O Goberno de Feijóo lanzou a principios do pasado mes de agosto o proceso para reformar a vixente Lei de Saúde. A publicación do anteproxecto aberto a consultas públicas provocou as alarmas no sector sanitario, xa que prevé a supresión de ata catro áreas nas que se organiza o Servizo Galego de Saúde. O mapa pretendido suprime as da Mariña, O Salnés, Monforte e O Barco de Valdeorras, unha reorganización que a Consellería de Sanidade defende como vía para "unha coordinación entre primaria e hospitalaria máis efectiva". No entanto, persoal do Sergas, sindicatos, a oposición parlamentaria e os gobernos locais das zonas non dirixidos polo PP ven nel unha nova vía para reducir e precarizar servizos fóra das cidades.
As comarcas afectadas pola supresión das súas áreas sanitarias mobilízanse masivamente contra o proxecto da nova Lei de Saúde
O rexeitamento das intencións da Xunta fanse evidentes non só xa no persoal sanitario ou na política institucional. Concellos gobernados pola esquerda aproban mocións en contra da reforma da Lei de Saúde e a xente sae á rúa masivamente. As manifestacións dos últimos días viraron en masivas. Entre 3.500 e 5.000 pesoas -segundo os cálculos das plataformas pola sanidade pública convocantes- saíron á rúa o pasado venres en Vilagarcía contra o peche da área sanitaria do Salnés, xuntando xente de todos os concellos da comarca. No Barco de Valdeorras, as cifras da concorrida mobilización do sábado varían oscilan entre os 5.000 e os 7.000 cidadáns.
Entre 3.500 e 5.000 persoas saíron á rúa en Vilagarcía o venres; entre 5.000 e 7.000 fixérono no Barco o sábado
“Sanidade de proximidade”, “sanidade pública e de calidade” ou a "a área é necesaria" foron algunhas das consignas que se escoitaron no Barco o sábado ou o venres en Vilagarcía. En ambos lugares berrouse contra a supresión da área sanitaria e contra unha "sanidade de segunda". Participaron alcaldes de numerosos concellos afectados, así como concelleiros, e representantes da oposición parlamentaria (En Marea, PSdeG e BNG) que acudiron a apoiar as reivindicacións.
Desde ambas plataformas pola sanidade pública convocantes destacan o éxito das manifestacións, a unidade contra as intencións do PP e a soidade do Goberno de Feijóo. “Somos esa gran maioría social que estamos na defensa da área sanitaria. Seguiremos en pé ata a súa retirada e ata que nos escoiten, que non nos obriguen a saír novamente á rúa porque aquí estaremos”, dicía o doutor Orlando Saavedra portavoz da Plataforma Sanitaria Valdeorresa. En Vilagarcía, Rosa Casal, presidenta da xunta de persoal da área sanitaria, destacaba o apoio dos seis concellos afectados no Salnés e amosábase convencida de que o éxito das futuras mobilizacións fará que o PP teña que dar marcha atrás.
As plataformas sanitarias confían en que a importante resposta social faga recuar á Xunta
Entre asembleas informativas nos centros de saúde e concentracións dos traballadores, outras dúas grandes manifestacións prevense xa para os vindeiros días. O próximo xoves 5 de outubro a marcha levarase a cabo en Burela, desde o Hospital da Costa ás 8 da tarde, convocada pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña e á que xa amosaron o seu apoio numerosos concellos. Xa o domingo 8, e con saída ás 17 horas da praza do Concello, Monforte de Lemos acollerá outra mobilización que se prevé masiva.
As reivindicacións coinciden nas plataformas, as xuntas de persoal, os sindicatos e a oposición parlamentaria. Todos ven no anteproxecto de reforma da Lei de Saúde unha porta aberta a máis recortes. Ademais, insisten en que con menos medios nos hospitais comarcais a alternativa para milleiros de pesoas é desprazarse a Lugo, Ourense ou Pontevedra ou mesmo optar por medios privados. Ao tempo, advirten do risco de precarización e marxinación dos centros de saúde de futuros distritos, unhas consecuencias das que xa avisan desde hai tempo en concellos máis afastadas.