Sanidade dáse un ano para ter un "mapa exacto" dos recursos "dispoñibles" ante a falta de profesionais que bloquea o Sergas

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, este martes no pleno do Parlamento © Xoán Crespo/Xunta

Coincidindo coa toma de posesión de Antonio Gómez Caamaño, o pasado mes de abril, como conselleiro de Sanidade do Executivo de Alfonso Rueda, rexistrouse no Parlamento unha petición deste novo titular da carteira sanitaria para comparecer ante a Cámara e “informar sobre as liñas xerais de actuación do seu departamento”. Tres meses despois, este martes, e en plena axitación pola cobertura do verán, chegou dita comparecencia e Gómez Caamaño fixo un anuncio estrela: tardará aínda un ano en ter un novo plan de ordenación dos recursos humanos do Sergas, no que asegura que xa están a traballar. 

“Preparamos un plan de recursos humanos que agardamos ter ultimado no prazo dun ano, o obxectivo é contar cun mapa exacto de todos os recursos dos que dispoñemos ao longo do territorio, que nos permita facer unha proxección das necesidades asistenciais futuras e responder a elas con facilidade”, detallou Gómez Caamaño, para avanzar que este mes constituirán un grupo de traballo e levarán “a primeira proposta” á Mesa sectorial de Sanidade, onde están representados os sindicatos.

Concentración en Palmeira (Ribeira) en defensa da atención primaria o 21 de xuño de 2024 CC-BY-SA Plataforma en defensa da sanidade pública da comarca da Barbanza

Jesús Sueiro, portavoz da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), valora positivamente que se leve a cabo un plan de recursos humanos, “sempre e cando sexa realista e non só atinxa aos médicos e médicas”, sinala. “Efectivamente, faltan facultativos, pero consideramos que hai unha gran capacidade de crecemento das áreas administrativas porque hoxe é moito o labor administrativo que se fai desde as consultas médicas e resulta insostible. O mesmo pasa coa enfermaría, hai que facer unha aposta pola enfermaría de atención primaria, nestes tempos de cronicidade e envellecemento precisamos que estes doentes reciban os coidados que necesitan”, destaca.

"Reduciremos ao mínimo todos os trámites burocráticos, permitindo unha atención clínica máis detallada e personalizada que fortaleza a relación médico-paciente", salientou o conselleiro

Sen dúbida, a atención primaria protagonizou a exposición no Parlamento de Antonio Gómez Caamaño, que vén de dirixir o servizo de Oncoloxía radioterápica do Complexo hospitalario universitario de Santiago (CHUS) durante a última década. “Queremos que todos os profesionais dos centros de saúde acaden o máis alto nivel competencial e fagan todo aquilo para o que están preparados, reduciremos ao mínimo todos os trámites burocráticos, permitindo unha atención clínica máis detallada e personalizada que fortaleza a relación médico-paciente”, asegurou o conselleiro, que se referiu a “un plan que estará en plena marcha este mesmo ano” e do que xa avanzou que se cumprirá “o 40%” antes de que remate 2024. “En 2026 a burocracia en atención primaria estará reducida ao mínimo imprescindible”, prometeu.

Desde a Agamfec inciden en que “o papel o aguanta todo” e que precisan de medidas reais para “comezar a pensar en positivo cara ao futuro da atención primaria, se non, seguiriamos no día da marmota, cun continuísmo que nos leva á marxinalidade”. O médico de Familia Jesús Sueiro aposta por “darlle un maior protagonismo aos xefes de servizo e que os centros de saúde teñan certa autonomía para que de verdade poidan estar integrados na súa contorna e responder as necesidades da comunidade”.

A deputada do BNG Montse Prado este martes no Parlamento CC-BY-SA BNG

A deputada do BNG Montse Prado recriminoulle o conselleiro que non aporte medidas urxentes. “Vostede non é un outsider, alguén que pasaba por aquí e decidiu ser conselleiro, vostede vén seguir o proxecto e as políticas do Partido Popular, non empeza hoxe. Cre que pode vir aquí, quince anos despois, coa poboación mobilizada, cos profesionais ao límite, a dicir ‘que o está estudando’ e que vai facer un plan de recursos humanos para dentro dun ano?”, díxolle a nacionalista.

Prado referiuse ao informe anual do sistema de saúde, publicado polo Ministerio, para advertir que “Galiza segue estando á cola en atención primaria, cun 11,79% de investimento, fronte ao 14,17% da media do Estado, case dous puntos e medio de diferenza”. Ademais, a deputada do BNG denunciou que “desde 2009 pecharon o 33% dos consultorios locais de atención primaria, e que dos que oficialmente non están pechados, a práctica totalidade non contan con actividade desde 2020”.

O BNG lembra que Galicia "segue estando á cola en atención primaria, cun 11,79% de investimento, fronte ao 14,17% da media do Estado" e o PSdeG pide un plan de choque co obxectivo de reducir as listas de espera "insoportables"

Pola súa banda, a portavoz de Sanidade do PSdeG no Parlamento, Elena Espinosa, reclamou un plan a medio prazo para garantir o servizo de Pediatría e un plan de choque co obxectivo de reducir as listas de espera “insoportables” en atención primaria e especializada. A deputada socialista fixo fincapé en que, con todo, “as listas de espera non recollen a realidade porque so contabilizan o tempo dende que son axendadas”.

Entre os moitos plans futuros que citou o conselleiro de Sanidade na súa intervención na Cámara, referiuse a outra medida que afecta ás consultas nos centros de saúde, o “plan estratéxico para a continuidade asistencial”, que implicará “unha maior interacción, máis real e eficiente, entre a atención hospitalaria e a atención primaria”. Isto correspóndese cunha demanda histórica dos sanitarios que desde os centros de saúde reclaman vías de comunicación máis directas cos facultativos especialistas. Gómez Caamaño defendeu que “é importante acadar un pacto a tres bandas entre os actores involucrados (administración, profesionais sanitarios e poboación) para definir a sanidade que queremos cara ao futuro”.

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, no Parlamento no pleno deste martes CC-BY-SA PSdeG

En liña co que reclaman desde a Agamfec, o conselleiro sinalou que a Xunta aprobará un novo decreto para regular o traballo na atención primaria, que a dote de “maior autonomía”. Tamén mencionou que se incrementará o persoal de enfermaría nos centros de saúde, “ata acadar que por cada profesional médico haxa outro de enfermaría”. Isto último xa era un obxectivo do Plan de mellora de atención primaria aprobado polo Goberno de PSdeG e BNG en 2007, que foi cancelado polo Executivo de Feijóo en 2009. 

Ademais, o conselleiro prometeu rematar co periplo das persoas que ingresan no hospital e teñen que pedir cita no seu centro de saúde para obter unha baixa laboral. Gómez Caamaño comprometeuse a que a expedición da baixa laboral se realizará por parte dos servizos hospitalarios sempre que o paciente ingrese. “Avaliaremos novas fórmulas de seguimento de doentes cunha incapacidade temporal de media ou longa duración”, engadiu. 

Gómez Caamaño comprometeuse a que a expedición da baixa laboral se realizará por parte dos servizos hospitalarios sempre que o paciente ingrese

O conselleiro incidiu en que o Ministerio ten que permitir que se incremente o número de prazas en formación das especialidades de Medicina Familiar e Comunitaria e Pediatría, a pesar de que estes anos non se están cubrindo as que xa hai en Galicia. Segundo a súa argumentación, “o motivo polo que non se cobren é polo proceso de elección das prazas MIR (médico interno residente), que deixou de ser un proceso de elección para converterse nun de designación, e tamén pedimos que cambie porque é necesario que o punto de corte non o estableza un número determinado de prazas, senón a última praza dispoñible”.

Nun discurso que chega tres meses despois do seu acceso á Consellería de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño fixo varias declaracións de intencións que, segundo el mesmo mencionou, retratan o seu carácter e a súa dedicación á sanidade pública galega. “Imos poñer no centro das políticas da Xunta a sanidade pública”, aseverou para referirse a que tomará medidas para “protexer e preservar” o sistema de saúde que permitan “mellorar as condicións de traballo dos nosos profesionais sanitarios”. En definitiva, as solucións pasan por “optimizar a atención dos pacientes sen sobrecargar os facultativos e o resto dos profesionais sanitarios”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.