O persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Galicia continuará en folga logo de rexeitar este mércores en votación a última proposta do Sergas para rematar cun conflito que dura 17 meses.
Continuará, xa que logo, a folga indefinida que se mantén nestes centros desde principios de xaneiro deste ano logo dunha votación na que participaron 355 profesionais, o que supón un 33% do persoal.
O 75% do persoal que participou na consulta rexeitou o borrador de acordo do Sergas nunha votación na que participou o 33% dos profesionais
A primeira cuestión preguntaba unicamente se se aceptaba o borrador do Sergas: 268 profesionais (máis do 75% dos participantes) optaron por non aceptalo e 78 polo si. Na outra, a pregunta era se se lle daba o visto e prace á última oferta pero sen o punto catgro relativo ao cómputo da xornada. Neste caso houbo 147 votos a favor e 175 en contra.
O persoal, segundo o comité de folga, manifestou o seu malestar por entender que “non se están a escoitar” moitas das súas reivindicacións. Agora, este comité solicitará unha xuntanza coa Consellería de Sanidade e pedirá un interlocutor ou mediador entre o Sergas e os profesionais para avanzar nun conflito enquistado.
As votacións tiveron lugar na mañá deste mércores logo das asembleas celebradas nas diferentes áreas sanitarias e unha xeral no Colexio de Médicos de Santiago onde se informou ao persoal da oferta presentada pola Xunta e das posibilidades futuras.
A proposta do Sergas que foi votada nesta xornada recollía boa parte das reclamacións, pero a Xunta mantense “intransixente” no que ten que ver coa xornada complementaria neutra. Para a Consellería de Sanidade, toda xornada complementaria, de non facerse, non se paga. O persoal defende que o exceso de xornada sexa "neutro" e que se a Consellería obriga un traballador a realizar determinadas horas extra nunha xornada anual, deberá percibir a contía que lle corresponda, tamén en caso de baixa ou permiso.
“Aínda por riba de que nos obrigan, polo menos non ter a lousa enriba de saber que terás que recuperar esas horas se, por exemplo, tes que acudir a un enterro”, explicaba a Praza.gal Ana Boedo, portavoz do comité de folga.