A falta de persoal médico é unha constante no debate político e social en torno ao estado da sanidade pública. Os recortes durante a crise financeira que estoupou en 2008 propiciaron unha falta de remuda suficiente fronte ás xubilacións que, xunto a factores como as condicións laborais, provocan que os sucesivos récords dos últimos anos para formar novo persoal médico público (o MIR) non sexan dabondo. Especialmente en Atención Primaria.
O conselleiro Caamaño defende que a falta de persoal médico de Primaria no verán é "un asunto de competencia estatal" e pide unha reunión "urxente" á ministra de Sanidade
Con este pano de fondo, e despois de que na última convocatoria MIR en Galicia ficasen sen cubrir 42 prazas das ofertadas para medicina de familia -unha de cada cinco, a maioría en Lugo e Ourense-, o novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, vén de asumir que esa falta de persoal médico nos centros de saúde volverá agudizarse polo verán, cando cadran as vacacións de gran parte dos profesionais con picos de demanda en contornas vacacionais. Van volver faltar médicos de Primaria no verán, pero pide que o Goberno de España o solucione.
A través dun comunicado, a Xunta informa de que Gómez Caamaño "vén de solicitarlle ao Ministerio de Sanidade" que convoque de maneira "urxente" unha reunión extraordinaria do Consello Interterritorial de Saúde -o órgano de interlocución de Estado e autonomías en materia sanitaria- para que o departamento que dirixe Mónica García ofreza "solucións para cubrir a falta de profesionais sanitarios este verán". Porque, agrega esa nota oficial, "é un asunto de competencia estatal".
Como en anteriores ocasións e con anteriores conselleiros do PP, a Xunta agrega de novo no seu argumentario que a falta de persoal médico non é un problema "só de Galicia, senón do conxunto de España". E por iso realiza esta reclamación xunto con "outras comunidades autónomas".
En realidade, o emprazamento parte da dirección estatal do PP como reproche á ministra tras participar nunha manifestación contra a xestión sanitaria de Ayuso
En realidade, o emprazamento á ministra de Sanidade non parte da Xunta, senón da dirección estatal do PP. Dende a cúpula agora encabezada por Alberto Núñez Feijóo indican que este pasado mércores a súa vicesecretaria de sanidade, Ester Muñoz, se reuniu cos conselleiros da materia nas autonomías onde goberna o PP e alí foi decidido escribir á ministra para realizarlle esa demanda. Pero tamén para reprocharlle que acudise "como unha activista" a unha manifestación que, a pasada semana, reclamaba a fin dos recortes sanitarios na Comunidade de Madrid.
Hai dous anos, o Sergas e o Concello de Sanxenxo ofreceron pisos de balde a persoal médico de fóra de Galicia que fose traballar a centros de saúde da vila durante o verán
Hai apenas dous anos, aínda con Julio García Comesaña como conselleiro, Sanidade evidenciaba tamén ás portas do verán que volvería faltar persoal médico de Atención Primaria, moi especialmente en zonas turísticas da costa. Dese diagnóstico partira a iniciativa conxunta co Concello de Sanxenxo para ofrecer ata catro vivendas de balde a outras tantas médicas ou médicos de fóra de Galicia que fosen traballar de xullo a setembro a centros de saúde da vila do Salnés.
Para xullo daquel ano lograran captar tres profesionais procedentes de Madrid. Na iniciativa non pediran colaboración ningunha do Goberno de España.