Unhas 130.000 persoas residentes na área de Vigo teñen o privado Povisa como hospital de referencia. Non por teren contratado un seguro privado, senón en virtude do concerto que mantén co Servizo Galego de Saúde. Este acordo foi mantido despois de 2015 malia á apertura do novo hospital Álvaro Cunqueiro e mellorado en 2018 pola Xunta despois de que, para logralo, a empresa solicitase o preconcurso de acredores. Contempla que poida atender ata 139.000 usuarias da sanidade pública galega.
O vigués Povisa é propiedade de Ribera Salud, ata agora controlada pola estadounidense Centene Corporation, que vén de vender as súas accións á francesa Vivalto Santé
En vésperas de abordar outra renovación do concerto -como informa este martes Faro de Vigo-, Povisa volve cambiar de mans e con el, a asistencia sanitaria de esas arredor de 130.000 persoas. Sucede menos de tres anos despois de os antigos propietarios do hospital privado vigués, o grupo Nosa Terra XXI, asinasen a venda do 93% da empresa ao grupo Ribera Salud por algo máis de 20 millóns de euros. Daquela este grupo empresarial, orixinalmente valenciano, estaba controlado nun 90% pola estadounidense Centene Corporation, que agora o vende á empresa sanitaria francesa Vivalto Santé.
A información, adiantada nos últimos días por varios medios , foi confirmada ao persoal de Povisa e do resto de centros controlados por Ribera Salud por parte da súa conselleira delegada, Elisa Tarazona, a través dunha carta. En Galicia atinxe tamén ao hospital lucense Polusa e ao ferrolán Juan Cardona. Ambos manteñen servizos concertados co Sergas (no último ano con datos dispoñibles no Consello de Contas, o 2019, ascenderon a 3,1 millóns no caso de Polusa e 1,6 no Juan Cardona), pero non teñen unha poboación de referencia asignada polo Sergas para suplir, en todo caso, a un hospital público.
A decisión atinxe tamén ao lucense Polusa e ao ferrolán Juan Cardona, que tamén teñen concertos co Sergas, pero non unha poboación de referencia asignada polo Sergas para suplir a atención pública, o que si sucede en Povisa. Ribera mantén que non implica cambios neles.
Segundo Tarazona, Vivalto xa asinou "a adquisición da participación de Centene Corporation" en Ribera Salud e a operación "formalizarase nas vindeiras semanas", cando teña "todas as autorizacións" que precisa. A executiva sinala que este "cambio" se debe a tres factores: "a pandemia da COVID e a súa repercusión", os "importantes cambios no liderado e estratexia de Centene" tras morrer o seu fundador, Michael Neidorff, e tamén a que autodenomina como "exitosa consolidación de Ribera en España e en Europa".
Centene, lembra, levaba oito anos en Ribera Salud -tres con control total da empresa- que "nos axudaron a ser mellores" e a "crecer como equipo e organización". Asegura que implicou tamén incorporar a "experiencia, coñecemento e innovación" da aseguradora estadounidense, que agora deixa estes centros nas mans de Vivalto. Segundo a información pública dispoñible, a compañía francesa ten entre os seus accionistas a entidades financeiras como BNP Paribas Développement, Crédit Agricole e Bpifrance, así como varios fondos de investimento. Arredor dunhas mil persoas do cadro médico da compañía son propietarias dun terzo da empresa, o que supón algo máis dun terzo do total do persoal, segundo Centene.
Esa primeira comunicación non mencionaba especificamente os centros galegos da empresa. Ante o balbordo xerado pola operación, Ribera Salud emitiu un comunicado xa este martes, día 26, no que puña o foco en que "mantén sen cambios a propiedade" de Povisa, Polusa e Juan Cardona. "O cambio no accionariado prodúcese a nivel do holding europeo de Centene", denominado Primero Salud S.A. e "en nada afecta á xestión dos centros sanitarios", afirman, antes de agregar que "servizos, cadros de persoal, organización e xestión diaria do traballo" e mais a propia "atención sanitaria" seguirán" como "ata agora".
CIG-Saúde lamenta que a Xunta deixase pasar a "oportunidade" de quedar con Povisa cando foi vendido a Ribera Salud e resalta que, ao ter poboación do Sergas adscrita a este centro privado, está nunha "posición de debilidade" para negociar coa empresa
A representación do persoal de Povisa, pola súa banda, fará pública a súa posición sobre esta operación nunha conferencia de prensa convocada para este mércores polo seu comité de empresa, segundo confirmou a CIG. Nunha primeira valoración, a CIG Saúde considerou este martes que a venda "é unha mostra evidente do risco de converter o coidado da nosa saúde nun negocio privado", sinala o seu secretario nacional, Manuel González Moreira.
Lembra Moreira que a propia central sindical "xa denunciou no seu momento" que a compra de Povisa por Ribera Salud supuxo "perder a oportunidade de que o hospital fose xestionado" polo Sergas. A Xunta, acrecenta, é "responsable de garantir a asistencia sanitaria do conxunto da cidadanía" e esta venda atinxe ás máis de 130.000 persoas adscritas a Povisa pola propia Consellería de Sanidade, que non dispón de "alternativa asistencial" para toda esta poboación. Esta circunstancia, resalta, deriva nunha "posición de debilidade" ante a nova negociación do concerto con Povisa, "parte privada que colle o temón e ten toda a forza do seu lado".