O persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) en Galicia, unhas 900 persoas que traballan en 92 centros, reúnese este mércores e xoves en diferentes asembleas polo país para debater e analizar a última proposta que o Sergas realizou ao comité de folga tras a xuntanza do pasado martes. Logo de meses de mobilización e cun paro aínda vixente, a Consellería de Sanidade cedeu en boa parte das demandas dos profesionais pero mantense firme na negativa a aceptar un dos últimos puntos en negociación para poñer fin ao conflito.
Será nos vindeiros días, unha vez que o comité analice cos seus avogados o acordo ofrecido, cando os traballadores voten “sobre unha decisión que será transcendente para o colectivo nos vindeiros anos”.
A mobilización e unha folga de máis de tres meses logra que o Sergas acepte a maioría de demandas pero mantense "intransixente" no que ten que ver co cómputo das horas extra na xornada anual
Así o aclara Ana Boedo, portavoz do comité de folga, sobre unha proposta do Sergas que aceptou boa parte das reclamacións pero que se mantén “intransixente” no que ten que ver coa xornada complementaria neutra. Para o Sergas, toda xornada complementaria, de non facerse, non se paga. O persoal defende que o exceso de xornada sexa "neutro" e que se a Consellería obriga un traballador a realizar determinadas horas extra nunha xornada anual, deberá percibir a contía que lle corresponda en caso de baixa ou permiso.
“Aínda por riba de que nos obrigan, polo menos non ter a lousa enriba de saber que terás que recuperar esas horas se, por exemplo, tes que acudir a un enterro”, explica Boedo. Sexa como for, a posición da Xunta semella inamobible. “Dá a impresión de que non van ir máis aló, que hai pouca marxe de negociación”, explica o comité de folga, que por iso ve necesario analizar, mesmo con avogados, o borrador no que o Sergas si asume que os permisos de cinco días non repercutirán pero que temen que poida ser “unha trampa”. A decisión quedará nas mans dun persoal que chegou a moito do demandado pero que non ve avances nun tema clave.
Pola súa banda, o Sergas presentoulle ao comité de folga unha última proposta que, di, aínda “mellora” a última realizada. Propón un incremento retributivo pola realización de noites e festivos ou domingos nun 50% en 2020 e doutro 50% en 2021, o que suporía un aumento de media de 600 euros anuais por noites e de 1.400 polas xornadas festivas.
Logo de máis dun ano de conflito e de tres meses e medio de folga indefinida, o persoal dos PAC conseguiu melloras en case todos os puntos reclamados. De feito, a Consellería de Sanidade fala sempre de que cumpriu con nove das once medidas formuladas polos sindicatos e que xa aceptara abonar dúas dietas de manutención en domingos e festivos, unha medida que se ampliou tamén a cando o servizo sexa de 24 horas.
"A mobilización e os resultados dela foron moi importantes; o Sergas empeza a decatarse de que non vale dicir unicamente que non hai persoal"
Ademais, o Sergas tamén atendeu a demanda, á espera de que se concrete, de dotar os PAC de equipos completos e necesarios. “Entenderon a importancia de que haxa un médico e un profesional de enfermería sempre”, explican desde o comité de folga. Tamén a dispoñibilidade de uniformidade suficiente, con imaxe corporativa única e equipos de protección individual (EPI), maior participación do persoal na fixación dos obxectivos ou a eliminación do indicador de derivación hospitalaria como obxectivo do servizo vinculado á produtividade.
“A mobilización e os seus resultados foron moi importantes, por suposto; permitiunos, primeiramente, sentar nas mesas de negociación e expoñer os nosos problemas, moitos deles negociados e admitidos, e tamén para que o Sergas empece a decatarse de que non serve dicir unicamente que non hai persoal ou sinalar ese como único problema”, explica Ana Boedo.