A enfermería galega en precario responde a Feijóo. O presidente da Xunta negou o pasado mércores no Parlamento a situación de eventualidade que milleiros de profesionais denuncian desde hai tempo. Cualificou de "barbaridades" as denuncias de En Marea e asegurou que do total de 10.800 traballadoras no Sergas, “o 88% teñen contrato indefinido estatutario”, "nomeamento definitivo" ou "contrato de nomeamento estatutario de carácter fixo".
"As cifras que dá a Administración non son públicas nin fiables. Se as fixesen públicas, o Parlamento Europeo tremería e mandaría dar fin á precariedade enfermeira que eles negan"
A afirmación, que contradí as cifras e as reivindicacións de sindicatos, organizacións profesionais e persoal, indignou o sector. Fontes de Eventuais en Loita, colectivo que tinguiu de negro as últimas oposicións cunhas 7.000 persoas mobilizadas, advertían xa en Praza.gal do truco empregado pola Xunta, ao incluír entre emprego estable "unha interinidade ou unha comisión de servizo" e contratacións no aire e sen praza definitiva no caso de que persoal fixo acceda a ela nos concursos de traslados que se fan cada ano. "Iso non é ter un contrato estable porque se pode perder en calquera momento”, explican.
Un día despois, preferiron desmentir as afirmacións de Feijóo --que antes xa fixera o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña-- cun vídeo explicativo e no que acusan a Feijóo de "tomar o pelo á enfermaría galega" e achegar datos "falsos". "Os galegos deben saber que as cifras ofrecidas pola Administración non son públicas nin fiables. Se as fixesen públicas, o Parlamento Europeo tremería e mandaría dar fin á precariedade enfermeira que eles negan", advirten.
Eventuais en Loita, colectivo autoxestionado que agrupa a inmensa maioría das enfermeiras en situación de eventualidade en Galicia, esixe ante as cifra dadas por Feijóo que "a Xunta cumpra coa súa obriga de transparencia e faga públicos datos reais e actualizados. Ademais, contradí cada afirmación ou dato do presidente da Xunta con cifras que di ter tirado de estatísticas oficiais ou das propia listas de contratación, que si son accesibles. Así, rebate cada unha das súas frases deste mércores no pleno:
"A ratio de enfermeiras en Galicia é superior á do Sistema Nacional de Saúde"
Eventuais en Loita aclara que a enfermería galega presenta "o terceiro peor ratio doente-enfermeira" segundo os datos do INE de 2018. "Por cada mil galegos hai 5,37 enfermeiras", din, cando a proporción no Estado é de 6,55. "As palabras de Feijóo son falsas", insisten.
Feijóo asegura que o 88% das 10.500 enfermeiras do Sergas son estables; Eventuais en Loita lembra que hai 10.787 profesionais "sen praza" nas listas de contratación temporal
"Das 10.500 profesionais, o 88% teñen un nomeamento definitivo"
Segundo os datos de Feijóo, lembra o colectivo, tan só 1.260 enfermeiras en Galicia son eventuais e 9.240 fixas. "Evidentemente, non son cifras certas. Só eventuais hai un total de 10.787 enfermeiras sen praza a día de hoxe".
"Asinamos cos sindicatos un plan de estabilidade de emprego cun compromiso explícito: 5% de interinidade, 95% de estabilidade"
"Asinouse --din desde o colectivo-- ese plan para chegar a esas cifras ata 2018. Onde estamos traballando os 10.787 inscritos nas listas de contratación temporal? Temos praza e non nos enteramos?
Feijóo fala logo de 10.800 enfermeiras e case o 90% con "contrato fixo estatutario": "As 7.675 que nos presentamos ás oposicións temos praza e non nos enteramos?"
"Se para cubrir as eventualidades desas 10.800 enfermeiras se necesitan un total de 10.787 nas listas de substitución temporal, onde está o 95% de estabilidade?, pregúntanse. "Como é posible que non se poidan cubrir os servizos mínimos cando as eventuais se presentan a un exame? É iso unha boa xestión?", vólvense preguntar en referencia ás dificultades do Sergas para ocupar as prazas da xente que se se presentou ao exame o pasado 12 de maio.
"Das 10.800 enfermeiras do Sergas, o 88% teñen contrato fixo estatutario"
"Os seus números non dan", di Eventuais en Loita. "Agora di 10.800 cando antes eran 10.500; e asegura que non hai 8.000 en precario... Ou é que as 7.675 que nos presentamos ás oposicións en Silleda xa temos praza e non nos tiñamos enterado?
"Faga autocrítica e non nos tome o pelo porque o que está a conseguir é enfadar, e moito, o colectivo máis numeroso da sanidade"
A enfermaría é moi crítica con Feijóo. "Faga autocrítica e non nos tome o pelo porque o que está a conseguir é enfadar, e moito, o colectivo máis numeroso da sanidade e pilar básico da saúde das persoas".
Ademais, advirte de que Feijóo fala do concepto de "interinidade" pero que, "segundo o Estatuto Marco dos Traballadores, o concepto correcto é persoal estatutario temporal" e que este pode ser "interino, eventual ou de substitución". Alén de dar cifras "que non se corresponden coa realidade", critican, "tampouco parece coñecer debidamente o estatuto marco do persoal estatutario.