A multinacional sanitaria Centene Corporation, con sede nos Estados Unidos, segue estendendo os seus negocios por Galicia. Menos dun ano despois de pechar a compra do hospital vigués Povisa e con el, pasar a ter baixo a súa dependencia máis de 134.000 pacientes do Servizo Galego de Saúde, a filial española do xigante estadounodense, con sede en Saint Louis (Missouri), vai controlar tamén o hospital privado Polusa, en Lugo.
Como en Povisa, a operación chega a través da filial española de Centene Corporation, o grupo Ribera Salud, noutrora propiedade da desaparecida Caja de Ahorros del Mediterráneo
Como con Povisa, Centene realiza a operación de Polusa a través do grupo sanitario Ribera Salud. Esta empresa sanitaria valenciana quedou definitivamente controlada pola multinacional americana en 2019, cando mercou o 40% accións da compañía ao Banco Sabadell, entidade que á súa vez as herdara da desaparecida Caja de Ahorros del Mediterráneo.
Deste xeito Ribera Salud pasou a estar ao 90% nas mans de Centene. Coa compra de Povisa, o que fora emblema do fracasado modelo de sanidade público-privada do PP da Comunitat Valenciana desembarcou en Galicia por primeira vez. Agora confirma que pechou a súa operación tras "acadar un acordo cun grupo de accionistas" de Polusa "para facerse cunha participación maioritaria do centro sanitario".
"O peche da operación está pendente das autorizacións pertinentes, polo que aínda non se fixo efectivo", agrega Ribera Salud, sobre a operación na que estivo asesorada pola consultora Deloitte no eido financeiro e polo bufete Cuatrecasas, no legal. A filial española de Centene subliña que incorpora deste xeito á súa propiedade "97 camas, 5 quirófanos, unidade de pacientes xeriátricos, hospital de día oncolóxico, laboratorio clínico e un cadro de persoal de 135 profesionais".
No último ano con datos dispoñibles, 2017, o Sergas recoñecía unha facturación de 3,46 millóns de euros con Polusa en concepto de actividade sanitaria concertada
Aínda que Polusa é unha empresa privada, esta operación tamén ten unha derivada para a sanidade pública galega. Non en van, o policlínico lucense ten no Servizo Galego de Saúde o seu principal cliente. No exercicio do ano 2017 -último con datos dispoñibles-, facturara con Sanidade 3,46 millóns de euros en concepto de actividade sanitaria concertada, segundo o Consello de Contas.
Con esta venda, Centene Corporation chega por primeira vez á provincia de Lugo. O outro hospital privado da capital lucense, Nosa Señora dos Ollos Grandes, segue polo momento en mans de empresarios locais, pero explora tamén a súa venda dende hai meses e ten, segundo informou El Progreso, cando menos dúas ofertas sobre a mesa, ambas de grandes grupos da sanidade privada.
No devandito exercicio 2017, estoutro centro privado de Lugo tiña obrigas recoñecidas por actividade concertada co Sergas por importe de 3,1 millóns de euros, segundo o Consello de Contas. Mantén concertos estables coa sanidade pública, cando menos, dende marzo de 2001, igual que Polusa.