"Menos inventos e máis investimentos": veciñanza da área de Vigo responde masivamente á chamada de SOS Sanidade Pública

Cabeceira da manifestación de SOS Sanidade Pública este xoves en Vigo CC-BY-SA Praza.gal

"Reconstruír" o que non se fixo na última década no Sergas na área sanitaria máis poboada de Galicia "por decisión política" e reverter a concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro "para o público" son as principais demandas de SOS Sanidade en Vigo

A veciñanza da área de Vigo volveu saír masivamente á rúa este xoves respondendo á chamada da plataforma SOS Sanidade Pública, que reclama "reconstruír" o que non se fixo na última década no servizo sanitario público na área sanitaria máis poboada de Galicia "por decisión política" e reverter a concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro "para o público", máxime despois de coñecer o sobrecusto de 470 millóns de euros que supuxo o modelo empregado pola Xunta para a súa licitación. 

"Señor Rueda, efectivamente, somos as e os de sempre". Manuel Gónzález Moreira, portavoz de SOS Sanidade Pública en Vigo, respondeu así ás críticas do presidente da Xunta, que volveu sinalar como negativo o "sesgo político" da mobilización deste xoves na cidade olívica e que afirmou que serían "os de sempre". "Somos as e os de sempre e seguimos aquí. A plataforma de Vigo leva trinta anos defendendo a sanidade pública e seguiremos facéndoo", incidiu ao remate da marcha. 

Pancarta da Xunta de Persoal do CHUVI, con Pontón e Besteiro en segundo termo CC-BY-SA Praza.gal

A líder da oposición e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, así como o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro participaron na mobilización deste xoves, a primeira tras coñecer o resultado do informe do Consello de Contas sobre o Cunqueiro e despois de concluír a comisión de investigación no Parlamento sobre esa licitación e os contratos da Xunta na pandemia. O subdelegado do Goberno de España en Pontevedra, Abel Losada; o delegado do Estado para a Zona Franca, David Regades; alcaldesas e alcaldes dos concellos da área de Vigo e deputadas e deputados nacionalistas e socialistas no Parlamento tamén acompañaron á plataforma nas súas reivindicacións. 

"É necesario destacar o importante papel da cidadanía da nosa área sanitaria na contestación ao cambio de proxecto do Novo Hospital de Vigo", recolle o manifesto da plataforma

No centro de Vigo escoitáronse berros de "Goberne quen goberne, a sanidade non se vende", "máis planificación, menos improvisación", "queremos máis atención primaria" ou "menos inventos e máis investimentos". Os concellos de Arbo, Baiona, Cangas, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, Ponte Caldelas, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui e Vigo estiveron representados na manifestación, que reuniu a 62.000 persoas segundo a organización. 

"É necesario destacar o importante papel da cidadanía da nosa área sanitaria na contestación ao cambio de proxecto do Novo Hospital de Vigo", sinala SOS Sanidade no manifesto que leron Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, da compañía de teatro A Panadaría, que lembraron as demandas que desde a plataforma presentaron nestes anos diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou na Comisión Europea. 

A compañía teatral A Panadaría, encargada de ler o manifesto, co portavoz de SOS Sanidade Pública en Vigo, Manuel González Moreira CC-BY-SA Praza.gal

Dez anos de mobilización na rúa

O vindeiro setembro fará unha década da gran manifestación que acabou coa destitución de Rocío Mosquera como conselleira de Sanidade pola súa xestión do traslado ao Cunqueiro. "Facer un hospital máis pequeno, que non responde ás necesidades da nosa área sanitaria; e manter, e incluso aumentar, o negocio da sanidade privada, non pode quedar impune", recolle o manifesto da mobilización deste xoves. 

En setembro fará unha década da gran manifestación que acabou coa destitución de Rocío Mosquera: "Facer un hospital máis pequeno, que non responde ás necesidades da nosa área sanitaria non pode quedar impune"

SOS Sanidade reclama "a ampliación do Hospital Álvaro Cunqueiro co que non se construíu e que figuraba no proxecto funcional inicial, co obxectivo de garantir 1.265 camas, para dar cabida á poboación de referencia de Povisa, coa construción dun edificio anexo ás velas actuais, no que se restitúa o que se suprimiu". Ademais, pide unha "recuperación da atención primaria, cun aumento da inversión, analizando as necesidades de recursos, tanto humanos como estruturais, dos centros de saúde e dos PACs".

A plataforma tamén inclúe nas súas reclamacións "a integración de toda a actividade asistencial de Galaria no Sergas", que xa estaba prevista no ano 2009 e que a Xunta decidiu manter ao cargo desta empresa pública de servizos sanitarios, da que é xerente Rocío Mosquera. E insiste nas débedas que a Consellería de Sanidade acumula na comarca do Morrazo, onde piden que se constrúa o Centro de Alta Resolución coas especialidades mais demandadas e tamén o PAC de Atención Primaria, para o que "xa existía un informe favorable do Sergas". Da mesma maneira que non esquecen a necesidade dun "novo centro de saúde en O Hío que dea cobertura a O Hío e Aldán, tal como estaba previsto no ano 2008". 

Cabeceira da manifestación de SOS Sanidade, este 16 de xaneiro de 2025 en Vigo CC-BY-NC-SA BNG

Pontón e Besteiro encabezan as comitivas de BNG e PSdeG na mobilización, a primeira tras o informe de Contas que apuntou ao sobrecusto no Cunqueiro e despois da investigación no Parlamento

Pola súa banda, Ana Pontón insistiu en que o BNG seguirá a defender un "plan específico" para dotar a área sanitaria de Vigo dos recursos que necesita. "Hoxe sabemos que a pesar da pandemia, a atención primaria nesta área sanitaria ten menos recursos dos que tiña. Isto é unha situación que non se pode tolerar", asegurou a portavoz nacionalista. 

O líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou que "Vigo foi a referencia da aposta do PP por destruír a sanidade pública" e pediulle á cidadanía que pense no que se podería ter feito cos máis de catrocentos millóns de euros de sobrecusto na concesión privada do hospital vigués: "Un hospital máis pequeno e menos público do que previamos os propios socialistas". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.