Galicia é a segunda autonomía onde máis xente sabe como se financia a sanidade (pero o 43% ignórao)

Toma de presión arterial a unha paciente nun centro do Sergas CC-BY-SA Conchi Paz / Xunta

O Servizo Galego de Saúde finánciase neste ano 2024 dende unha partida xeral dos Orzamentos Xerais da Xunta que tivo unha dotación inicial de 4.936 millóns de euros. Como é habitual e vén constatando o Consello de Contas, esa cantidade vaise incrementando ao longo do ano para atender gastos de persoal ou de farmacia, polo que é posible afirmar que o exercicio finalizará con algo máis de 5.000 millóns de euros dos orzamentos públicos destinados á sanidade pública.

Case o 30% das persoas enquisadas en Galicia no Barómetro Sanitario do CIS cren que a sanidade pública se financia con cotizacións da poboación traballadora

Diante desta realidade e con independencia do debate de se eses orzamentos son ou non dabondo ou están mellor ou peor xestionados, os datos do barómetro sanitario que o Centro de Investigación Sociolóxicas (CIS) elabora por encarga do Ministerio de Sanidade, actualizados nos últimos días, acreditan que unha ampla proporción da poboación, tamén en Galicia, segue descoñecendo que os servizos sanitarios públicos se financian cos orzamentos xerais. É dicir, os que se nutren dos impostos de toda a cidadanía.

Ese descoñecemento é no noso país, non obstante, notablemente menor que na media estatal. Atendendo a este estudo, algo máis dun 57% da poboación coñece que a sanidade pública se financia con impostos mentres que en torno a un 26% mantén que se sustenta con cotizacións das persoas traballadoras á Seguridade Social, o cal non sucede dende finais dos anos 90 do século pasado. A estas engádese algo máis dun 11% que coida que o sistema sanitario público se apoia en ambas fontes de financiamento e case un 6% que "non sabe" como se financia. En total, arredor dun 43% ignora a resposta verdadeira.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, das respostas recompiladas polo CIS cabe afirmar que Galicia é a segunda autonomía con máis poboación que sabe como se financia a sanidade pública, só por tras de Euskadi. Na banda contraria están territorios como Cantabria, Aragón, Castilla La Mancha ou Canarias, onde case un 60% o descoñece.

Case a metade agarda máis dunha semana pola consulta en Atención Primaria

Como en edicións anteriores, o barómetro sanitario do CIS tamén se fixa en aspectos concretos da percepción cidadá da atención sanitaria pública. Entre eles, un dos que máis tensión vén soportando nos últimos anos por eivas como a sobrecarga e carencia do persoal: a Atención Primaria. 

Entre as conclusións que é posible tirar das respostas ao inquérito -cunha mostra de 7.800 persoas con 250 entrevistas fixadas a cada comunidade autónoma e as restantes, distribuídas por poboación, o que asignou a Galicia un total de 444- destaca que, no 80% dos casos, a última vez que as persoas enquisadas foron á médica ou médico de familia tiveron que agardar "máis dun día por non haber cita antes". Mentres, apenas o 6% o logrou na mesma xornada, a segunda peor cifra do Estado.

Menos dun 15% declara conseguir cita en Primaria no día que a pide ou na xornada seguinte

O estudo céntrase polo miúdo neses tempos de espera nos centros de saúde e permite coñecer, no caso galego, como case a metade das persoas enquisadas (o 48,7%) tiveron que esperar máis dunha semana pola cita en Atención primaria e unha de cada cinco, once ou máis días. A enquisa tamén reflicte, non obstante, que algo máis dun 40% puideron acceder aos servizos de medicina familiar e comunitaria en dous ou tres días dende que o solicitaron.

Os resultados galegos son, atendendo a esta enquisa do CIS, peores que a media estatal en indicadores como a porcentaxe de pacientes que agardan máis dunha semana e tamén na proporción de persoas que puideron acceder á médica ou médico de cabeceira ao día seguinte de pedíreno. Esas cifras de atención máis áxil están especialmente lonxe da autonomía que logra mellores indicadores, Navarra, onde case o 7% responden que recibiron atención nun día e case unha de cada cinco, en dous días.

Ao aglutinar todas estas respostas en cifras medias Galicia non figura, non obstante, entre os territorios con peores resultados. A media de espera en Atención Primaria rolda, segundo o inquérito do CIS, os 7,87 días, un menos que a media estatal e máis de tres menos que Balears e Catalunya, as autonomías con cifras máis elevadas. Na banda contraria en cifras medias están Castela e León e Euskadi, con apenas 5 días.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.