A Xunta eleva de 80 a preto de 100 millóns anuais o concerto con Povisa ata 2027

Hospital Ribera Povisa en Vigo que atende 116.000 pacientes do Sergas © Ribera Povisa

O hospital vigués deixará de cobrar unha contía fixa por cada un dos 116.000 pacientes adscritos e pasará a facelo "polos servizos que efectivamente reciba cada persoa", segundo avanza Rueda

Unha década despois de poñerse en servizo o novo hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no que o Consello de Contas detectou un sobrecusto de 470 millóns de euros, o Sergas seguirá recorrendo á sanidade privada para atender a 116.000 persoas desa área sanitaria. Farao coa previsión de gastar outros 195 millóns de euros nos dous próximos anos no concerto que mantén desde hai décadas co hospital privado Povisa. 

Esta cifra elevaría duns 80 a preto de 100 millóns de euros o importe que a Xunta viña pagando ata agora a ese hospital. A empresa pasará de recibir un importe fixo por paciente adscrito a cobrar "polos servizos que efectivamente reciba cada persoa", segundo avanzou este venres o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

Interior do hospital privado Povisa durante a pandemia da COVID, nunha imaxe divulgada pola empresa propietaria © Ribera Salud

A renovación do concerto do Sergas con Povisa chega despois de que a Xunta deixase vencer o anterior contrato o pasado 31 de agosto. Un concerto que fora asinado por dez anos en setembro de 2014, apenas un ano antes de que entrase en servizo o novo hospital Álvaro Cunqueiro, que estaba chamado a reducir a dependencia que a sanidade pública viña tendo en Vigo dos servizos de Povisa. Iso non sucedeu, como constatou o Consello de Contas o pasado verán.

Por ese último concerto a Xunta viña pagando arredor de 80 millóns de euros ao ano. De feito, cando o Goberno galego non foi quen de renovalo a tempo ao seu vencemento o pasado 31 de agosto e o prorrogou por catro meses fixou un custo para esa ampliación de 27,9 millóns, o correspondente a unha terceira parte do ano. Pero pasados eses catro meses a renovación do concerto anunciada este venres polo presidente da Xunta non será inmediata senón que entrará en vigor o vindeiro 1 de abril, co que a prórroga do anterior contrato vencido o 31 de agosto ante a falta de previsión do Goberno galego chegará a ser de sete meses.

Reunión do Consello da Xunta deste venres CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Malia o aumento do importe anual Rueda asegura que co novo concerto "os procesos máis complexos" van ser tratados sempre" no servizo público de saúde

Cando entre en vigor o novo concerto, cifrado por Rueda en 195 millóns de euros para dous anos, ata abril de 2027, pero que poderá prorrogarse ata 5 anos por un máximo de 525 millóns, Povisa deixará de cobrar una contía fixa por persoa adscrita e pasará a facelo "polos servizos que efectivamente reciba cada persoa", segundo o presidente. A Xunta aclara que a estimación que fai de gasto parte dos servizos efectivamente prestados en 2023, o último ano completo analizable, pero que a cifra final a pagar a Povisa podería variar segundo a demanda. 

Rueda tamén avanzou que o novo contrato obrigará a Povisa a implantar os mesmos sistemas de historia clínica que o Sergas e a "investir o 3%" dos seus ingresos en "melloras" no centro. Ademais, segundo o presidente, "os procesos máis complexos", entre os que citou as cirurxía torácica, neurocirurxía, hemodinámica ou electrofisioloxía, "van ser tratados sempre" no servizo público de saúde.

Concerto anterior

O anterior acordo asinado por unha década, que a empresa privada logrou renegociar á alza aos catro anos de vixencia, rematou o 31 de agosto, pero Sanidade non foi quen de prever a renovación e tivo que prorrogalo 7 meses

O anterior concerto con Povisa asinado en 2014, no que o Consello de Contas detectou "falta de transparencia" e unha inaxeitada valoración de cada prestación sanitaria, permitiu a Povisa recibir en 2015 algo máis de 72 millóns de euros do Sergas. Porén, apenas catro anos despois da sinatura daquel concerto para unha década, Povisa solicitaba preconcurso de acredores para forzar o Sergas a mellorar o acordo. 

A finais de 2018 a Xunta aceptou mellorar as condicións de Povisa malia que nun proceso xudicial paralelo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estableceu que a empresa privada non tiña dereito a pedir unha modificación unilateral e que o custe que lle estaban a supoñer as atencións sanitarias era algo "que puido e debeu ser tomado en consideración no momento de formular a súa oferta e subscribir o concerto" en 2014.

Os daquela conselleiro delegado de Povisa e xerente do Sergas asinando en 2014 o concerto co hospital privado vigués que rematou o pasado 31 de agosto e que a Xunta prorrogou 7 meses á espera da entrada en vigor do novo o vindeiro 1 de abril © Xunta

En 2019, un ano despois de ver mellorado o concerto de Povisa, os daquela propietarios, o grupo Nosa Terra XXI, da familia Silveira, venderon o centro á multinacional Ribera Salud, que vén rexistrando sucesivos incrementos dos ingresos procedentes do Sergas malia a progresiva e lenta perda de poboación adscrita. Se hai unha década o concerto supuña algo máis de 70 millóns de euros, na actualidade sitúase arredor dos 80 millóns. De feito, en 2020 o Consello de Contas advertiu en 2020 á Xunta sobre ese aumento do gasto e sobre o feito de que "os recursos de Povisa incorpóranse como elementos fundamentais na planificación das prestacións, transcendendo o modelo clásico de concertación".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.