O Goberno galego lanzou a principios do mes de agosto o proceso para reformar a vixente Lei de Saúde. A publicación do anteproxecto aberto a consultas públicas provocou as alarmas no sector sanitario, ao anunciar a supresión de ata catro áreas nas que se organiza o Servizo Galego de Saúde: as da Mariña, O Salnés, Monforte e O Barco de Valdeorras. En medio da ponte de decembro, o Consello da Xunta aprobou de xeito definitivo o proxecto e remitiuno para a súa aprobación ao Parlamento, onde o PP ten maioría absoluta, mantendo no seu texto esa supresión de áreas tan contestada. Fíxoo con toda a oposición en contra e protestas de sindicatos, colectivos sanitarios e veciñanza, especialmente a das comarcas afectadas pola eliminación das áreas, que se mobiliza desde hai meses contra a nova normativa. Víctor Vila é voceiro da Plataforma na Defensa da Sanidade Publica da Mariña, que organizou o pasado sábado unha caravana coa participación dun cento de vehículos e que aumula mobilizacións nunha comarca en pé pola proposta do Executivo galego. Falamos con el.
O proxecto de Lei de Saúde chega ao Parlamento e non parece que o PP estea disposto a recuar...
Damos por suposto que no trámite parlamentario rexeitaranse todas as alegacións da oposición e aprobarase a nova lei, pero seguiremos intentando que se retire a iniciativa até o final e tamén despois defenderemos a área sanitaria da Mariña.
"Na Mariña nótase o deterioro da sanidade pública desde hai tempo, é algo progresivo; a nova Lei de Saúde é o golpe definitivo"
Denuncian que o deterioro do sistema sanitario público na comarca vén de lonxe.
É algo progresivo. Na Mariña notouse especialmente a creación da área de xestión integrada a nivel provincial cando a área comarcal perdeu a capacidade de xestión económica, tanto a nivel de atención primaria como hospitalaria. Esta nova Lei de Saúde é o golpe definitivo, ao prescindirse das especificidades que debe ter unha área, como a de manter servizos ou implementalos segundo as necesidades da poboación.
Tamén advirten das continuas derivacións de doentes á sanidade privada, aumentaron moito nos últimos anos?
Derivacións á medicina privada houbo sempre, pero agora hai máis que nunca. Nós sempre estivemos en contra das peonadas, pero o que está a suceder agora mesmo é moito peor. Poñamos como exemplo unha operación de cataratas; o que se adoitaba facer era tirar de profesionais sanitarios do cadro de persoal, ao que se lles pagaba un extra por levar a cabo intervencións cirúrxicas coma esta. O que pasa agora é que na inmensa maioría derívanse á medicina privada en Lugo, o que lle supón moitos máis cartos ao Sergas, pero tamén ao paciente, que ten que ir acompañado a Lugo, debe volver logo ás revisións... Estamos falando dunha simple intervención de cataratas, pero imaximenos outros casos máis graves.
"Derivacións a hospitais privados sempre houbo, pero agora hai máis que nunca"
Denuncian que se están a derivar tamén os partos prematuros do Hospital da Costa ao HULA de Lugo...
En Burela hai unha unidade de prematuros, pero estanse derivando os partos prematuros ou provocados a Lugo. O nacemento do pequeno é no HULA (Hospital Universitario Lucus Augusti) e é xestionado alí, así que, estatisticamente, o cativo conta como nado no hospital de Lugo e o número de neonatos no Hospital da Costa baixan, unhas cifras que logo se empregan para xustificar que se prescinda da unidade en Burela.
Hai máis casos parecidos?
Desde hai ano e medio tamén se derivan a Lugo as implantacións de marcapasos e mesmo cambiarlles a pila, ademais de varios tipos de cirurxías. En canto ás resonancias, ás veces viña un camión dotado con material para realizalas, pero agora tamén se envían os pacientes a Lugo.
"Están desfacendo o Hospital da Costa de Burela pouco a poco"
Pero o Hospital da Costa estase ampliando...
As novas obras non teñen contemplado ese espazo para facer as resonacias, pero si un aparcadoiro cuberto que ben seguro será privado ou de pago. Vanse incremetar dez camas e mellorar as consultas externas no que ten que ver co espazo físico, pero non con novos aparellos nin quirófanos. Isto supón desfacer o hospital pouco a pouco e mandar a xente a Lugo ou á privada.
O conselleiro de Sanidade insiste en negar as críticas e asegura que haberá máis mobilidade dos médicos, máis servizos e máis persoal.
Si, fala de concursos de traslados abertos e permanentes, algo que xa está negociado na mesa sectorial e para o que non fai falta lei ningunha. Por que cremos que estas modificacións vanas pagar as áreas máis afastadas? Poñamos un exemplo: cando a Xunta quixo levar os servizos de oncoloxía a Monforte e A Mariña contrataron dous oncólogos, pero como parte do cadro de persoal do HULA, controlados polo HULA e cun contrato renovable mes a mes. Se estes profesionais non queren andar de aquí para alá seguido, non teñen dereito a reclamar porque xa foron contratados para andar de viaxeiros. O que queremos é un servizo de oncoloxía estable, con gardas no Hospital da Costa. Hoxe a quimioterapia ten unha atención moi individualizada e uns protocolos que son os mesmos en Vigo, Burela ou Houston.
"A modificación da lei é case todo palla, a esencia fundamental é poñer a sanidade privada no mesmo nivel legal que a pública"
Cre que a nova lei é un paso máis nunha estratexia global da Xunta?
A modificación da lei é case todo palla, a esencia fundamental é poñer a sanidade privada no mesmo nivel legal que a pública. Antes, se tiñas que operar un xeonllo ou implantar un marcapasos podías optar voluntariamente por ir á privada ou agardar, pero agora, se te negas a recibir asistencia na privada, saltas da lista. A xente quere solucionar o problema de saúde o antes posible e dálle igual onde, por iso cousas coma estas non causan tanta alarma, pero o que se fai é minar a sanidade pública en favor da privada. A lei ten moito texto, pero non di case nada do esencial, da posibilidade de traballar en conxunto coa privada. Todo vén da Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias porque, ademais, en xaneiro entrará en vigor o Decreto 105/2017 que regula o sistema de tempos máximos de acceso ás prestacións e por iso ten tanta présa a Xunta.
"A medicina privada é un negocio importante; se os grupos empresariais invisten en Galicia é porque o teñen garantido "
Insisten moito no risco dunha maior privatización...
A medicina privada é un negocio importante, con fortes grupos de investimento que xa non son os hospitais familiares dos anos 70. Hai un auténtico lobby, con grandes compañías que mercan hospitais en concertos coa pública. Se invisten é porque teñen garantido o negocio, senón non o farían.
Na Mariña, ao igual que noutras áreas afectadas, a cidadanía leva tempo mobilizándose e concienciada.
Preocupa e moito. A Mariña, ademais, ten unhas características moi especiais, unha serie de riscos e patoloxías moi determinados por unha comarca con mar, empresas como Alúmina, estaleiros, un importante sector madereiro. A Lei Xeral de Sanidade de 1986 xa especificaba que as áreas de saúde determinaríanse tendo en conta factores sociodemográficos, climatolóxicos, laborais ou de comunicacións, por iso se determinaba que A Mariña tería unha área propia, que é o que agora nos queren quitar.
"Non pedimos que en Burela se faga cirurxía cardíaca, esiximos servizos habituais e normais, os que xa tiñamos e están desaparecendo"
Tamén denuncian as distancias que deberán percorrer os pacientes desde A Mariña a Lugo.
Lembremos que a mellor vía de comunicación que ten A Mariña é a A-8 cara a Asturias, unha estrada que en Mondoñedo está cortada a maioría das veces pola néboa. Os pacientes desta comarca están a hora e media do HULA de Lugo, que debería ser o seu hospital de segundo nivel se o de primeiro nivel, o máis achegado, puidese resolver os seus problemas inmediatos. Non estamos a falar de neurocirurxía ou de cirurxía cardíaca, pero si de servizos habituais e normais, o que xa tiñamos, o que temos e todo o que poidamos acadar. Están desaparecendo servizos implantados desde hai trinta anos.
"O afán privatizador de Feijóocoa sanidade e os servizos públicos ten moitos anos, é crónico"
Teñen algún tipo de explicación ou resposta da Consellería de Sanidade ou da Xunta ante as súas mobilizacións?
Ignórannos por completo, están esperando a que cansemos, pero a situación política e parlamentaria do PP benefíciaos. Desde ese partido critican moito a Maduro, que non digo que non sexa criticable, pero eles están dando un golpe á lei a base de pasar o rolete unha e outra vez. Pero o afán privatizador non é novo e ao presidente Feijóo vénlle de lonxe: con el no Ministerio de Sanidade creáronse as fundacións sanitarias que funcionaban como empresas público-privadas e que houbo que reverter en Galicia; cando foi responsable de Correos, privatizouse a empresa; e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que ía ser público e con 1.300 camas, acabou sendo un consorcio público-privado pola presión de Povisa e custou seis veces máis do previsto... O afán privatizador da sanidade e dos servizos públicos que Feijóo ten moitos anos, é crónico.