As enfermeiras eventuais claman polo dereito á conciliación e o Sergas retruca que a situación era peor hai dez anos

Mobilización das enfermeiras eventuais no hospital de Burela este 12 de agosto CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

As enfermeiras eventuais do Servizo Galego de Saúde abriron o pasado maio unha fronte de reivindicación tan intensa como inesperada. Cadrando cos exames de oposición celebrados en Silleda xermolou a plataforma Enfermeiras Eventuais en Loita para poñer cifras e rostros á protesta contra a precariedade laboral do colectivo, pero tamén para seren activas no debate político despois de que a Xunta tentase amortecer o impacto das súas denuncias. 

A primeira mobilización das enfermeiras eventuais, o 12 de maio nas oposicións en Silleda, inspirou a iniciativa '12 meses, 12 loitas'

Aquel 12 de maio inspirou o colectivo para manter a reivindicación, articulada xa en torno a un manifesto e cun documento de propostas básicas coas vías que, ao seu xuízo, serían imprescindibles para poñer fin á precarización do sector. Nacía así 12 meses, 12 loitas, unha cita mensual coa mobilización das enfermeiras que este 12 de agosto se centrou na reivindicación do dereito á conciliación da vida laboral e persoal, o cal torna en imposible coa concatenación de contratos duns poucos días e a necesaria dispoñibilidade "permanente" para o Sergas, din. Ao tempo, a Consellería de Sanidade volveu responder alegando, como noutros conflitos sanitarios, que hai unha década a situación era peor.

Concentracións ante diversos centros sanitarios por toda Galicia, varias delas apoiadas por representantes da oposición galega, reivindicaron este luns o "dereito a conciliar". Na concentración da Coruña quen puxo voz ao manifesto foi a enfermeira Silvana Muñoz, quen instou a Xunta a facer compatibles as súas alertas pola crise demográfica co tratamento a estas profesionais. 

Participantes nas mobilizacións das enfermeiras eventuais, este 12 de agosto CC-BY-SA Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña

"O 90% de nós somos mulleres, cunha media de 32 anos e o 73,3% non temos fillos"

"O 90% de nós somos mulleres, cunha media de 32 anos e o 73,3% non temos fillos", relatou Muñoz, para despois engadir que "as que se arriscan" a seren nais, "non reciben apoio do Sergas". Non en van, Sanidade esíxelles na práctica "dispoñibilidade de 24 horas, non temos dereitos a baixa por embarazo de risco" nin a adaptacións do posto dun traballo que consiste en encadear contratos "de servizo en servizo, subindo a ambulancias" e sempre pendentes do teléfono.

En situacións coma esta, pero tamén do posterior coidado de fillas e fillos ou de persoas maiores, "só nos queda a opción da suspensión do chamamento". E "se non traballas, non cotizas e non cobras", polo que as máis das veces "segues no bucle: non podemos coller baixas porque o Sergas non coida a quen coida; tampouco temos vacacións, nin permisos por matrimonio" e mesmo "en moitas ocasións, as libranzas". A Xunta, ao cabo, non recoñece que "temos vida máis alá do Sergas", lamenta.

 "Temos contratos eventuais durante anos aínda que aprobemos oposicións"

Enfermeiras Eventuais en Loita lembran que estas son as consecuencias concretas da concatenación de contratos. "Temos contratos eventuais durante anos aínda que aprobemos oposicións", afirmou na concentración da Coruña o enfermeiro Hugo Bermúdez, da Asociación de Enfermaría Sociosanitaria (Aensac). "Tanto ten que teñamos moitos anos traballados, como non sacan prazas dabondo, estamos continuamente cubrindo ocos con prazas eventuais", máis aínda no verán, subliña.

A Xunta retruca que co bipartito había menos enfermeiras

Igual que ante anteriores conflitos sanitarios, caso da escaseza de pediatras, o Goberno galego volveu optar por retrotraerse ao ano 2008, o derradeiro completo do Executivo de coalición de PSdeG e BNG na Xunta, para vir concluír que o gabinete do PP mellorou a situación. Nun comunicado feito público mentres se desenvolvían as mobilizacións, a Consellería de Sanidade "reitera" o que define como "firme e decidida aposta polo persoal de enfermaría", o cal queda "reflectido nas 1.519 prazas ofertadas nesta categoría" dende 2013, sinalan.

Unha das concentracións das enfermeiras eventuais, este 12 de agosto no centro de saúde de Viveiro CC-BY-SA Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña

Sanidade defende que na actualidade hai 700 enfermeiras máis que en 2008 e "ademais, o 88% do persoal é estable"

Sanidade defende que o Sergas conta na actualidade con "preto de 11.000 profesionais e enfermaría, o que supón 700 máis dos que había no 2008" e "ademais, o 88% persoal estable". O eventual, agrega, é "necesario para reforzar" os cadros de persoal "en momentos de maior carga asistencial ou cubrir as ausencias" do persoal estable, agrega.

A "creación de 130 prazas de enfermaría" en Atención Primaria ou "o contrato de continuidade, mediante o que se lles ofrece un período de estabilidade no emprego" de un a tres anos, son outras das medidas que Sanidade subliña fronte á mobilización das enfermeiras. No entanto, Enfermeiras Eventuais en Loita advirte de que os datos que manexa a plataforma, pero tamén os máis recentes do Consello de Contas, "contrastan moitísimo co que di o Sergas". O organismo fiscalizador, destacan, "indica que máis dun 40% estamos en situación eventual".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.