“Governo galego recruta médicos portugueses a pagar o dobro”. Con este titular abría este xoves a edición en papel do diario portugués Jornal de Notícias. O periódico advirte así dunha “operação de recrutamento de médicos de família e pediatras em Portugal” impulsada polo Sergas ante a evidente falta de facultativos en Galicia, tantas veces advertida polo propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para xustificar boa parte dos problemas polos que profesionais sanitarios levan meses protestando e mobilizados.
O Sergas publicou aen dous diarios portugueses unha “oferta de trabalho para médicos especialistas em medicina geral e familiar e médicos especialistas em pediatria”
A campaña da Xunta comezou esta pasada fin de semana coa publicación en dous xornais portugueses, Jornal de Notícias e Diário de Notícias, de anuncios dunha “oferta de trabalho para médicos especialistas em medicina geral e familiar e médicos especialistas em pediatria”. O Sergas ofrece unha retribución “mínima” de 61.500 euros brutos anuais a través do polémico e novo contrato de continuidade acordado na Mesa Sectorial a principios de ano, cun mínimo dun ano de duración e tres anos de máximo, tal e como confirma a Praza.gal a Consellería de Sanidade. “Ofrécense as mesmas condicións que en Galicia”, din sobre esta nova modalidade contractual para vínculos temporais e substitucións.
En poucos días, despois de se publicaren os primeiros anuncios, arredor de dez profesionais xa chamaran interesándose pola oferta do Sergas, segundo aclara a Consellería, que contesta con rotundidade cando se lle pregunta se o motivo desta campaña é a urxente necesidade de médicos en Galicia: “Si”. De feito, a notable escaseza de facultativos de cabeceira e pediatras está a provocar importantes problemas e queixas en diferentes comarcas galegas.
Desde Portugal, segundo conta Jornal de Notícias, preocupa a importante diferenza de salario cos médicos que inician a súa carreira en territorio luso e que perciben arredor de 28.000 euros ao ano fronte aos 61.500 brutos que oferta o Sergas, uns 4.390 euros brutos mensuais fronte aos 2.746 dun facultativo que inicia a carreira profesional e traballa 40 horas semanais no país veciño.
En declaracións ao diario luso, o presidente do Colexio de Médicos de Portugal (Ordem de Médicos), Miguel Guimarães lembra que o Serviço Nacional de Saúde “já não tem capacidade de responder a todos os portugueses” e teme que a oferta do Sergas represente unha ameaza, máis aínda cando, hai preto de 680.000 persoas sen médico de familia atribuído.
O Colexio de Médicos de Portugal advirte da ameaza que para o seu sistema sanitario supón unha oferta que dobra o soldo dos profesionais lusos que inician a súa carreira profesional
Ademais, o presidente da Associação de Medicina Geral e Familiar, Rui Nogueira, considera que ante a oferta da Xunta “fica difícil cativar colegas para ingressarem na carreira médica sem outros motivos de atracção”. Tamén de ter en conta que outros países como Francia, Irlanda e Inglaterra adoitan pescar xa traballadores no sistema sanitario luso.
A evidente e urxente necesidade de médicos en Galicia leva a que Sanidade olle cara a Portugal cunha campaña que xa insinuou hai tan só unhas semanas o conselleiro Jesús Vázquez Almuíña, ao advertir de que estes novos contratos para médicos sen praza fixa tiñan tamén como obxectivo “atraer” profesionais de especialidades deficitarias no norte de Portugal, tanto portugueses como galegos que emigraran alí.
Ante a aprobación deste novo contrato, agromou en Galicia hai unhas semanas un novo colectivo, Precarias pola Atención Primaria, como resposta dos médicos eventuais a un modelo que, segundo denuncian, “perpetúa a eventualidade pero en condicións moi precarias, resultando unha perda da lonxitudinalidade asistencial”.
Precisamente, Precarias pola Atención Primaria, denunciou a resposta que a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas deu a unha persoa interesada na oferta que Sanidade fixo en Portugal para estes novos contratos de eventuais. Ao preguntar este médico sobre o nivel lingüístico que esixían ante as súas limitacións, a resposta foi que “non se esixe nivel de castelán nin de galego nin na fala nin na escrita”, tal e como se pode ver nun correo electrónico.
“Non se esixe nivel de castelán nin de galego”
“En Galicia falamos galego e castelán e entendémonos perfectamente tamén en portugués”, explica o Sergas, que aclara que o contrato que lle ofrecen á persoa interesada sería para unha das áreas sanitarias limítrofes con Portugal.
“Parécenos que isto cruza outra liña vermella na calidade da atención que van recibir os usuarios do noso servizo de saúde e que non todo vale para cubrir as necesidades que, por unha xestión nefasta todos estes anos, agora non son quen de garantir”, din dese Precarias pola Atención Primaria, que esixen “un contrato para eventuais con condicións dignas” e que estean “dispostos a asinar”. “No canto de intentar atraer profesionais de fóra están a ignorar as demandas das médicas que queremos traballar en Galicia”, din.
Por outra banda, e segundo un informe que pasou este xoves polo Consello da Xunta, o Sergas prevé lanzar en 2019 unha Oferta Pública de Emprego (OPE) de 1.323 prazas, con 254 para medicina de familia e 93 para pediatría.