Sanidade non concreta como supervisará o persoal médico en formación que pase consulta no verán

O traballo voluntario dos residentes é o único plan do Sergas para o verán CC-BY-SA Xunta/Clay Banks Montaxe:Praza.gal

O plan asinado polo Sergas non especifica quen asumirá a responsabilidade da supervisión dos médicos en formación en cada momento, mentres que o Ministerio implica a todos os profesionais dun centro na supervisión dos residentes

“Galicia vén defendendo que os médicos residentes asuman de forma autónoma unha consulta, sempre e cando se cumpran estes tres criterios: que sexa baixo supervisión, que sexa de forma voluntaria e que conte con incentivos económicos”. A Consellería de Sanidade segue tendo que explicar o que –ata agora– é o seu único plan para a cobertura dos centros de saúde e dos servizos de urxencias durante o verán.

A Xunta incide en que se trata dunha proposta “plenamente legal” e que o plan formativo xa “prevé que o residente de 4º ano de medicina familiar e comunitaria debe ser capaz de asumir de forma completa e autónoma unha consulta sen presenza de titor”. Isto mesmo o ratifica o documento do Ministerio de Sanidade que avala a idea do Sergas, aínda que profunda máis no asunto da supervisión. Con todo, a encomenda aprobada polo Consello de Dirección do Sergas non especifica quen asumirá a responsabilidade de supervisar aos médicos en formación que pasen consulta de maneira autónoma, para que se cumpra a lei e sempre teñan a quen recorrer en caso de dúbida ou emerxencia.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, este mércores no Parlamento CC-BY-SA Consellería de Sanidade

Para a CIG-Saúde, o único sindicato que se ten manifestado sobre este plan do Sergas, “non queda claro que profesionais asumirán a supervisión nos ámbitos onde se desenvolva o traballo dos residentes como especialistas, con que tipo de nomeamento e en que condicións o farán, nin como se garante que haberá sempre, no centro, unha persoa que exerza esa supervisión”. “Fan unha modificación do traballo dos residentes sen que aporte en gran medida resolver os problemas que imos ter este verán”, destaca Manuel G. Moreira, secretario nacional da CIG-Saúde.

Desde a Consellería de Sanidade trasladan que “o sistema garante un sistema de supervisión para os residentes pero, como recolle o programa e recoñece o propio Ministerio no seu escrito, esa supervisión non ten que ser obrigatoriamente feita polo titor, pode realizala tamén outro profesional”.

"Se se cumpre a supervisión, estes residentes estarán en centros grandes onde normalmente xa non se substitúe. Polo tanto, o que este plan pode aportar para resolver problemas é mínimo", explica Manuel G. Moreira, da CIG-Saúde

O documento remitido desde o Ministerio de Sanidade ás comunidades detalla os límites que o marco legal establece para o persoal en formación, “especialmente en relación cos elementos susceptibles de centrar as medidas de xestión encamiñadas a afrontar o período estival deste ano”. Detalla que existe “un nivel decrecente de supervisión” a medida que os médicos e médicas avanzan na adquisición de competencias relacionadas coa súa especialidade e que no cuarto ano como residentes deberan “facerse cargo de forma autónoma e completa dunha consulta de medicina de familia sen a presenza do titor”.

No devandito documento especifícase que "o deber xeral de supervisión é inherente aos profesionais que presten servizos nas distintas unidades asistenciais onde se formen os residentes, quen estará obrigados a informar os titores sobre as actividades realizadas polos residentes". Desta maneira, implica a todos os profesionais dun centro na supervisión dos residentes.  

Ademais, o Ministerio refírese ao real decreto que regula as rotacións en centros “non previstos no programa de formación”. Para iso, sinala que teñen que partir dunha proposta do titor á comisión de docencia e “debe xustificarse a oportunidade da devandita rotación no currículo formativo do residente”, levarse a cabo “preferentemente en centros acreditados para a docencia” e “que a comisión de docencia de destino manifeste expresamente a súa conformidade”.

Despedida dos residentes que rematan a súa formación na área sanitaria de Ferrol ​e benvida aos que comezan CC-BY-SA Sergas

“O traballo dos residentes ten que facerse supervisado, para que haxa supervisión ten que haber profesionais especialistas no centro onde desenvolvan ese traballo. Polo tanto, só poderán desenvolver o seu traballo en centros de saúde con unidade docente ou cun número de profesionais suficiente como para que se hai unha saída para a atención na vía pública ou nun domicilio, quede sempre un profesional no centro que garanta ese labor de supervisión”, explica Manuel G. Moreira.

"É moi difícil que un residente poida asumir a carga de traballo dun PAC porque en calquera momento pode quedar só. E se queda só estaranse a incumprir as súas condicións de traballo. Así que, se se cumpre a supervisión, estes residentes estarán en centros grandes onde normalmente xa non se substitúe", di Manuel G. Moreira

“Por exemplo, é moi difícil que un residente poida asumir a carga de traballo dun PAC porque en calquera momento pode quedar só. E se queda só estaranse a incumprir as súas condicións de traballo. Así que, se se cumpre a supervisión, estes residentes estarán en centros grandes onde normalmente xa non se substitúe, as ausencias ou vacacións cóbrense con intersubstitucións ou con prolongacións de xornada dos compañeiros e compañeiras. Polo tanto, o que este plan pode aportar para resolver problemas é mínimo. Fan unha modificación do traballo dos residentes, cambian a súa estrutura de formación sen ofrecer unha alternativa ao programa de formación que tiñan que desenvolver neses meses para en realidade non solucionar o problema real de substitución. Pois o problema realmente está nos centros de saúde pequenos, nos de difícil cobertura ou nos PAC con poucas presenzas”, engade o secretario nacional da sección de saúde da central sindical, maioritaria na sanidade pública galega.

Moreira salienta que o Sergas coñece os recursos cos que conta, e critica que non se tomaran decisións antes para “planificar” o verán. “Esta é unha falsa solución porque non resolve o problema, e tampouco o resolve que desde a Consellería se insista na capacidade de autoxestións dos centros de saúde. Nas condicións nas que se traballa en moitos centros de saúde é imposible auto-organizarse", argumenta.

O secretario nacional da CIG-Saúde debulla que "nun centro urbano, cunhas dimensións grandes e con todo o seu cadro de persoal presente pode organizarse o verán, asumindo a outra parte do cadro de persoal que queda o traballo dos que se van mediante prolongacións de xornada ou intersubstitucións; non é o desexable pero pode ser factible. Pero noutras contornas, como poden ser os centos do rural onde os cadros de persoal xa están minguados porque hai prazas estruturais sen cubrir, a ausencia de profesionais fai que sexa imposible auto-organizarse. Ademais, moitos destes centros de saúde están en lugares nos que se incrementa notablemente a poboación no verán. E a poboación que vén aquí non ten o perfil dos visitantes que chegan a unha vila dedicada ao turismo. Hai moita poboación que volve no verán e aproveita para ir o médico ou levar os seus familiares a facer as revisións. Tendo en conta todo isto, a situación é moi complicada”, defende o representante sindical e médico de familia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.