Como cada inicio de verán, a previsión de peches de camas en hospitais do Sergas cadrando co groso das vacacións do persoal e a menor actividade asistencial programada axita a contorna do sistema sanitario público. Desta volta faino nun contexto no que o Goberno galego e, en particular, o novo equipo que dirixe a Consellería de Sanidade con Antonio Gómez Caamaño á fronte, pon o foco na falta de persoal, sobre todo en Atención Primaria, e nos seus plans para paliar o problema.
O sindicato de enfermaría SATSE calcula que as camas pechadas serán unhas 784 e só unha área, a de Ourense, manterá todas abertas
O sindicato de enfermaría SATSE calcula, con información recompilada nas sete áreas sanitarias, que as camas pechadas no conxunto da rede pública durante os meses estivais serán case 800. Concretamente, 784, a suma de todas as que estarán inoperativas en seis das sete áreas. Como en anos anteriores, a única na que non hai previsión de peches é a de Ourense, cuxo persoal vén advertindo de diversas carencias e saturacións.
Como adoita acontecer, Sanidade argumenta que estas arredor de 800 camas hospitalarias que non estarán operativas non estarán pechadas en sentido estrito. Porque, sinala, se fosen precisas serían habilitadas nun período no que, evidencia, diminúe a actividade e gran parte do persoal ten os seus períodos vacacionais.
As camas pechadas son algo máis do 10% das dispoñibles. Sanidade reitera, como en anos anteriores, que estarían dispoñibles se fosen precisas durante un período no que se concentran as vacacións do persoal
Esta previsión prodúcese nun contexto no que, segundo as cifras oficiais do Ministerio de Sanidade, Galicia conta cunhas 9.500 camas hospitalarias. O dato de 2022, o máis recente, situábase en 9.466. A maior parte delas, 7.798, eran de titularidade pública. Dentro deste total, o departamento estatal especificaba que as camas en funcionamento eran unhas 8.400, polo que a previsión de peche para este verán atinxe a algo máis do 10% do total.
Os datos do Sergas, recompilados polo IGE, son un chisco distintos. O Goberno galego ten rexistradas para 2022 un total de 9.712 camas hospitalarias instaladas en Galicia, das cales 8.644 estarían funcionando.
Sanidade, en calquera caso, centra as súas mensaxes nos últimos días no seu plan para cubrir a Atención Primaria ante o verán, cuxa dotación cifra en 12,5 millóns de euros. O conselleiro Gómez Caamaño asegura que a súa "planificación" contrasta co que descualifica como "inacción do Goberno central por arranxar o problema de falta de médicos de familia que afecta a toda España".