O último acordo asinado por unha década, que a empresa privada logrou renegociar á alza aos catro anos de vixencia, remataría o 31 de agosto, pero Sanidade aínda non actualizou a carteira de servizos a contratar e vese obrigada a prorrogalo
O 1 de setembro de 2014, poucos meses antes de que en xuño de 2015 entrase en servizo o novo hospital de Vigo cuxa concesión privada vén de criticar o Consello de Contas, a Xunta renovaba por dez anos o concerto que o Sergas mantén desde hai décadas co hospital privado Povisa polo que este é o centro de referencia para 120.000 persoas da área de Vigo.
O novo hospital Álvaro Cunqueiro estaba chamado a reducir a dependencia que a sanidade pública viña tendo de Povisa, pero non foi así, como vén de constatar Contas. E agora, a menos dun mes de que o 31 de agosto remate a vixencia dese concerto de dez anos, o presidente Rueda anunciou este luns, tras o Consello da Xunta, que o Sergas vai manter a súa relación con Povisa pero que aínda non tivo tempo de concretar as características do novo concerto. Por iso, mentres non se concrete, o Sergas prorrogará o actual por un tempo estimado de catro meses e un custo de 27,9 millóns de euros.
O concerto asinado en 2014, no que o Consello de Contas detectou "falta de transparencia" e unha inaxeitada valoración de cada prestación sanitaria, permitiu a Povisa recibir en 2015 algo máis de 72 millóns de euros do Sergas. Porén, apenas catro anos despois da sinatura daquel concerto para unha década, Povisa solicitaba preconcurso de acredores para forzar o Sergas a mellorar o acordo.
A finais de 2018 a Xunta aceptou mellorar as condicións de Povisa malia que nun proceso xudicial paralelo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estableceu que a empresa privada non tiña dereito a pedir unha modificación unilateral e que o custe que lle estaban a supoñer as atencións sanitarias era algo "que puido e debeu ser tomado en consideración no momento de formular a súa oferta e subscribir o concerto" en 2014.
O concerto de 2014 asinouse para dez anos, pero catro anos máis tarde Povisa lograba que a Xunta o mellorase e un ano despois o centro era vendido a Ribera Salud
En 2019, un ano despois de ver mellorado o concerto de Povisa, os daquela propietarios, o grupo Nosa Terra XXI, da familia Silveira, venderon o centro á multinacional Ribera Salud, que vén rexistrando sucesivos incrementos dos ingresos procedentes do Sergas malia a progresiva e lenta perda de poboación adscrita. Se hai unha década o concerto supuña algo máis de 70 millóns de euros, na actualidade sitúase arredor dos 80 millóns -os 27,9 millóns polos que agora se prorroga o concerto durante 4 meses sería o equivalente a un terzo do importe anual-.
O Consello de Contas advertiu en 2020 á Xunta sobre ese aumento do gasto e sobre o feito de que "os recursos de Povisa incorpóranse como elementos fundamentais na planificación das prestacións, transcendendo o modelo clásico de concertación".
A Xunta di que o Sergas aínda "está a ultimar a análise sobre cales son as necesidades asistenciais de Vigo e a súa poboación" para "actualizar a carteira de servizos" de Povisa nun novo concerto
Porén, malia ser coñecedora do remate do concerto o vindeiro 31 de agosto, a Xunta aínda non ten listo o seguinte acordo con Povisa. Segundo o Goberno galego, o Sergas aínda "está a ultimar a análise sobre cales son as necesidades asistenciais que posúen actualmente a cidade olívica e a súa poboación, co ánimo de actualizar a carteira de servizos que se deben incluír na futura contratación". Deste xeito, Sanidade aínda "está a traballar na redacción dos novos pregos de contratación", o que demorará esa contratación e obriga, dez anos despois da sinatura do concerto, a prorrogalo catro meses mentres non se asina o seguinte.