A Consellería de Sanidade presentou este mércores o borrador que pretende ser a base do novo modelo de Atención Primaria en Galicia “para os vindeiros 25 anos”. As continuas protestas, queixas e mobilizacións do persoal e dos usuarios pola “deterioración” do sistema sanitario nos últimos anos levaron o Sergas a impulsar melloras tras consultas nas últimas semanas cos profesionais a través dunha comisión criticada por falta de consenso ou pola ausencia de importantes organizacións, que mesmo se levantaron da mesa ante a cerrazón do Executivo.
O Sergas ve no borrador unha "base sólida" que profesionais da Coordinadora de Atención Primaria ven "inconcreto" e unha "manobra de distracción"
Malia todo, o Sergas puxo sobre a mesa unha reforma que pretende ser unha “base sólida” para o futuro e a resposta ás reivindicacións. No entanto, o texto non responde aos puntos marcados como esenciais e urxentes polo persoal e especificados pola Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP), que xunta ducias de asociacións profesionais e colectivos e representa arredor dun milleiro de médicos. Non foi nin moito menos dabondo para uns profesionais que cualifican de “adorno”, “posta en escena” ou de “manobra de distracción” un documento que non satisfai as súas demandas principais e non evita a posibilidade de máis mobilizacións e unha folga xeral.
Así, o Sergas aposta por unha dirección propia para Atención Primaria e un orzamento específico, pero non aclara contía ningunha. Esa era unha das “liñas vermellas” expresadas polo persoal médico. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, xustificou a ausencia de cantidades en que “primeiro” había que “definir o modelo” para desenvolver os números “posteriormente”. Posteriormente, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, comprometeu un "orzamento específico blindado".
Sanidade fala dunha dirección de Atención Primaria “en cada área sanitaria” que se encargaría da “coordinación, supervisión e avaliación de todos os recursos dos centros de saúde nesa área”. Os profesionais rexéitana, tal e como aclara Xosé María Dios, médico e integrante da CGAP, que lembra que unha das cinco medidas urxentes propostas pola Coordinadora supón a creación dunha “xerencia propia”, cun “orzamento específico” e ao mesmo nivel da xerencia hospitalaria e non dependendo dela.
Sanidade aposta por unha dirección propia para Atención Primaria con orzamento específico pero non achega contía; o persoal insiste nunha xerencia ao mesmo nivel que a hospitalaria
“Hai que eliminar as EOXI porque senón estás supeditando a Atención Primaria ás xerencias dos hospitais e creando unha dirección simbólica e sen xestión dos recursos”, engade Manuel Martín, presidente da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) e portavoz de SOS Sanidade Pública. Ademais, e respecto da ausencia de partidas concretas, advirte de que a Xunta “debe concretar”. “Propoñer tales mudanzas sen memoria económica é papel mollado; logo chegan Facenda ou Economía e pasan a tesoira”, asegura.
Sanidade, pola contra, presume dun plan con 175 accións divididas en seis liñas estratéxicas e 45 obxectivos concretos. “Un ambicioso documento, froito dun traballo multidisciplinar e participativo no que colaboraron profesionais sanitarios, colexios profesionais, asociacións de pacientes e cidadanía”, di a Consellería, en contra da opinión da maioría de profesionais e colectivos do sector, que a acusan de “falta de consenso”.
“Sen un apoio profesional forte, sen nacer do consenso e da participación, está condenado ao fracaso”, insiste Martín, que reprocha que o Sergas “teimase nestas comisións sen representación das principais organizacións profesionais”, tras lembrar que non se contou cos sindicatos, a marcha de varias entidades das reunións e a ausencia tamén da CGAP, que integra as asembleas de Atención Primaria de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña e Ferrol e é apoiada pola maioría das organizacións neste nivel asistencial.
“Sen un apoio profesional forte, sen nacer do consenso e da participación, o plan está condenado ao fracaso”
A proposta da Consellería insiste no novo modelo de contratación para o persoal eventual que xa foi “rexeitado por todas as asociacións e pola CGAP por perpetuar a precariedade e a inseguridade”, como lembra Martín. Tamén di prever o incremento de oferta de prazas na OPE de 2019 pero “sen aclarar o número de profesionais”.
Entre outras medidas, o Sergas fala de “desburocratizar a actividade dos médicos de atención primaria”, dando máis responsabilidade a enfermaría e mesmo aos farmacéuticos, e “mellorar a demanda non programada ou urxente”. De feito, os pacientes sen cita previa poderían, segundo o borrador, ser acollidos e valorados polo persoal enfermeiro.
Desde o sindicato de enfermaría SATSE advirten de que se o que pretende o Sergas é que asuman "competencias alleas, vai ser que non". "E se pretenden que asumamos traballo e carteira de servizos dentro do labor dos enfermeiros, terán que poñer medios e recursos profesionais", insiste. "O problema da enfermaría é que tamén está sobrecargada", avisa este colectivo, que acusa a Xunta de "desviar os factores estresantes na poboación cara aos profesionais estatisticamente máis agredidos".
O sindicato de enfermaría SATSE e o colectivo PACs en pé de guerra tamén rexeitan o borrador por non recoller as súas reivindicacións
Tamén aposta Sanidade por “fomentar o uso racional dos recursos pola cidadanía”, a “reordenación das cotas tendo en conta as características da poboación asignada”, a xa reiterada solicitude ao Ministerio de Sanidade dun “incremento do número de prazas MIR” ou “a renovación de 1.500 equipos informáticos e 5.000 equipos de impresión e a tramitación electrónica do 100% das peticións de proba”.
Ante o borrador, o colectivo PACs en pé de guerra, que impulsou a folga que suma máis dun mes nos Puntos de Atención Continuada, valora "de forma moi negativa" o documento. "Moitas das reivindicacións realizadas polo colectivo non son abordadas de forma directa; non define como será o traballo das urxencias extrahospitalarias nin se se manterá o actual horario de atención e deixa entrever unha volta ao modelo anterior sen dotación de persoal propio e pivotado sobre a voluntariedade das persoas que desenvolven o seu labor en consulta ordinaria", critica.
A proposta admite achegas e alegacións até o vindeiro día 28, un prazo considerado escaso polos profesionais, que no entanto xa anuncian que valorarán conxuntamente o borrador na CGAP, como xa fixeran cando detallaron as súas propostas claves que agora consideran esquecidas de novo.
De feito, e á espera desa valoración conxunta, fontes da Coordinadora non só non descartan a folga xeral na Atención Primaria que vían como “o horizonte máis próximo”, senón que cren que “está aínda máis referendada”. “É un documento impresentable que non fai caso das principais demandas, que é ambiguo, que non achega orzamento nin aclara o número de prazas... É carente de contido, para marear e non resolver nada”, engaden as mesmas fontes.
A Coordinadora Galega de Atención Primaria valorará o borrador e presentará alegacións pero non descarta a convocatoria dunha folga xeral
Manuel Martín, pola súa banda, cualifica o borrador dun “documento de inconcrecións sen propostas innovadoras para un modelo envellecido”. “É unha manobra de distracción que non resolve os problemas, máis destinado a fraccionar o sector, a buscar xente disposta a aceptalo para dividir o movemento de rebeldía que hai na Atención Primaria”, explica, tras advertir do rexeitamento que, xa o mércores, amosou a Agamfec (Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria), que falou tamén de propostas “inconcretas” e “boas intencións” que non resolven as principais eivas denunciadas.
Por iso, desde a CGAP, insisten na “constitución dunha mesa de negociación para introducir medidas urxentes coas que facer fronte á deterioración dos PAC, dos centros de saúde e da pediatría na Atención Primaria” e en buscar unha solución que abranga todos os implicados. De non ser así, a folga está cada vez máis preto.