que ir a Urxencias, as crianzas non son atendidas directamente por un especialista ante a escaseza de profesionais.
Os servizos de logopedia e fisioterapia, que prestaba a sanidade privada por un concerto co Sergas, quedaron suspendidos este ano ao racharse o acordo
No caso da logopedia, na Mariña non existe un servizo público. O Sergas mantiña un concerto cunha clínica privada para atender os maiores de seis anos pero rachouse o acordo a principios de ano, non hai opcións e as sesións para moita xente foron interrompidas, mesmo con máis dunha ducia pendentes. Son 42 cidadáns os afectados.
En fisioterapia, o caso é semellante pero os pacientes crónicos que se ven prexudicados tras racharse o contrato con Sanidade son máis de 800, tal e como revela o Sergas nunha resposta a unha pregunta parlamentaria do BNG.
A pregunta, común e habitual entre sindicatos, persoas usuarias e a plataforma, é a de sempre: por que na Mariña non se goza dos servizos sanitarios que si teñen outras comarcas, cal é o motivo da discriminación e a que se debe que a anunciada ampliación do hospital de Burela non contemple as prestacións demandadas.
O colectivo en defensa da sanidade pública lembra que, por exemplo, que no centro de referencia da Mariña non se levan a cabo resonancias magnéticas, unha eiva que “se soluciona traendo unha unidade móbil de cando en vez” ou, na maioría dos casso, derivando as probas a unha clínica privada en Lugo. Son, segundo os datos da Consellería, máis de 700 probas ao ano aos que habería que unir as do dispositivo temporal.
O Hospital da Mariña carece dun servizo para resonancias mangéticas e tampouco hai consulta de cirurxía vascular ou para realizar placas dentais
No Hospital da Mariña, segundo denuncia a plataforma, tampouco hai consulta de cirurxía vascular, que si se atende en Lugo, e tampouco ten servizo para facer radiografías dentais, o que obriga os doentes a desprazarse á capital provincial ou pagala na comarca.
Por estas, e outras razóns, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña chama á manifestación onde demandarán a creación de prazas de persoal para todas as categorías profesionais, a redución de cupos en Atención Primaria e pediatría, o incremento de profesionais de apoio (matronas, odontólgos, logopedas ou fisioterapeutas), que haxa pediatras en todos os centros de saúde, que se cubran todas as ausencias entre os facultativos de familia ou que os PAC conten don dous equipos completos de enfermería e medicina.
No fondo, unha reivindicación constante e na que moitos ven a orixe de moitos dos problemas: a recuperación da área sanitaria propia que a Xunta eliminou coa polémica reforma da Lei de Saúde. “Non escoitaron o clamor popular que dicía non a esta reforma, nin os axentes sociais nin os grupos da oposición”, lembra a plataforma.