A tres días da primeira das xornadas de folga previstas na atención primaria en Galicia, unha multitudinaria manifestación volveu saír á rúa en defensa da sanidade pública. Foi no Barco de Valdeorras, onde arredor de 5.000 persoas clamaron contra o "desmantelamento" do hospital comarcal.
Na defensa dos servizo públicos. Non aos recortes dous nosos dereitos podíase ler na pancarta que encabezaba a marcha, convocada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras que que contou, entre outros, coa presenza da portavoz nacional de BNG, Ana Pontón, e da secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez.
A cidadanía mobilizada denuncia as "interminables listas de espera" que obrigan a desprazarse a Ourense para consultas previstas no hospital comarcal
Como noutras comarcas —no caso da Mariña habitualmente— e como antes na de Valdeorras, a cidadanía saíu á rúa para demandar a recuperación de servizos de atención sanitaria e para sinalar a Xunta e o PP polas "interminables listas de espera" que obrigan os habitantes a desprazarse ata Ourense para consultas que deberían ter no hospital comarcal.
As queixas advirten de esperas de máis de dez días para citas, nalgúns casos só para receitas, así como continuas derivacións á capital da provincia para operacións. Tamén alertan da escaseza de profesionais en pediatría, oncoloxía ou cardioloxía e da "desidia" por parte da Xunta para resolver os problemas, tal e como se leu no comunicado final da marcha.
"A comarca está obrigada a sufrir as carencias dun sistema sanitario público conducido ao esmorecemento e á desaparición por culpa do Sergas"
"Miramos con estupor como o fallo nunha incubadora leva ás nosas embarazadas a dar a luz a un hospital a 120 quilómetros de distancia. Como podemos depender dun só aparello? Cal é a planificación para este tipo de situacións? Imos esperar a que morra un neno para planificar a resposta a estas cousas? Chámaste Mazón ou Rueda señor presidente?", reza o texto ao que se deu lectura.
No manifesto alértase da situación nunha comarca con máis de 30.000 habitantes espallados en doce concellos e moi baixa densidade de poboación que se ve "obrigada a sufrir as carencias dun sistema sanitario público que está sendo conducido ao esmorecemento e á desaparición por uns xestores do Sergas que intentan a recentralización en Ourense".
"Non é unha queixa illada; é unha sociedade maltratada que sae á rúa en masa a exixir os seus dereitos", advertiron os e as manifestantes, que aseguran que seguirán "loitando" por unha sanidade pública de calidade.
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou a manifestación como un xeito de "dicirlle alto e claro ao Goberno do PP que xa abonda de recortes e privatizacións na sanidade pública". "Orgullosa de defender xunto á cidadanía da comarca o dereito á saúde que teñen as persoas, vivan onde vivan", asegurou.