Xa o advertiran tras a tan masiva como inédita mobilización durante os exames de oposición celebrados en Silleda o pasado 12 de maio: "Este día marca un antes e un despois.... E só é o principio". Meu dito, meu feito. As enfermeiras eventuais do Servizo Galego de Saúde, as Enfermeiras Eventuais en Loita organizáronse nunha plataforma que rachou os marcos habituais das protestas no sector sanitario, retrucaron con datos as primeiras declaracións oficiais que tentaron amortecer as súas reivindicacións e agora procuran fortalecer a mobilización buscando apoio entre a cidadanía.
As enfermeiras xa o advertiran tras a tan masiva como inédita mobilización as oposicións en Silleda: "Este día marca un antes e un despois.... E só é o principio".
"Coida a quen te coida" é un dos lemas máis reiterados polas Enfermeiras Eventuais en Loitas dende o seu nacemento como colectivo e agora tamén é a conclusión do Manifesto pola fin da precariedade na Enfermaría galega, que veñen de lanzar á procura de apoios mediante sinaturas e que en apenas doce horas xa superou os 4.000 apoios. "É moi probable que cando leas estas liñas esteas san ou non teñas que recorrer á sanidade pública galega" ou se cadra, si, explican. Sexa como for, "non podemos agardar a que un problema nos afecte directamente para ser sensibles á realidade que nos rodea".
No seu caso, detallan, a realidade é que "hai anos que arrastramos un problema na enfermaría galega: vémonos sometidas a unha precariedade laboral extrema que se agrava cada día máis". Altísimas taxas de temporalidade e eventualidade que implica que "non teñamos dereito a vacacións ou a permisos por matrimonio ou baixas por enfermidade ou embarazo". "Sufrimos continuamente a mobilidade entre servizos, a concatenación de contratos durante anos, dificultades para conciliar, ameazas de penalizacións nas listas de contratacións...". E todo isto, advirten, impacta "directamente" na atención á cidadanía.
"Consideran que é mellor ternos sen dereitos e dispoñer de miles de profesionais formadas sen contratos estables das que poden botar man a calquera hora porque se non collen o teléfono, non comen"
A propia magnitude do colectivo, advirten, é sinónimo da dimensión do problema. Esta é unha situación que "vivimos arredor de 10.000 enfermeiras" e que "se mantén durante máis de doce anos" mesmo con "varias convocatorias de oposicións aprobadas", feito que ao seu xuízo "demostra que non se satisfacen as necesidades reais da enfermaría, porque as prazas sempre son insuficientes". Ao seu xuízo, a "tradución á realidade" é que a Xunta "considera que é mellor ternos escravizadas e sen dereitos", toda vez que deste xeito "dispón de miles de profesionais formadas e non ubicadas en contratos estables" das que pode botar man "a calquera hora do día ou da noite". "Collerán o teléfono, porque senón non comen", resumen.
Estas son as razóns que as levan a pedir o apoio da cidadanía para unha táboa reivindicativa de tres puntos: "loitar contra a precariedade", "defender a sanidade pública" e "avanzar no recoñecemento da enfermaría como disciplina autónoma". As traballadoras de enfermaría do Sergas "deixan a alma coidando a quen o necesita", pero "sentímonos indefensas porque a Administración non nos coida". Esta, conclúen, é a razón pola que buscan o apoio cidadán. "A precariedade laboral non pode ser compatible cun sistema de saúde de calidade", rematan.
O Sergas advirte de que "non sempre hai contratación fraudulenta"
Na mesma xornada en que as Enfermeiras Eventuais en Loita facían público o seu manifesto a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Margarita Prado, tiña que responder no Parlamento unha pregunta do socialista Julio Torrado a respecto de recentes sentenzas xudiciais que cuestionan, precisamente, a concatenación de contratos eventuais. Estes pronunciamentos dos tribunais constatan, a xuízo do deputado do PSdeG, a obvia "situación de precariedade" do Sergas, que "contrata a tempo parcial e explota a tempo completo".
A concatenación de contratos "non sempre" implica "unha contratación fraudulenta", respondeu a directora de Recursos Humanos do Sergas ao PSdeG no Parlamento
Na súa resposta Prado admitiu que "evidentemente", os recortes orzamentarios tiveron "afectación" nos cadros de persoal da sanidade pública, así como a taxa de reposición -imposibilidade de cubrir todas as xubilacións- imposta polo Goberno de Rajoy, cuxa continuidade a alto cargo atribúe ao gabinete de Pedro Sánchez. Así e todo, advertiu, "non sempre hai unha contratación fraudulenta" porque "a existencia dun sistema de listas implica nomeamentos concatenados" sen que isto implique necesariamente "fraude de lei".
"É certo que hai profesionais que poden ter moitos contratos" porque "substitúen moitas ausencias ou están facendo reforzos", resaltou a directora xeral, quen nega que o sistema mantido pola Xunta derive sempre en "fraude" e insta a ter en conta que "800 profesionais eventuais se converteron en interinos" nos últimos anos. Ademais, reitera, Sanidade "dende o momento en que existiron indicios de crecemento económico" reforzou as súas ofertas públicas de emprego, resolve.