“Un pequeno achegamento de posturas pero moi positivo”. Ana Boedo, membro do comité de folga e do colectivo PACs en pé de guerra, recoñeceu os avances que na última xuntanza coa Xunta se deron nun conflito que mantén en paro os profesionais sanitarios dos Puntos de Atención Continuada de Galicia desde hai un mes e logo dun ano de protestas e reivindicacións.
O persoal valorou este xoves en asemblea a proposta do Sergas para paliar as eivas dun colectivo máis da revolta sanidade galega e que abrangue unhas 900 persoas, entre profesionais médicos e de enfermaría, en 92 PAC. Seguirán en folga ante a falta de concreción de moitas propostas e a ausencia de ofertas sobre demandas irrenunciables e esperarán unha próxima chamada de Sanidade para seguir avanzando.
“É unha situación global, por iso é a sanidade a que está na rúa; a crise trouxo recortes que fomos amañando ata que non aguantamos máis"
“Fixémoslles entender”, “por fin comprenderon”, “conseguimos que entendesen”... Son as frases que emprega Boedo para explicar o resultado dunha última reunión onde a Consellería pareceu asumir xa a “sobrecarga asistencial, falta de medios e dotación de persoal necesaria para a correcta atención sanitaria” que sofre un colectivo que repite as reivindicacións de Atención Primaria, Urxencias e demais ámbitos da sanidade.
“É unha situación global, por iso é a sanidade a que está na rúa”, explica Boedo, que denuncia que “durante dez anos todo se parou”. “A crise trouxo recortes que afectaron pouco a pouco; fómolo amañando e aturando como puidemos ata que xa non aguantamos máis”, engade.
Eses dez anos (algo máis) son os que pasaron, di o colectivo en folga, desde que se activou un plan de traballo “que non se tocou desde aquela”, malia que “a carga asistencial é cada vez maior e o número de pacientes nos PAC se incrementou considerablemente”.
De aí derívase o “estrés” que din sufrir moitos dos traballadores por unha situación en cadea. “As consultas na Atención Primaria están moi masificadas e a xente tira da inmediatez dos PAC para arranxar o seu problema de saúde”, explica. “Nada se revisou nunha década e logo de que a carga asistencial aumentase; agás algunha excepción, o persoal é case o mesmo que hai dez anos”, explica Boedo. Ademais, denuncia, o material non é o axeitado nin o necesario en todos os lugares.
Precisamente, a "ausencia dunha proposta" para acabar coa conxelación desde hai anos do 20% dos seus complementos por nocturnidade ou festividade ou a "falta de concreción" respecto da dotación de equipos completos nos PAC impiden que se chegue a un acordo.
O persoal seguirá de folga malia os avances na última xuntanza co Sergas e reclama "propostas" concretas para acabar coa conxelación dos complementos e dotar de equipos completos os PAC
Cun soldo base de 1.100 euros, ademais das compensacións por gardas ou traballo nocturno, o persoal dos PAC séntese “maltratado” por moitas cuestións. Boedo relata casos como cando, como ocorre moitas veces, as ambulancias que acoden a un accidente de tráfico teñen que tirar dos profesionais dun Punto de Atención Continuada que, de haber só un equipo médico, queda baleiro durante horas. Que se repitan situacións como as da Estrada, onde morreu un home no PAC sen atención médica, é tamén un temor. “O da Estrada, nunca máis”, berran nas mobilizacións.
“Causa moito estrés porque, cando estás de volta, sabes que o que te está agardando pode ser igual de grave ou máis que o que acabas de atender. Haberá quen pense que iso vai no soldo, pero non debes nin podes traballar con ese nivel de presión porque iso tamén afecta os doentes”, engade quen advirte da insuficiencia do persoal, como relataron os traballadores do PAC de Curtis, un paradigma dos problemas que se acentúan no rural.
“Traballas sabendo que non tes garantido o descanso, que te van acabar mandando un burofax e que non podes preparar nada coa familia nin moito menos pensar nunha viaxe ou escapada”, relata. “Sabemos que iso é normal no verán, no Nadal ou nalgunha data sinalada, pero non pode ser que se convirta en norma”, quéixase. “Podes alegar o que queiras, pero negar non te podes negar”, engade. Porque a falta de persoal é evidente. “O propio Sergas o asume e a súa reposta é sempre a mesma: que entenden que hai escaseza de profesionais nalgún sitio pero que non teñen e que se non os hai, non se poden sacar de ningures”, di quen recrimina que “ese problema non fose arranxado antes”. “Saben desde hai tempo o que pasa e non fixeron nada, é normal que acusemos os políticos de facer unha mala xestión”, explica Boedo.
Os traballadores quéixanse da falta de persoal, do incumprimento dos descansos ou das penalizacións por estar de baixa
“Precisamente, pola falta de persoal, interésalles que fagamos horas de máis porque lles saen gratis. Se eu teño unha baixa, as horas que fago a maiores xa non mas pagan”, di. Refírese a un controvertido sistema de xornada laboral que lles aplica o Sergas e que xa foi posto en dúbida pola xustiza.
O persoal dos PAC, ao contrario que outro da Administración, non ten xornadas determinadas dunhas oito horas diarias ou case 38 semanais. O seu peculiar horario, con 800 horas nocturnas e 400 de garda anuais, fíxase anualmente, descontando xa as vacacións, días libres ou festivos. O problema vén cando collen unha baixa ou un permiso por circunstancias especiais. Nese caso, o Sergas fai unha fórmula matemática pola que non cuantifica todas as horas reais que serían traballadas nesas xornadas, case sempre máis das contadas.
“Os traballadores eran penalizados por estar de baixa ou por coller un permiso retribuído; conseguimos que a Xunta entendese o que significa dotar de neutralidade á nosa xornada”, di Boedo respecto das últimas negociacións neste aspecto e tamén no das dietas. Os profesionais cobran dez euros mesmo cando están 24 horas seguidas traballando. “Temos que almorzar, xantar e cear”, explica.
Tamén parece arranxado outro controvertido punto das súas reivindicacións. De feito, foi incluído porque “non se podía pasar por alto” o que marca a norma, pero é algo que “nunca foi tido en conta por médico ningún”. Refírese á inclusión da derivación hospitalaria nas listas de obxectivos, un método polo cal os profesionais eran premiados cantas menos doentes derivasen a hospitais. “Non coñezo ninguén que pense en derivar ou non un paciente dependendo de se iso o vai prexudicar ou beneficiar”, insiste quen advirte de que “o Sergas xa sabe que non poden pedir nada diso”.
Tampouco máis sacrificios no que ten que ver cos salarios. “Pola crise, conxelóusenos parte da nosa retribución a través da nocturnidade e os festivos, que son 800 e 400 horas anuais no noso caso... Esa é moita conxelación, máis cando cada vez temos máis carga asistencial, máis traballo e non se revisa plan ningún”, remata.