O Hospital da Costa (Burela) seguirá sen contar cunha resonancia magnética nuclear fixa. A instalación desta infraestrutura para dar servizo aos usuarios e usuarias da sanidade pública na Mariña é unha das grandes reivindicacións das mobilizacións que dende hai anos se reproducen en demanda dunha atención sanitaria de primeiro nivel nestas comarcas, xunto co incremento do número de camas, a implantación da Unidade de Oncoloxía, a ampliación de Hemodiálise, o pleno funcionamento da Consulta Maior Ambulatoria, a hospitalización a domicilio ou o aumento do persoal contratado.
Manterase a unidade móbil de resonancia magnética, que o pasado ano realizou 3.434 probas no Hospital da Costa, un 14 % máis que en 2016
De momento manterase a actividade da unidade móbil de resonancia magnética, que o pasado ano realizou 3.434 probas no Hospital da Costa, un 14 % máis que en 2016. Unhas cifras que para o SERGAS seguen a ser insuficientes para xustificar a instalación dunha resonancia fixa. CIG-Saúde acusa o PP da comarca “de enganar os mariñaos e as mariñás” e denuncia que o feito de carecer deste servizo provoca "derivacións" de pacientes a centros sanitarios privados da provincia lucense, como Polusa, “para realizar unhas probas que terían que facerse na Mariña”. “Aa abonda de mentiras, de afastar a sanidade da xente, de querer converternos en cidadáns e cidadás de segunda, de obrigarnos a sufrir longas listas de espera ou a desprazamentos innecesarios a Lugo para facer negocio coa nosa saúde e así encher o peto de empresas amigas”, afirma o sindicato.
CIG-Saúde denuncia que o feito de carecer deste servizo provoca "derivacións" de pacientes a centros privados
Nos últimos dous anos leváronse a cabo unha serie de obras de ampliación e mellora no Hospital da Costa, unhas actuacións que xa naquel momento dende a CIG foron cualificadas como "a enésima posta en escea do que poderiamos denominar a obra por excelencia das campañas do PP na Mariña”. O sindicato anticipaba que "o proxecto de ampliación non dará resposta ás necesidades básicas en materia de sanidade da comarca ao non contemplar un aumento significativo do número de camas nin a instalación dunha resonancia magnética fixa".
Isto contrasta coas declaracións efectuadas nos últimos meses por representantes da Consellería de Sanidade e do Partido Popular, comezando polo propio presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que o pasado mes de setembro aseguraba que "o Hospital da Costa terá servizos como ten o hospital de Lugo". "Temos o compromiso da sanidade pública, temos o compromiso de que Burela teña o mellor hospital que nunca tivo. Imos cumprir ese compromiso", dicía Feijóo, que prometeu que "seguiremos ampliando a carteira de servizos deste hospital" e que "eses trece millóns de euros que estamos investindo marcarán un antes e un despois do hospital".
En setembro Feijóo aseguraba que "o Hospital da Costa terá servizos como ten o hospital de Lugo"
"Historicamente, o PP reiteraba que a falta de espazo era o motivo para non dispor da RNM fixa e agora que dispoñemos de máis espazo tampouco disporemos desta ferramenta diagnóstica radiolóxica. Son estes os 'máis e mellores servizos' anunciados polo PP para a sanidade da nosa comarca?”, pregúntanse dende CIG-Saúde da Mariña.