As protestas sanitarias rompen os marcos: máis folgas e máis frontes abertas

Protesta do persoal sanitario da área de Vigo © CIG-Saúde

No mesmo día no que quedaba constituído o Consello Técnico de Atención Primaria en Santiago, na mesma cidade, asembleas de médicos de toda Galicia decidían non recoñecelo e acordaban convocar folga para o vindeiro 19 de xuño de todos os licenciados sanitarios do país. 

No día da primeira reunión do Consello Técnico asembleas de médicos de Atención Primaria de toda Galicia decidían non recoñecelo e convocar folga para o 19 de xuño

Como estaba previsto, o conflito sanitario en Galicia non rematou coa creación desa ampla mesa de diálogo para abordar o futuro da Atención Primaria, unha das medidas que sindicatos e colectivos reclamaran para desconvocar a folga de tres días do pasado mes de abril. O Consello Técnico, a inclusión de cinco puntos “irrenunciables” nas conversas e o cambio no modelo de negociación detiveron aqueles paros, pero non o malestar xeral, que agromou en poucas horas. 

Primeira xuntanza do Consello Técnico da Atención Primaria © Sergas

A Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP), que agrupa sindicatos, sociedades científicas e diferentes entidades profesionais, dividiuse até quedar case sen funcionamento. As primeiras ofertas de prazas do Sergas foron cualificadas de “insuficientes” por case todos os implicados e a primeira reunión do Consello Técnico deste martes espertou tamén as críticas dalgúns sindicatos e de colectivos “frustrados” malia que aínda apostan pola negociación fronte aos que rexeitan xa esta vía e apostan pola mobilización inmediata. 

O Sergas ten agora dúas frontes: a de entidades e colectivos que manteñen a negociación pero din xa estar "frustrados" e os profesionais médicos que apostan pola mobilización inmediata

Porque nese mesmo martes, asembleas de profesionais das áreas da Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Vigo e Ourense (Lugo escusouse por non poder asistir) constituíronse nunha nova organización, Asemblea de Áreas Sanitarias (AAS) de Galicia, e acordaron propor unha convocatoria de folga “de licenciados sanitarios de toda Galicia pero co apoio de cada área”, o vindeiro 19 de xuño, “con puntos reivindicativos comúns e logo específicos de cada zona”. 

Ao tempo, a AAS acordou “non recoñecer o Consello Técnico de Atención Primaria” e apoiar con concentracións a folga de Atención Primaria que xa está convocada para a vindeira semana, os días 21 e 22, na área viguesa. “Por unha Primaria digna. Vigo somos todos”, será o lema doutra mobilización no ámbito sanitario galego que desborda as estruturas tradicionais. Como acaba de ocorrer coa enfermaría e a masiva mobilización en Silleda, autoorganizada, coa axuda das redes sociais e á marxe de organizacións sindicais: unhas 7.000 persoas vestidas de negro ao abeiro do colectivo Eventuais en Loita. 

Na Atención Primaria, o intento de “dividir” que os diferentes colectivos atribúen á Consellería de Sanidade funcionou, pero a medias. O Sergas ten agora varias frontes de conflito, paros en Vigo para a semana, unha folga convocada en xuño e boa parte dos profesionais mobilizados e alleos á negociación. Na outra, entidades que acoden ás conversas “para abordar os cambios a introducir e defender os intereses sanitarios da poboación e os traballadores”, pero que promove tamén “a mobilización de todos os grupos e categorías profesionais, sen exclusións” e que consideran “fundamental a mobilización conxunta”. 

Así o manifestou SOS Sanidade Pública, a tal hora quen aínda abrangue moitos dos sectores implicados, na súa última xuntanza, á que acudiron plataformas de Compostela, A Coruña e Pontevedra, o Movemento Galego de Saúde Mental, CIG, CCOO, UGT, a AGDSP, e a Asociación Glaucoma. Fontes presentes no Comité Técnico entenden que negociar coa Xunta, malia os atrancos, é a única opción pese a que consideran que a xuntanza foi “frustrante” ao adiar unha nova reunión para o vindeiro 13 de xuño, día no que se crearían as diferentes comisións para cada problemática

Mobilización de persoal sanitario nun centro de saúde © CGAP

“De seguir dilatando decisións, os problemas vanse enquistar e o malestar vai aumentar, como xa está sucedendo; non podemos abandonar porque legalmente este é o único foro para negociar, pero xa lle advertimos ao Sergas que, de seguir as cousas así, teremos que convocar outra folga”, explican. 

As protestas na Atención Primaria, como ocorreu no caso da enfermaría, desbordan xa as estruturas tradicionais e as organizacións profesionais ou sindicais

O Comité Técnico queda constituído con 55 persoas “de prestixio e traxectoria profesional acreditada”, como di o Sergas, e reunirase como mínimo dúas veces ao ano, ademais de crear as comisións específicas. Nel están representados colexios profesionais, sociedades científicas, asociacións, entidades de usuarios ou sindicatos. 

A CIG xa denunciou que o comité de expertos impulsado nel pola Xunta vai ser nomeado á marxe do Consello e denuncia que a dilación responde ao obxectivo do Sergas de pasar “unha campaña electoral tranquiila”, unha análise que comparten outras entidades. O CSIF, por exemplo, advirte xa que o asinado na mesa sectorial para desconvocar a folga foi “un brinde ao sol”. 

Prazas insuficientes

Todo isto despois de que o Sergas acordara un incremento de 308 novas prazas para Atención Primaria, unha medida que contou co apoio dos sindicatos CESM, CSIF, UGT e Satse, pero non da CIG e de CCOO. Tampouco outros colectivos de profesionais médicos deron o visto e prace a unha oferta, para o período 2019-21, de 20 prazas de pediatría, 4 de farmacia de primaria, 130 de enfermaría, 40 de fisioterapia, 20 de matrona, 14 de traballador social e 80 de medicina familiar. 

“Iso supón 12 prazas para 2019 para afrontar un conflito que comezou pola masificación de pacientes en centros de saúde de Vigo e que, con este número, non verían solucionados os seus problemas nin en dous ambulatorios”, comentaban fontes do Consello Técnico.

O conflito na Atención Primaria, xa que logo, continúa. A Xunta pasou de presumir de xestionar unha das mellores sanidades do mundo a presentar 150 medidas para mellorala e aceptar negociar con quen levaba anos esixindo mudanzas. Agora, enfróntase a unha parte dos colectivos implicados, como as asembleas, varias entidades profesionais ou os médicos eventuais e facultativos dos centros de saúde vigueses, convencidos da necesidade de máis mobilizacións e folga. E con outra, cos sindicatos e outras asociacións, aínda na negociación pero “frustrados” e dispostos a convocar protestas e paros. En paralelo, a revolta das enfermeiras eventuais ou dos PAC. Máis frontes e o mesmo malestar de hai meses. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.