Ribera Salud nega "prácticas contrarias ao interese xeral en ningún centro" e unha protesta convocada antes do escándalo por SOS Sanidade Pública deriva en Vigo en reclamacións á Xunta para que remate a relación entre o Sergas e hospital privado
Ribera Salud, propietaria do hospital concertado Povisa que atende en Vigo 110.000 pacientes do Sergas, emitiu este xoves un comunicado no que tenta minimizar danos tras publicar El País unha gravación do seu conselleiro delegado, Pablo Gallart, pedindo non atender tantos doentes no hospital madrileño privatizado de Torrejón para ter máis beneficios. A empresa defende "a ética" dos seus profesionais e nega "prácticas contrarias ao interese xeral en ningún centro". Un comunicado que coincidiu coa celebración este xoves en Vigo dunha manifestación convocada previamente pola plataforma SOS Sanidade Pública que acabou derivando en reclamacións á Xunta para que poña fin ao concerto con Povisa.
Tras estourar o escándalo polo xeito en que Ribera Salud quere aumentar beneficios en Torrejón a costa dos pacientes da sanidade pública, o seu conselleiro delegado apartouse da xestión dese hospital, pero segue á fronte do resto do grupo. No seu comunicado deste xoves a empresa defende que "a ética dos profesionais que integran a organización é incuestionable". Tamén asegura que "en ningún centro do grupo Ribera se produciron prácticas contrarias ao interese xeral dos cidadáns".
Abel Caballero fala de "escándalo intolerable" e Ana Pontón pregunta á Xunta "se pode garantir que as prácticas do grupo Ribera en Torrejón non afectan tamén a Povisa".
O grupo sanitario insiste en que a súa prioridade "son e seguirán sendo os seus pacientes en todos e cada un dos centros que xestiona, tanto públicos como privados" e di que as gravacións do seu conselleiro delegado "non reflicten o contido íntegro da reunión e atópanse fóra de contexto". Porén, máis alá das gravacións, El País seguiu publicando novas informacións segundo as cales empregados do hospital de Torrejón recibiron orde de reutilizar material sanitario dun só uso e directivos do grupo foron despedidos tras denunciar internamente medidas económicas que irían en prexuízo dos pacientes.
Neste contexto, a plataforma SOS Sanidade Pública, que vén convocando de xeito periódico en Vigo manifestacións con notable afluencia de persoas, tiña prevista con anterioridade ao escándalo de Ribera Salud unha nova marcha para a tarde deste xoves. A marcha estaba convocada en xeral en defensa da sanidade pública, pero acabou derivando en críticas directas a Povisa e en reclamacións á Xunta para que poña fin ao seu concerto co grupo sanitario privado.
Na manifestación participou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que cualificou de "escándalo intolerable" o descuberto por El País en Ribera Salud. Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntou á Xunta "se pode garantir que as prácticas do grupo Ribera en Torrejón non afectan tamén a Povisa".
Segundo dixo o mércores o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, "en Galicia non temos ese problema" porque os hospitais galegos de Ribera Salud "están supervisados" polo Sergas.